Manuel Vidal Villaverde entrevista a Manuel Lourenzo en Galicia Hoxe.
Arquivo da categoría: Entrevistas
Xornal de Galicia: café de redacción con Suso de Toro
Xornal de Galicia publicou onte domingo un café de redacción co escritor Suso de Toro. Podedes lelo neste enderezo
Nélida Piñón: “O galego é unha lingua de seu, soberana, distinta do portugués”
“Estou moi cansa. Erguinme ás catro da mañá e non durmo ben dende que saín do Brasil”, advirte Nélida Piñón (Vila Isabel, Río de Janeiro, 1937) ao comezo deste encontro. Leva case toda a semana promocionando o seu novo libro, Corazón andariego, publicado en castelán por Alfaguara, e o esgotamento reflícteselle no rostro, pero non afecta ao seu carácter aberto e falador. Nunha conversa que mestura galego, portugués e sobre todo castelán, tres linguas que a autora d’A república dos soños considera como entes diferenciados. Nesa Babel na que todo se entende, a escritora fala, coma se nunca o contara antes, de como a memoria construe unha ficción co pasado de un, ou de como unha visita a unha Galicia “fabuladora” con dez anos cambiou a súa visión da vida.[Ler entrevista completa de Arturo Losada a Nélida Piñón en Xornal de Galicia]
Entrevista a Xabier P. Docampo en A Nosa Terra
“Reivindicamos que se cumpra a lei e que se garanta o status real da lingua propia de Galiza. Existe unha lingua maioritaria que conta con todas as beizóns, que ninguén atacou nunca e que mesmo conta coa meirande parte dos medios de comunicación ao seu favor. Podemos comprobar como hai medios privados subvencionados con cartos públicos e que non benefician en absoluto o galego, senón todo o contrario. Nós queremos que o galego acade un status semellante ao do castelán –que goza dunha situación vantaxosa malia non ser o noso idioma propio–. Hoxe en día, non se está a dar a verdadeira cooficialidade”. [Ler entrevista completa a Xabier P. Docampo]
Claudio Rodríguez Fer: “Valente non concibía a poesía sen a música”
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), amigo e investigador de José Ángel Valente, participa dende onte na homenaxe que Ourense lle dedica ao poeta no Teatro Provincial, con motivo do oitenta aniversario do seu nacemento: José Ángel Valente, memoria sonora. O acto abriuse cun verso elocuente do escritor que vivira fóra máis de vinte anos fuxindo do franquismo –“Afastarme foi o xeito de ficar para sempre”– e continúa hoxe con conferencias e concertos. Pecharase mañá cun recital a cargo de Antonio Gamoneda. [Ler entrevista completa en Xornal de Galicia]
Alfredo Ferreiro: ‘As críticas non se deben escribir de calquera xeito’
Alfredo Ferreiro entrevistado en A Nosa Terra: Hai máis de cen blogues en galego que falan de literatura. Hai moita xente na internet que fala de literatura e iso quere dicir que existe unha alta participación e creatividade na rede (…) O blogomillo está a crecer moi rápido e quen pensa que está de capa caída trabúcase: o blogomillo está en alza ten novas funcións, espazos máis especializados. [Ler entrevista completa]
Ramón Nicolás: “O bilingüismo activo nunca é posible en relacións de igualdade”
“Defender o bilingüismo activo é unha entelequia que non é posible, nunca, en relacións de igualdade; afirmar que o castelán está en perigo en Galicia é non querer ver a realidade…, só tres situacións: cantas películas podemos ver en lingua galega nos cines comerciais?, cantos xuíces ou notarios, aínda hoxe, se negan a usar o idioma en actos xudiciais ou notariais?, cantas canles de televisión podemos ver e oír na nosa lingua hoxe en día? Se non hai outras iniciativas sociais que impidan unha desgaleguización do ensino, o perigo de potenciar a diglosia é unha realidade ás portas”.
Entrevista a Ramón Nicolás en Galicia Hoxe.
Entrevista a Xosé Ramón Barreiro
A Real Academia Galega subsiste ou existe?
Está realizando unha función moi positiva. Está penetrando na sociedade. Ten unha autoritas sobre a cuestión lingüística e desenvolve unha serie de actividades culturais evidentes.
(…) Quen financia a Real Academia Galega?
Está financiada no 80 % pola Xunta, por dous condutos. Un, pola entrega dunha cantidade para gastos de mantemento, persoal, etc, pola Consellería de Cultura. Dous, a través de convenios con Política Lingüística, que posibilitan a elaboración dun dicionario castelán-galego, que xa está na rúa; unha nova edición do dicionario galego, que sairá en outubro; e a elaboración de estudos de sociolingüística. En van, intentei eu convencer os presidentes, a ver se o consigo agora con Feijóo, que a Academia non necesita convenios, senón pasarlle o presuposto á Administración autonómica, como está o Consello da Cultura. Nada máis (…)
Cal sería a fórmula máis acaída para que dúas ou máis linguas convivisen en igualdade?
