Henrique Rabuñal no Club de lectura de Arteixo

O escritor Henrique Rabuñal falará da súa obra Ollos negros cos membros do Club de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo (A Coruña). O acto terá lugar o martes, día 4 de marzo ás 20:00 horas na propia biblioteca situada no Centro Cívico. Tamén fará un repaso á biografía intelectual de Xosé María Álvarez Blázquez.

Presentación na Coruña de No pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior</em

O martes 26 de febreiro en Portas Ártabras (A Coruña) terá lugar a presentación do libro No pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior, de Xosé Luna Sanamartín. Tamén participarán no acto Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello e o propio Francisco Pillado. O libro recolle máis de trinta horas de conversa nas que Pillado fai un balance da súa traxectoria intelectual nos ámbitos da creación, a investigación, a tradución, o teatro, a edición e a vida pública galega.

A AELG promove un libro sobre a cidade da Coruña

Con motivo da celebración do 800 aniversario da cidade da Coruña, e en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, a Asociación de Escritores en Lingua Galega encargarase da elaboración dun libro que será publicado ao longo deste ano.
É por iso que a AELG lanza a proposta de participación aos seus asociados/as, solicitando un texto de creación literaria de non máis dun folio, inédito ou xa publicado, dedicado á cidade da Coruña ou que con ela teña relación.
Os textos poden ser enviados por fax, correo postal ou electrónico aos seguintes enderezos:
AELG
Asociación de Escritores en Lingua Galega
Avda. de Alfonso Molina, s/n.
Edificio de Sindicatos, 8ª planta.
15.008 – A CORUÑA
Tlf/Fax : 981 133 233
oficina@aelg.org

O prazo de recepción dos textos rematará o 30 de marzo de 2008. (AELG)

Henrique Rabuñal publica unha biografía de Xosé María Álvarez Blázquez

A editorial Laiovento, sumándose á celebración do ano Álvarez Blázquez, publica unha biografía do protagonista das Letras Galegas 2008 da autoría do tamén escritor e profesor Henrique Rabuñal.
O libro, escrito cunha evidente vocación de síntese, repasa todas as etapas vitais, os grandes proxectos intelectuais e o conxunto da obra literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez, da que o libro de Rabuñal achega unha antoloxía con diversos textos, poemas e mesmo un relato íntegro. Por estas razóns ademais de servir para un lector habitual, o libro é unha excelente ferramenta para o mundo do ensino e unha boa introdución para quen queira profundizar nun dos múltiples aspectos que se abordan no libro.
O libro fai fincapé no labor de Álvarez Blázquez como editor e contén unha descrición sumaria pero exhaustiva de todos e cada un dos libros e textos do autor tudense.
Henrique Rabuñal, doutor en Filoloxía Galega e directivo da AELG, xa publicou outras biografías de éxito de importantes figuras da nosa cultura como Manuel Murguía, Xenaro Mariñas, o Padre Sarmiento ou Lugrís Freire.

Chega ás librarías Para dicir abril, Premio Risco de Creación Literaria 2007

«Sotelo Blanco Edicións edita a nova obra narrativa do prolífico escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor, “Para dicir abril”, incluída na súa colección Medusa Narrativa. Esta obra, que xa se pode atopar nas librarías, resultou gañadora do Premio Risco de Creación Literaria 2007, certame organizado anualmente pola Fundación Vicente Risco en colaboración co concello de Ourense.» (AGE)

Liquids. Revista de estudos literarios ibéricos

LiquidsLiquids. Revista de estudos literarios ibéricos trátase dunha revista electrónica semestral que comezou a súa andaina en maio de 2007. Inclúe artigos e recensións, e ocasionalmente tamén un espazo de creación. Está aberta a todas as linguas peninsulares.
A coordinadora da sección galega convida a participar na revista con aportacións preferentes sobre a literatura galega. No seguinte número precisan de unha ou dúas recensións sobre libros de crítica ou investigación, escritos en galego ou sobre a literatura galega. (Liquids)