Elena Gallego Abad: “Convivir tres anos cun dragón non resulta doado”

Entrevista a Elena Gallego en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“- Diario de Pontevedra (DdP): Vén de publicar con Xerais Dragal III. Canto madurou a triloxía?
– Elena Gallego (EG): Agardo que o suficiente para sorprender e conquistar aos lectores que xa se atreveron a mergullarse nas páxinas de Dragal I e baixar ás catacumbas de Dragal II. Coido que a Fraternidade do Dragón é un libro máis trepidante, máis completo. Dará resposta a moitas das cuestións que os seus personaxes deixaron pendentes de resolver… Pero tamén haberá sorpresas!
– DdP: A disciplina de libro por ano non parece fácil.
– EG: Convivir tres anos cun dragón non resulta nada doado, aínda que se trate dun ser fantástico como Dragal. Crear o seu universo levoume un traballo de documentación ao que dediquei máis horas que ao propio proceso de escribir. O maior reto partiu da miña premisa de situar a historia na Galicia actual e conectala coa nosa historia esquecida e as nosas tradicións. Se o mesmo Códice Calixtino recolle a existencia dun dragón no noso país, por que non imos aproveitalo para facer a nosa propia ficción?
– DdP: Verémola no futuro por un camiño parecido?
– EG: A tradición galega podería encher novelas aínda por escribir e coido que a ficción pode axudarnos a recuperar elementos da nosa identidade, pero non pretendo continuar por esa senda.”

Ribeira: presentación de A nena levantadora de pedras sagradas, de Cipriano Fernández

O martes 26 de xuño, ás 21:00 horas, no Museo Municipal de Ribeira, preséntase o libro A nena levantadora de pedras sagradas. Seis pezas de teatro para nenos, de Cipriano Fernández Fernández, publicado por 3C3 Editores. No acto, xunto ao autor, intervirán Elvira Pisos Arnoso, Segundo Durán Chiki e Xosé Amancio Liñares Giraut. Farase ademais unha representación teatral dun fragmento de A raíña lambona, a cargo de Inés Olveira Míguez e Celia Rosselló Sánchez.

Cangas: presentación de Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo (FECIMO), na Avenida de Vigo, 91, baixo, de Cangas do Morrazo, preséntase o libro Dragal III. A fraternidade do dragón, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xosé Bangueses e Manuel Bragado.

Marcos Calveiro: “Palabras de auga achega aos nenos outra realidade que non existe nos videoxogos”

Entrevista a Marcos Calveiro en Atlántico Diario, desde Xerais:
“Marcos Calveiro é xa un nome ben coñecido dentro da literatora xuvenil e tamén de adultos. “Eu non distingo cando fago unha novela a que público vai dirixida”, confesa este autor vilagarciano, aínda que afincado dende a súa infancia en Vigo. Gañador de numerosos premios (entre outros, foi Premio da Crítica 2008) só lle faltaba nos seus andeis o Premio Merlin, que outorga Xerais, o máximo galardón para un señor galego de literatura xuvenil, e que lle foi entregado o pasado sábado en San Simón. A obra premiada, Palabras de auga, traslada ao lector cara ao interior da África máis profunda. O escritor confía en vela publicada, como libro ilustrado, o vindeiro mes de setembro.
– Atlántico Diario: Que é Palabras de auga?
– Marcos Calveiro: O título é unha pequena imaxe poética, unba metáfora, porque trata dunha tribo nun lugar indeterminado de África que está no medio da sabana, no medio das secas, esfameada, fuxindo das guerillas, da violencia e da fame. Palabras de auga alude a iso, a que non teñen auga. Alude a unha situación desesperada na que teñen que buscar o alimento mentres agardan a que o chamán reciba a inspiración dos deuses e decida sobre o seu futuro. A historia narra, en capítulos alternos e a través de flashbacks, como chegaron ata ese momento, todo visto polos ollos de un neno de once anos que se chama Amadou.”

Santiago: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar

O xoves 21 de xuño, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Xurxo Ayán, Manuel Bragado e Fran Pérez “Narf”.

Viveiro: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 15 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos de Novacaixagalicia de Viveiro, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Edicións Xerais presentan o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Marica Campo.

María Solar: “Na nosa tradición temos personaxes moito máis fascinantes que Harry Potter”

Entrevista de Camilo Franco a María Solar en La Voz de Galicia:
“María Solar asegura que onde acaba a historia que se coñece da raíña Lupa comeza outra que pode ser tan interesante. As meigas de Lupa (Xerais) é o primeiro libro para lectores mozos de María Solar. (…)
– La Voz de Galicia: ¿Cre que as lendas de Galicia están ben utilizadas polos escritores de ficción?
– María Solar: Eu valoro moitísimo toda a tradición oral porque fun criada entre lendas e historias que se contaban. Hai historias marabillosas que non sempre se aproveitan e ás veces teñen anacronismos. Esa é unha das cousas que máis miro eu e das que máis me preocupei para este libro: como son de ciencias, quero que todo estea ben xustificado e que o que se conta da historia non falte á verdade. (…)”