Presentación de “Saudar a vida”, de Xavier Seoane

O ensaio Saudar a vida. Unha defensa das humanidades na sociedade do coñecemento, de Xavier Seoane, será presentado o xoves 19 de abril, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos d’A Coruña (Rúa Real, 56). No acto, que contará coa participación de Manuel Gallego Jorreto, participarán tamén Cesáreo Sánchez Iglesias, Manuel Bragado (Edicións Xerais) e o propio autor.

Presentación dunha antoloxía dos Premios Esquío (1981-2006)

O día 21 de abril, sábado, a Sociedade de cultura Valle-Inclán de Ferrol honrará o Patrimonio de Feira Antiga na Arquitectura dos Pendellos d’Agolada coa celebración dos seus 25 anos (máis un) de existencia, na coordinación do Premio Esquío de poesía (galego e castelán). Neste contexto terá lugar a presentación do libro Poesía viva, pura poesía (Antoloxía dos Premios Esquío: 1981-2006), e un recital dos poetas premiados conducido por Vicente Araguas. Entre os poetas que xa teñen confirmada a súa asistencia figuran: María do Carme Álvaro, Ramón Caride, Baldomero Iglesias Dobarrio, Fernández Abella, David Otero, Elvira Riveiro Tobío e Ángel Utrera Baza.

Galería Sargadelos de Ferrol: «Educar para ler»

A Galería Sargadelos Ferrol informa de que comezan as actividades da campaña de animación á lectura «Educar para ler», con encontros entre alumnos de centros de ensino de Ferrolterra e os autores dos libros seleccionados polos propios centros educativos con motivo desta campaña.

O venres 27 de abril ás 17:30 horas contarán coa presenza de Yolanda Castaño e Eduardo Hermida, escritora e ilustrador do libro Punver. No acto os autores realizarán un obradoiro con música e dramatización da obra.