A escritora Ledicia Costas estará na primeira sesión do club Sete Vidas da tempada para falar da súa novela Infamia

Desde Espazo Lectura:
“O 3 de outubro volve o club de lectura de narrativa Sete Vidas tras o descanso estival. Reunirémonos ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) para falar da novela Infamia, de Ledicia Costas (Editorial Xerais).
Infamia é un thriller psicolóxico protagonizado por Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal que se traslada a Merlo, un lugar marcado pola desparición de dúas nenas hai 25 anos. Contaremos coa presenza da autora.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Espazo Micro Aberto para lecturas e declamacións pola Deputación da Coruña.
18:00 h. Xosé María Álvarez Cáccamo asina Berta, publicado por Chan da Pólvora, na caseta da Libraría Lume.
18:00 h. Presentación de O galego mola. Palabras da miña vida, de Isabel Villanueva, do canal Isashopaholic, publicado por Hércules de Edicións.
18:00 h. Mónica Penas Vázquez asina Ovo de paspallás, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
18:30 h. J. M. Marcote, M. Pose e J. M. Traba asinan Cogomelos de Galicia e do noroeste peninsular, na caseta do Consorcio.
19:00 h. Recital e presentación de O mundo dos vivos, de Samuel Solleiro, publicado por Chan da Pólvora, acompañado do editor Antón Lopo.
19:00 h. Tomás Guerrero asina Tanta paz leves, publicado por Demo, na caseta da Libraría Kómic.
19:30 h. Pablo Otero asina Parece unha formiga, publicado por Kalandraka, na caseta de Moito Conto.
19:30 h. Xoán Babarro asina O baúl de Domingos Quintas, na caseta de Hércules de Edicións.
19:30 h. Xosé Tomás asina Manual de escola 2.BD, na caseta do Consorcio.
19:30 h. Ana María Fernández asina Ring… ring! Quen rima?, na caseta de Hércules de Edicións.
19:30 h. Lucía Belarte e David Lorenzo asinan O neno peixe, na caseta da Libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Lúa en Ningures, de Beatriz Maceda, publicado por Xerais. Participan Eli Ríos, Antonio Manuel Fraga e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
19:45 h. Presentación de Resistencia da auga, de Xabier Cordal, publicado por Chan da Pólvora, acompañado do editor Antón Lopo.
20:30 h. Presentación de O lugar que non hai, de Estevo Creus, publicado por Chan da Pólvora, acompañado do editor Antón Lopo.
20:30 h. Alfonso Blanco Quintela asina A Guerra da Galia, de Gaio Xulio César, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.

Pico Sacro: Alba de Gloria 2019, o 20 de xullo, ás 12 h.

A Federación Galiza Cultura realiza este acto desde que no 2011 se conmemorou o 125 aniversario de Castelao, quen acudiu até o Pico Sacro no 1924 e, xa refuxiado en Arxentina, simbolicamente volveu a el cando escribiu en Bos Aires Alba de Gloria.
En 2019, e como sempre o sábado antes do Día da Patria Galega, subiremos ao Pico Sacro o 20 de xullo, ás 12:00 horas, para ler no seu cumio o discurso Alba de Gloria.

PROGRAMA
– 12:00 h. Concentración onde estaba a fonte do Pico Sacro. Recitado de poemas por parte do taller de declamación da AVC. Agra do Orzán da Coruña.
– 12:20 h. A escritora Marta Dacosta daranos a benvida. De seguido, subida do último treito do cumio do Pico Sacro desde a capela.
– 13:00 h. Izado da bandeira e lectura de Alba de Gloria. Baixada con parada nas covas da raíña Lupa, para visitalas baixo a guía da poeta Iolanda Aldrei.

Xantar e roteiro pola Ulla
A asociación cultural “O Galo” ej a A. C. Vagalumes organiza un roteiro pola Ulla. Para máis información: Xantar e roteiro.
Tarde: Xantar e roteiro pola Ulla
14:15 h. Xantar no restaurante “O Peixeiro”, situado en San Miguel de Castro. Na sobremesa actuará o grupo Maraxe.
16:30 h. Saída do restaurante e comezo do roteiro.
17:00 h. Visita guiada por Iolanda Aldrei ao pequeno mosteiro medieval de Camanzo, que, ademais, conserva no seu interior algunhas pinturas do s. XVI.
18:15 h. Visita guiada ao poboado mineiro de Fontao. As explicacións correrán a cargo do director do museo da minería do wolframio alí instalado, museo que tamén será visitado ao igual que o cine e a igrexa do poboado.

Gondomar: diversas actividades para diferentes idades pechan a tempada de Espazo Lectura

Ao longo desta semana Espazo Lectura ofrecerá cinco actividades diferentes, destinadas a todo tipo de público, que porán o peche á programación arredor do libro e a lectura que a asociación desenvolveu ao longo da tempada 2018-2019.
Martes 4 de xuño, ás 20:00 horas, club de lectura Daquelas que Len.
Na Casa da Lectura celebrarase a última sesión do curso do club de lecturas feministas que botou a andar esta tempada. As lecturas propostas para esta última sesión son os álbums Pioneiras e Pioneiras 2, de Anaír Rodríguez, publicados por Xerais. Contaremos coa presenza da autora.
Mércores 5 de xuño, ás 18:00 horas, concerto Paco Nogueiras na Casa da Lectura
As sesións de dinamización lectora dos Mércores da Casa da Lectura, coma a propia Casa da Lectura, cumpriron 10 anos e Espazo Lectura celébrao pechando a tempada cun concerto infantil de Paco Nogueiras, que presentará o seu disco Bule Bule.
Xoves 6 de xuño ás 20:00 horas, na Casa da Lectura, club Sete Vidas
A sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas estará dedicada ao comentario da novela As Ramonas, de Ana Cabaleiro, publicada por Galaxia. Durante a sesión, as persoa que se acheguen á actividade poderán conversar coa propia autora sobre a súa obra.

Compostela: maratón de lectura organizado pola Fundación Granell dedicada a Antonio Fraguas

“A Fundación Eugenio Granell organiza o Maratón de lectura que terá lugar o mércores 29 de maio.
Este ano a Fundación Eugenio Granell dedica o Maratón a Antonio Fraguas Fraguas, dada a súa vinculación coa figura de Eugenio Granell e sumándose así á conmemoración do Día das Letras Galegas. D. Antonio Fraguas formou parte do padroado da Fundación cando se constituíu no ano 1995. Ambos os dous foron nomeados “Fillos adoptivos da Cidade de Santiago”, Antonio Fraguas no ano 1989 e Eugenio Granell no 1997.
Este ano temos a honra de contar coa colaboración do Museo do Pobo Galego, espazo referencial que ampara a Fundación Antonio Fraguas Fraguas, institucións que son depositarias do seu legado intelectual e traballan conxuntamente por mantelo e difundilo.
Como todos os anos poderedes achegarvos ao Museo de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, a escoitar ou a participar lendo algún fragmento da obra do escritor seleccionado.
Para facer máis doada a organización do acto, todos aqueles que desexen participar poden chamar aos teléfonos 981 572124 ou 981 576394 ou escribir ao correo electrónico: secretaria@fundacion-granell.org indicando a hora á que lles gustaría intervir.”