Salón do Libro Infantil e Xuvenil: axenda do mércores 10 de febreiro

Mañá, Mércores 10 de Febreiro, “Os Bolechas” chegan ao Auditorio do Pazo da Cultura da man de Caramuxo Teatro. Cunha duración de 45 minutos, está recomendado para público a partir de 3 anos. As funcións previstas para a mañá son concertadas cos colexios e contan cun aforo de 409 asistentes para as 10.00 horas e de
395 nenos e nenas para as 12.00 horas. A sesión da tarde é aberta a todos os públicos e as entradas estarán á venda na billeteira dende unha hora antes do comezo, sendo o seu custo de 3 euros, salvo para os menores de 12 anos, que terá un desconto do 50%.

Na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura ás 17.30 horas, o contacontos Carballo con botas de Papaventos amenizará por terceira xornada das “Tardes na sala”.

O XI SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA organiza no serán do mércores, 10 de febreiro de 2010, ás 19.00 horas, no Café Moderno (Fundación Caixagalicia) a presentación do proxecto “Contos do Camiño”
de OQO Editora, que empregará os contos populares de distintos países como fío condutor. Os relatos narrados, a música e as imaxes permitiranlles aos máis pequenos peregrinaren polas distintas rutas xacobeas e afondaren asemade nos valores da convivencia entre culturas.

A programación do Salón no Café Moderno continúa o ciclo “Os autores e as cidades”, que ás 19:30 horas contará coa conferencia NY coma cidade con luz, de Inma López Silva.

As actividades previstas na programación do XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra inclúen ademais:

-10:00 – 10:40 e 11:45 – 12:25
Obradoiro Escrita, con Tagen Ata
Obradoiro Ilustración, con Anxo Fariña
Obradoiro “A Cidade Enorme”. OQO Editora
CONTACONTOS: Celso Fernández, Pavís Pavós e Queliña
TEATRO: Migallas

-10:00 / 11:15.- OBRADOIROS URBANOS: Nenos Policía por un día

-10:00 e 12:00 Caramuxo teatro – Os Bolechas (Auditorio do Pazo – función concertada cos centros escolares)

-10:40 – 11:10: visita ao Salón
-11:00 – 11:30: visita ao Salón

– 11:30 – 13:00: OBRADOIROS URBANOS: Nenos Policía por un día

-12:25 – 12:45: visita ao Salón
-12:45 – 13:30: visita ao Salón

-17.30: Tardes na Sala: “Carballo con botas” (Papaventos)

-18:30: Caramuxo teatro – Os Bolechas (Auditorio do Pazo para todos os públicos)

-19:00: Presentación do proxecto “Os contos do camiño”. OQO editora (Casa das Campás)

-19:30 CONFERENCIA Ciclo Os autores e as cidades (Caixagalicia): “NY como cidade con luz” – Inma López Silva

Actividades da AELG en 2010

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias, celebrada recentemente no Museo do Pobo Galego, acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2010, do que cómpre salientar:

-A concesión do premio Bós e xenerosos ao Colectivo de Concellos organizadores do Premio Blanco Amor de Narrativa, e da Letra “E”, Escritora na súa Terra, a Marilar Aleixandre.

-Entrega do galardón Escritor Galego Universal ao arxentino Juan Gelman na Cea das Letras, acontecemento literario onde se entregarán os Premios AELG XXX Aniversario. O premio para institucións irá para o Salón do Libro de Pontevedra. Este acto será ademais a oportunidade para exteriorizar a celebración do XXX aniversario da AELG, e homenaxear a todos os membros das respectivas directivas que a asociación tivo ao longo da súa historia.

Celebrarase tamén o ciclo de conferencias “III Encontro Cidade da Coruña”, a “II Xornada da Crítica”, o “IV Encontro de Escritores/as Novos/as”, a I “Xornada de Literatura e Ensino” e a “III Xornada de Literatura de Tradición Oral”; e
participará igualmente na edición do Galeusca, que organiza este ano a AELG na Coruña.

“A escrita do conto popular” é o título dun congreso que se celebrará en colaboración coa USC, e levará a cabo un Roteiro Novoneyra, no que colabora a Deputación de Lugo, e o ciclo “Escritores na Universidade”, organizado coa UDC e o Concello da Coruña.

Editaranse as actas da II Xornada de Literatura de Tradición Oral., e se lle dará continuidade a gravación en vídeo dos socios/as da AELG e do proceso de dixitalización para o Centro de Documentación da web da asociación, así como da apertura dunha sección na web coa historia da AELG a través dos informes de prensa.

Está prevista a celebración de 2 Polafías na Coruña, 2 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense, así como a colaboración coa Concellería de Cultura de Compostela para a elaboración de 4 roteiros literarios na cidade.
Finalmente, a AELG organizará un Cortexo Cívico conmemorativo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, desde Padrón ao Panteón de Galegos Ilustres.

Comezou o XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Onte domingo quedou inaugurado o XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que desenvolverá un completo programa de actividades até o 14 de marzo. Salientamos de maneira moi especial a homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz que terá lugar o sábado 13 de marzo, coa participación de Xabier P. Docampo e a actuación de Mini e Mero. Podedes descargar o programa en PDF (2,2 MB) premendo nesta ligazón