O castelán ten unha forza extraordinaria, é non só porque é unha das linguas do mundo, senón porque ten con ela todos os medios de comunicación, porque hai unha presión social evidente en lingua castelá. Non hai unha situación de equilibrio entre o galego e o castelán. Para contrarrestar ese desequlibrio hai que poñer un plus de apoio ó galego. E aí é onde entramos na polémica. Ese plus significa que lle negas dereitos ós demais ou simplemente significa buscar ese equilibrio? Esta é a cuestión…
Desde o punto de vista educativo o importante é a libre elección dunha das dúas linguas ou a aprendizaxe das dúas?
Desde o punto de vista educativo hai que poñer aquelas condicións obxectivas de igualdade que lles permitan a todos os alumnos poder expresarse en forma bilingüe. Para ter liberdade hai que ter as mesmas condicións e hai que saber. E non me valen argumentacións farisaicas, como que pasa cun señor que vén de Xirona, pois hai mecanismos legais para salvar esa situación.
Que opina da enquisa feita pola consellería de Educación?
Coa crise económica que temos enriba, que este Goberno centre a polémica na lingua, cando é un tema paixonal ó que ninguén é indiferente, unha de dúas: ou non sabe por onde anda ou é extraordinariamente intelixente, pois é a forma de ocultar os graves problemas de Galicia para que ninguén fale deles. O máis sorprendente é que a oposición se deixe levar e entre nunha batalla campal pola lingua, sen denunciar os graves problemas que ten o país.
Internet e as novas tecnoloxías da comunicación axudan ou dificultan a difusión do galego?
Estano desfavorecendo, pero tamén pode ser un instrumento positivo. Precisamente o problema é que os Gobernos galegos non entraron nesa cuestión. Estamos nun país que, pola situación e as circunstancias que ten, non está no corredor do poder financeiro que pasa por Londres, París, Bruxelas, Berlín… Nin temos unha base demográfica de cidades nas que realmente poida xogar ese poder financeiro. E nas grandes tecnoloxías estamos actuando a rebufo das grandes forzas sociais e políticas. Iso fai que o poder galego non acabe de potenciar o xenio creador galego. A todos os Gobernos galegos lle faltou esa visión profunda de que Galicia non ten que seguir vivindo da identidade -pode ser un feito e un instrumento, pero non dá de comer e debe integrarse nas grandes forzas, exceptuando o de Fernando González Laxe, ao que eu lle notei esa visión modernizadora.
O discurso de Fernando González Laxe foi o máis avanzado?
O presidente Laxe sentou as bases de por onde tiña que ir Galicia en cuestións como as tecnoloxías e as relacións Galicia-Europa. Metas que non se levaron a cabo porque os Gobernos entraron no ensimesmamento. E coa identidade non comemos.
O problema demográfico que temos é moi grave?
Gravísimo, porque depende das forzas económicas e da vontade das parellas. Aínda non superamos o proceso de liberación da muller, que está influíndo niso, como xa o fixeron Suecia e outros países. Ademais Galicia non ten unha gran metrópole -unha Barcelona, un Madrid-, unha proa que dirixira o país cara á modernización.
(…) Hai que reformularse o papel que xogou a emigración?
Eu renego da visión vitimista, con todos os respectos para o amigo Beiras, que dixo que o galego que collía a maleta renunciaba á revolta. Hai unha emigración forzada polas circunstancias económicas, pero poucas veces pola supervivencia. A emigración foi porque había moita xente na familia.Hai tamén un sector intelectual que se sentía afogado aquí e se vai pola utopía republicana. Os centros galegos nacen dunha inxección intelectual de xente moza, galega, que se decanta da potencia que tiña aquilo e mobiliza a opinión pública, funda xornais e xera unha ideoloxía de asociacionismo galego. A emigración supuxo tamén as remesas de capitais para Galicia. Sen eses recursos non se tería feito en Galicia cousas como a modernización da frota.
Entrevista de Luís Pousa a Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega. Ler entrevista completa na web de Galicia Hoxe.
Entrevista a Xavier Seoane: “O ensino forma técnicos sen autonomía moral”
Xornal de Galicia publicou o pasado martes unha entrevista co escritor galego Xavier Seoane feita por Iago Martínez. Poden ler a entrevita completa neste enderezo.
Entrevista a Xabier P. Docampo: “A min encontraranme onde se pelexe pola lingua e pola palabra, estea alí quen estea”
Xornal de Galicia publicou o pasado domingo unha entrevista co escritor galego Xabier P. DoCampo feita por Iago Martínez. Poden ler a entrevita completa nesta ligazón.