A Coruña: conferencia de Justo Beramendi

O vindeiro martes 9 de marzo, o historiador Justo Beramendi González falará sobre O nacionalismo galego nos finais do franquismo dentro do ciclo Economia, História e C.C. Sociais organizado pola Agrupaçom O Facho. Será ás oito do serán na aula de cultura Caixa Galicia (Médico Rodríguez nº 2, esquina Juan Flórez) na Coruña.

A Coruña: presentación de Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70

Mañá mércores 3 de marzo preséntase o libro Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70, editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. O acto terá lugar ás 8 da tarde na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras 12), e contará coa presenza de Lois Diéguez Vázquez, director de Programación de Cursos e Publicacións da Fundación Bautista Álvarez; e Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía Románica e autor dunha ampla obra investigadora e de ensaio en temas culturais e políticos.

A Coruña: Lourenzo Fernández Prieto presenta o seu novo libro

O próximo mércores 20 de xaneiro ás oito do serán preséntase na sala de prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) o libro Facendo Historia con memoria de Lourenzo Fernández Prieto. No acto intervirán Ernesto Sánchez Pombo –xornalista–, Manolo Martínez Barreiro –analista político e autor do limiar–, X. Amancio Liñares Giraut –director editorial de 3C3– e o propio autor.

A Coruña: estrea do documental Memorias rotas. A balada do Comandante Moreno

Hoxe xoves 7 de xaneiro ás 20 horas estréase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o documental Memorias rotas (A balada do Comandante Moreno), dirixido por Manane Rodríguez e producido por Xamalú Filmes. A entrada é libre e gratuíta.

Memorias rotas está centrada na historia de José Moreno Torres, comandante do Batallón Galicia. A primeira parte do documental trata da súa militancia na Coruña e do seu papel como organizador da resistencia ao golpe de estado. Desde o balcón do Rosalía, o 18 de xullo de 1936, Moreno chamou aos cidadáns da Coruña a resistir contra os golpistas. Podedes descargar o flyer do documental picando nesta ligazón.

Lugo: presentación das Cartas de republicanos… de Xesús Alonso Montero

O libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero será presentado en Lugo o vindeiro venres 4 de decembro nun acto que contará coa participación do autor acompañado polo editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo.

Santiago: Xosé R. Barreiro presenta o seu novo libro

O ensaio Historia social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández será presentado o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 20,00 horas, na Galería Sargadelos (rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela. O acto contará coa participación de D. Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela, D. Xusto Beramendi González, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, D. Manuel Bragado, director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández.

A Coruña: presentación do novo libro de Xosé R. Barreiro Fernández

O libro Historia social da guerra da independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández preséntase na Coruña o vindeiro mércores 18 de novembro, nun acto que contará coa participación do Excmo. Sr. D. José María Barja Pérez, Reitor Magnífico da Universidade da Coruña; do Excmo. Sr. D. Gonzalo de la Huerga Fidalgo, Ex-Presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; D. Manuel Bragado, Director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández. Será a partir das 20,30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25, A Coruña).

A Coruña: conferencia de Anselmo López Carreira

O historiador Anselmo López Carreira impartirá mañá martes 10 de novembro ás 20 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña unha conferencia sobre a desaparición do Reino de Galiza na Historia española. O acto está organizado pola asociación cultural O Facho e insírese no ciclo Economia e História da Galiza. A entrada é libre.

Ourense: presentación dun libro de Xesús Alonso Montero

O Liceo de Ourense e Edicións Xerais de Galicia convidan a presentación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. O acto, que contará coa participación de Manuel Bragado e Xesús Alonso Montero, terá lugar o vindeiro luns, 5 de outubro, ás 20,15 horas, na Aula de Cultura do Liceo de Ourense.