Carlos Callón le un poema de Inscricións

Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Inscricións polo seu autor, Carlos Callón, dentro da iniciativa Corona ipsum de Leite Edicións, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Estado de poetas: iniciativas nas redes sociais para acompañar na corentena

Artigo de Lois Alcayde en Nós Diario:
“Poetas de todas as idades e procedencias fornecen as redes sociais de lecturas con textos propios ou alleos desde Galiza para o mundo. O obxectivo: humanizar os fogares a través da palabra, quentar as casas coa proximidade duns artistas que non esquecen reivindicar o seu papel máis aló dos momentos de crise.
“Temos que seguir facendo cousas, non?”, di entre risas a poeta Arancha Nogueira a través do teléfono. Amósase optimista a pesar dos días de confinamento obrigado. Xunto a ela, moitas autoras e autores están a producir contido nas redes cos cancelos #coronaipsum e #corentenaliteraria, entre outros. Xa hai preto dun século o poeta Walt Whitman defendía que as palabras e a poesía podían influír no devalar do mundo; tamén o fan, engadimos nós, nos momentos de crise. Nisto coincide Arancha, autora en Leite Edicións, un selo que apostou polas redes nun momento de pandemia mais, argumentan, a idea xa viña de tempo atrás: “tiñamos desde o 14 decembro unha data confirmada dun recital colectivo en Cambre, este recital adiouse a marzo, xa que houbera un temporal con alerta vermella. Agora, co coronavirus, volveuse adiar. Ante isto pensamos, por que non trasladalo a todo o mundo?”.
Arancha abriu o 16 de marzo este recital en streaming accesíbel desde calquera parte do mundo a calquera hora, defende que as redes sacan á luz “novas funcións” da poesía: “un papel de transmisión, que talvez até a chegada das redes sociais non era tan preponderante porque non podiamos achegarnos a elas agás nos recitais, agás escoitar en físico as poetas”. Nos vídeos que aparecen co cancelo, as poetas sacan a relucir palabras, calor, agarimo e arte nunha maneira íntima de consumo, na casa, no fogar. Recitais a domicilio que permiten o intercambio con todas as persoas que decidan interactuar, valorando, comentando e compartindo en Facebook, Twitter ou Instagram.
Este cambio, menciona a autora, vén da man de tecnoloxías que desde a casa permiten achegarnos aos seres queridos e, ademais, estar presentes en recitais que empregan técnicas imposíbeis sen os novos dispositivos; un cambio de percepción e elaboración literaria: “Até a chegada das redes asociabamos a poesía a lela en soidade e en silencio, agora estase a descubrir outra fase, a da transmisión poética máis aló da escrita, o que transcende o nivel comunicativo, alguén pode ler o meu libro e escoitarme moitas veces”.
Os momentos actuais de crise, sanitaria e económica, poden ser oportunidades de cambio, cambio no consumo e cambio na produción, en “espazos que mudaron moito”, menciona, coa introdución de elementos audiovisuais. Isto é algo que, apunta, xa se vén realizando desde moito antes do coronavirus: “Xa se facía videopoesía. A presenza da poeta e o que a acompaña agora si está pensado e ten intención comunicativa, penso que grazas ás novas canles de transmisión e á democratización das artes tamén se alimenta esa parte máis performática da arte”.
“Sempre quixemos facer un recital poetico telemático. O feito de que esté subido e colgado, para que a xente o vexa cando queira, provoca que entre nas casas de todos” di Pablo Rodríguez, autor en Leite Edicións e tamén ideólogo desta acción precursora. A idea, afirma, é que a acción nas redes se prolongue todo o que poida durar a emerxencia. Pablo considérase parte dun grupo de poetas que gostan de “traballar nas redes sociais”, di, contento coa produción que está a aparecer. O poeta fai fincapé na evolución que tivo a rede na última década: “Eu diría que as redes axudan, si. Habería que ver como son esas redes, se penso na internet do comezo si que vía esa idea de canle de difusión, unha forma de compartir o que facías. Era unha plataforma onde podías exhibir o teu contido. Hoxe internet é menos sólido e máis líquido, parafraseando a Bauman”.
Nesa escasa separación custa diferenciar cada vez máis o privado do público, nesa “liquidez” onde a intimidade cambia de grao: “está a ser difícil separar a vida privada da vida poética. #coronaipsum integra a poesía no cotián da xente. Vexo que sacamos tempo para ler narrativa pero non sucede o mesmo para ler poesía… se Mahoma non vai a montaña, a montaña vai a Mahoma, aínda que sexa por streaming”. Pablo tamén fai alusión a un cambio nas técnicas que a produción dentro da reclusión por mor da alerta sanitaria está dando a coñecer aínda máis, cunha “produción oral e audiovisual” que, nalgúns casos, supera a clásica escrita.
Entre conexión e conexión poética -nas que as persoas usuarias podemos ver unha múltiple variedade de fondos caseiros, de cadros, de estantes, de intimidades- nacen tamén preocupacións. Segundo a entidade que reúne as asociacións que xestionan a propiedade intelectual (Adepi), as perdas nas industrias culturais en todo o Estado poden ascender até os 960 millóns de euros, con feches de todo espazo que implique reunión e difusión, isto é: a totalidade da cultura; desde museos e bibliotecas até salas privadas de exposición e recitais poéticos, xunto coas librarías.
A cultura é algo “esencial” na vida cotiá, recalca Arancha: “esta crise sanitaria pode ser unha escusa para darnos de conta do importante da cultura, do lecer para continuar adiante. Estamos consumindo de xeito masivo iniciativas nas redes para quedar na casa pola pandemia”.
Sostén a autora que este novo panorama pode alumear un futuro onde como sociedade teñamos a acción cultural nos eixos de produción e desenvolvemento: “Estamos a ver desde recitais até concertos online. Todo está a ser recibido cos brazos abertos. Agardo que isto, cultura de primeira necesidade, se lembre. Penso que os Gobernos non están a reaccionar a tempo coa cultura”.
O pensamento e a arte, di a autora, como mantedora non só da interactividade e coñecemento social, senón da nosa saúde mental en tempos do confinamento: “Falamos de xente que ofrece espazos de todo tipo. Creo que os Gobernos deberían blindarse ante algo que está contribuíndo a que as persoas poidan ficar na súa casa e manter a súa saúde mental”.”

Arancha Nogueira le un poema de Os ourizos

Desde a AELG recollemos a lectura dun poema de Os ourizos pola súa autora, Arancha Nogueira, dentro da iniciativa Corona ipsum de Leite Edicións, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Nace Leite Edicións para descubrir novas voces no panorama literario galego

Desde Cultura Galega:
“Pablo Rodríguez e Afra Torrado acaban de presentar Leite Edicións, un novo selo que parte da filosofía da autoedición e que busca a implicación dos autores en todo o proceso da elaboración do libro. Centrado polo momento no ámbito da poesía, o proxecto pretende achegar novas voces ao panorama literario do país e atender a propostas alternativas que consideran non atopan oco en editoras convencionais. Canda a obras dos promotores, o proxecto inicia a súa actividade con poemarios de Lucía Cernadas, C. Ermitas e de Arancha Nogueira. Ademais do lanzamento de libros, o novo selo sinala tamén o seu interese pola poesía transmedia e a videopoesía e permite o acceso a moitas das súas obras en liña. Os responsables da editora apuntan tamén que están abertos a publicar no futuro narrativa ou ensaio.”