Presentación en Santa Comba de Xallas. Teoría da existencia, de Lois Oreiro

O venres 28 de setembro, ás 21:00 horas no Salón de Actos do Edificio Multiusos de Santa Comba, terá lugar a presentación do libro Xallas. Teoría da existencia, de Lois Oreiro. No acto intervirán Ángel Carracedo Álvarez (catedrático de Medicina Legal da USC e Fillo Predilecto de Santa Comba), José Antonio Ucha Velo (alcalde de Santa Comba), Antonio Puentes Chao (director editorial de 3C3) e o propio autor.

Séchu Sende estará no Literactúa de Carballo

O Concello de Carballo e a Taberna-Café O’ Patacón convidan á conversa con Séchu Sende, autor do libro de relatos sociolingüísticos Made in Galiza, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego. Será o día 26 de setembro de 2007, ás 20:30 horas, na Taberna-Café O’ Patacón de Carballo. (Concello de Carballo)

A AELG entrega documentación sobre os escritores á Real Academia Galega

«A Real Academia Galega (RAG) recibe hoxe unha serie de documentos proporcionados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Estes documentos consisten en fotos, biografías, mostras de obras, traducións, entrevistas e artigos publicados por ou sobre os escritores, entre outros; e pasarán a formar parte do Centro de Documentación de Escritores Galegos.» (Galicia-Hoxe.com)

Presentación en Vigo de “A porta verde do sétimo andar”

O colectivo vigués A porta verde do sétimo andar presentará en Vigo a súa primeira colectánea poética. Unha edición dos autores que leva por título o nome da organización na que participan Alfonso Láuzara, Alfonso Rodríguez, Abilio Rodríguez, Luís Viñas, Elvira Riveiro Tobío, Cruz Martínez, Rosa Martínez, Manolo Pipas e Alberte Momán. Será o xoves 20 de setembro, na Galería Sargadelos de Vigo, ás 20:00 horas.

Presentación en Compostela de “Ratas en Manhattan”, de Francisco Álvarez

O martes 11 de setembro, ás 20:00 horas, presentarase a obra Ratas en Manhattan, de Francisco Álvarez. Será na Livraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes). Ademais do autor do libro intervirán Ánxela Gracián (directora da colección e escritora) e Olegario Sotelo Blanco (editor).