Lugo: actos destacados do martes 15, mércores 16 e xoves 17 na Feira do Libro

Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do martes 15, mércores 16 e xoves 17 son as seguintes:

* Martes 15:
19:45 h. Inauguración oficial. Actuación dos alumnos de gaita e percusión de Tradescola. Pregón inaugural a cargo do escritor lucense Antonio Reigosa. Actuación dos alumnos de Tradescola.

* Mércores 16:
19:00 h. Valentín Paz Andrade na feira de Lugo. Lectura de textos do autor a cargo de Marina Cillero, Carmen Blanco, Amelia Balseiro e Tonina Gay, nun acto coordinado por Ángeles Fernández Maira.

* Xoves 17:
19:00 h. Presentación dos libros Os fillos do mar, de Pedro Feijóo e O misterioso Doutor Saa, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, publicados por Edicións Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.

Carballo: maratón de lectura As letras en voces, o 17 de maio

O xoves 17 de maio, de 11:00 a 13:30 horas, no Xardín Municipal de Carballo, e dentro dos actos do Mes das Letras organizado polo Concello de Carballo, terá lugar unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981-704300; no fax 981-704302 e no correo cultura@carballo.org. O maratón As letras en voces contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI.

A Coruña: XI Maratón de Lectura en Galego no Centro Cívico dos Mallos, o martes 15 de maio

O martes 15 de maio, ás 17:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cívico Municipal Os Mallos (Avenida de Arteixo, 147) da Coruña, terá lugar o XI Maratón de Lectura en Galego, con motivo do Día das Letras Galegas 2012. Pode participar quen o desexar lendo durante un minuto un texto en galego da autora ou autor preferidos ou ben dun texto de creación literaria propia. As inscricións poden realizarse desde o martes 8 de maio, facilitándoselles quenda de lectura no Centro Cívico. Os teléfonos son 981264170 e 981184200, e o correo electrónico ccosmallos@coruna.es.

Gondomar: Víctor Freixanes participa no Clube de lectura Sete Vidas

O martes 8 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova edición do Clube de Lectura Sete vidas, que xirará arredor da novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia, contando coa presenza do seu autor, Víctor F. Freixanes.

Sentada Lectora en Gondomar

Espazo Lectura convoca a toda a cidadanía a que acuda a Gondomar, o domingo 22 de abril ás 12:00 h. a unha SENTADA LECTORA que terá lugar na Alameda. Trátase de coller un libro e sentar no chan da Alameda, enchéndoo de persoas con libros, nunha reivindicación cívica da lectura. Lerase un Manifesto a favor da lectura, actuará o grupo Migallas para o público infantil e despedirémonos coa actuación do coro Cantares do Brión. Vente cun libro a Gondomar e ÚNETE Á REBELIÓN DA LECTURA. Onde hai libros, hai futuro! Esperámoste!”

Santiago: Unha viaxe de ida e volta, até o 31 de maio

Unha viaxe de ida e volta é o lema da XII Campaña Municipal de Animación á Lectura que se realizará ata o 31 de maio na Galería Sargadelos de Santiago, organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. Como en edicións anteriores, ofrece sesións de contacontos, obradoiros de escrita creativa e ilustración, e visitas guiadas pola exposición de ilustracións, libros e elementos tridimensionais. Compleméntase con sesións de contos para bebés, narración de contos con música para familias, e actividades formativas para o persoal dos centros de ensino. Neste arquivo pode descargarse máis información: Campaña de animación á lectura Concello de Santiago Kalandraka 2012.