Presentación en Vigo de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño

A presentación de Profundidade de campo (XV Premio de poesía Espiral Maior) , de Yolanda Castaño Xoves, terá lugar o día 13 de decembro ás 20:00 horas en El Corte Inglés de Vigo – Sala “Ámbito Cultural” (Gran Vía, 25, 7º andar).
Contará coa presenza do escritor e membro do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, o
director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e a propia autora, que asinará exemplares da súa obra desde as 19:00 horas na sección de libraría.

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, novo libro de Antón Patiño.

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, de Antón Patiño (Ediciós do Castro. Arte, 2007) «trátase dun longo traballo de achegamento á vida e obra do pintor do mar, elaborado despois de décadas de esculcas. Rastrexando datos biográficos e referencias perdidas na néboa do tempo. Iste libro é o resultado máis completo despois de moitos textos e publicacións que dedicou o autor á obra de Lugrís. Xunto con Rosario Sarmiento, Antón Patiño foi comisario da meirande exposición dedicada a Urbano Lugrís (que tivera lugar en Madrid e Santiago de Compostela contra o 1997). Daquela xa fixera un extensa achega en profundidade ao pintor cunha morea de datos publicados no catálogo da mostra.»

Unha falsa luz, de Xavier Alcalá, preséntase n’ A Coruña

Xavier Alcalá presentará na Fnac d’ A Coruña a súa nova novela Unha falsa luz, coa que completa a triloxía “Evanxélica memoria”. Será ás 19:30 horas e o acto contará, ademais de coa presenza do autor, coa do Pastor evanxélico Timoteo Figueirido, do editor Víctor Freixanes e do escritor Xulio López Valcárcel. (Cultura Fnac)

Preséntase en Compostela O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos, de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás

<em>O neno que tiña medo dos robots / O robot que tiña medo dos nenos</em> é un dobre conto que o martes día 4 de decembro presentan na Biblioteca da Fundación Galicia (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, Santiago) os seus autores: o escritor Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás. No acto de presentación un grupo de compoñentes do grupo de teatro do IES Eduardo Pondal, onde imparte clases Miguel Vázquez Freire, fará unha lectura dramatizada do conto acompañada dunha banda sonora seleccionada para a ocasión e a proxección das imaxes de Xosé Tomás.

Presentación en Fisterra da nova colección de poesía “Edoy Leliadoura”

A Taberna Ultreia e Sotelo Blanco Edicións presentarán os libros da nova colección de poesía Edoy Leliadoura:

  • Derrotas con raíces, de Modesto Fraga;
  • Memoria de Ahab, de Rafa Villar;
  • Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado.

Será o 30 de novembro ás 20:00 horas na Taberna Ultreia (Rúa Santa Catalina, 28) de Fisterra. Intervirán Modesto Fraga, Rafa Villar e Daniel Salgado.