Homenaxe a Bernardino Graña no Morrazo

Os días 27, 28 e 29 de setembro de 2007 terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas unha homenaxe ao escritor Bernardino Graña no seu 75º aniversario.

27 DE SETEMBRO – Cea con Bernardino. no seu 75º aniversario, no restaurante De’Carla na Praia da Borna. Isamil (Moaña) ás 21:00 horas. Os Interesados poden anotarse nos teléfonos 986302030 (A Cepa), 637054164 (Heitor) ou no correo electrónico fernandocpintos@hotmail.com

28 DE SETEMBRO – “Voces para Bernardino”, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Cangas: actuacións da Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, o Coro músico-vocal Mornura, Tucho Perete e o Coro San José, e a coral Queixumes do Hío. Presentan o acto Elvira Ribeiro e Heitor Mera. Ao remate do acto cantarase o poema “Como hei vivir mañá sen a luz túa”.

29 DE SETEMBRO – No Auditorio Municipal de Cangas.
Ás 11:00 horas: Actuación da compañía de teatro SEISDEDOS, que estreará a obra “O Galo Kiriko e os seus amigos”, sobre contos infantís recreados por Bernardino, baixo a dirección de Anxo García e música de Carlos Quintá.
Ás 20:30 horas: Recital poético e concerto musical. O grupo Tromentelo (Coiro) ofrecerá un pasarrúas e un concerto previo ás actuacións de Na Virada, Tino Baz, Grupo A Quenlla, Mini e Mero, Pablo Costas, César Morán, Miro Casabella e Xavier Blanco. Contaremos coa presencia de poetas, escritores, amigos, compañeiros, veciños… recitando poemas de Bernardino Graña.

Esta homenaxe conta coa adhesión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A Xunta promove un sistema de traducción automática galego-inglés

«A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a contratación de novas aplicacións tecnolóxicas para a lingua galega. O Diario Oficial de Galicia publica para a contratación dun sistema de tradución automática do galego ao castelán, do galego ao inglés e do inglés ao galego, por procedemento aberto e mediante concurso.» (sociedadedainformacion.eu)

Reclaman que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo

Escritores e artistas reclaman o recoñecemento do legado literario e arquitectónico de Ferrolterra e Mondoñedo. Por iniciativa de entidades como o colectivo Ao carón da lareira, que agrupa clubes de lectores de toda a bisbarra e que mantén estreitas relacións de colaboración con instituciones de Ferrolterra, da Terra Chá e de Mondoñedo, escritores, artistas e profesores de toda Galiza están unindo as súas forzas para lograr que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo.

Méndez Ferrín homenaxeado n’ “A casa dos poetas”

«A Fundación Curros Enríquez Casa dos poetas celebrará o sete de setembro o setenta cumpreanos de Xosé Luís Méndez, o candidato de Galicia ao Premio Nobel de Literatura desde hai varios anos. A homenaxe, incluída no programa da fundación de Celanova até finais do verán, consta dun recital poético baseado en distintos textos do autor.» (Galicia-Hoxe.com)

Escritores e xornalistas finalizan en Santiago a promoción dunha ruta xacobea marítima

Nesta peregrinaxe participaron escritoras e escritores como Espido Freire, Rosa Regás, Juan Manuel de Prada e Fanny Rubio. Á súa chegada a Vilagarcía a expedición contou coa presenza de Luisa Castro, Xulio Valcárcel, Antonieta Castro e Posidonio Cachapa. (Laopinioncoruña.es)

Conmemoración dos 125 anos do teatro galego n’ A Coruña

Con motivo do acto de conmemoración dos 125 anos do teatro galego terá lugar o luns día 13 de agosto, ás 12:30 horas na Praza do Humor da cidade d’ A Coruña, a apertura da xira 125 Anos de teatro galego e a colocación da placa que recordará a estrea d’ A fonte do xuramento, de Francisco María de la Iglesia. (Servizo de Creación e Difusión Cultural – A Coruña)