Ourense: presentación de A pregunta perfecta, de Juan Tallón

O mércores 23 de febreiro, a partir das 20:15 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12, baixo) de Ourense, preséntase A pregunta perfecta, de Juan Tallón, publicado en Sotelo Blanco Edicións. finalista do Premio Lueiro Rey de novela curta do 2010. No acto o autor estará acompañado por Carmen Pereiras e Ánxela Gracián.

Obradoiro de Escritura de Microcontos online, por Xosé Manuel Eyré, en Redelibros

A rede social galega do libro Redelibros organiza, en colaboración con Xosé Manuel Eyré, crítico literario e especialista en Literatura Mínima, o primeiro Obradoiro de Escritura de Microcontos online, dirixido ás usuarias e usuarios de Redelibros que queiran profundar nas técnicas específicas de redacción desta orixinal modalidade literaria. O obradoiro é, por suposto, aberto e gratuíto, pero só conta con vinte prazas, que serán adxudicadas en rigorosa orde de inscrición. Máis información aquí.

Viveiro: presentación de Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo

O xoves 17 de febreiro, ás 20:30 horas, no Local Social de Caixa Galicia (Rúa Pastor Díaz, 60) de Viveiro, preséntase o libro Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo, publicado pola Editorial Trifolium. No acto acompañarán ao autor Xoán Neira e Xan Arias.

Víctor F. Freixanes: “As letras van canda un aínda que non se escriba”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Hai anos vostede dixo que tivera que escoller entre a literatura e a edición, que non se podían compatibilizar ambas angueiras.
– Víctor F. Freixanes (VF): Eu sempre tiven inclinacións literarias pero quería traballar nesa aposta colectiva pola creación de infraestruturas para a normalización do galego, primeiro nos medios de comunicación, e logo na industria cultural. E son traballos que consomen moito tempo. Pero as letras lévanse dentro, van canda un aínda que non se escriba. Eu sempre encontraba un oquiño, neses tempos mortos de cadaquén… nunha viaxe en avión, nun serán de lecer. Escribir é unha terapia e cando teño o ánimo baixo non encontro mellor consolo. O que ocorre tamén é que, como editor, un mídese máis, é máis esixente consigo mesmo e cústalle máis considerar que o que fixo paga a pena imprimilo e publicalo. (…)
– ANT: Vostede dirixe Galaxia, editorial pioneira na dixitalización e comercialización de libros en formato electrónico. Como ve ese cambio tecnolóxico?
– VF: O libro electrónico é imparábel. Todos os cambios tecnolóxicos mudan os sistemas de produción e nós temos que estar aí, o galego ten que estar aí. Orabén, o libro electrónico non é urxente. Eu discuto os prazos e os ritmos. O negocio neste intre estano a facer as empresas que venden o sinal (as telefónicas) e os fabricantes de aparellos (iPad e demais dispositivos). E son eles os que teñen présa por mover un mercado que non pode esperar a que na tempada seguinte apareza outra cousa que lles deixe o seu produto obsoleto. O que está claro é que a demanda dos consumidores non vai á mesma velocidade.
– ANT: É posíbel que naza un novo modelo narrativo que se aproveite das posibilidades do formato dixital?
– VF: Seguramente pero non sei se iso é novela ou sequera literatura. Haberá autores multimedia, novas linguaxes e expresións. Seguramente veremos como a lingua deixe de ser unha marca nesas creacións porque serán contidos multilingües… Iso si. Só triunfarán as que se correspondan cun interese dos lectores. Calquera formato precisa consumidores formados e dispostos a pagar por ese produto. (…)
– ANT: Houbo polémica meses atrás cando Galaxia aceptou o Premio de Cultura ao tempo que Agustín Fernández Paz o rexeitou.
– VF: Eu dixen daquela que o premio non fora para min senón para unha empresa, como Galaxia, que ten un Consello de Administración que decidiu aceptar o galardón. Con esa decisión non aplaudimos nin protexemos determinada política cultural. Sabemos perfectamente o que está a ocorrer coa industria cultural en galego neste momento e consideramos que non iremos arranxar nada boicoteando institucións. O que non admito é que alguén queira enfrontarme a min con Fernández Paz, a quen admiro profundamente e con quen teño unha magnífica relación.”

Vigo: presentación de Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

O venres 11 de febreiro a partir das 19:45 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Manuel Bragado e a propia autora.

O Ateneo Ferrolán propón a participación cun relato na Revista Atenea

“O Ateneo Ferrolán, volve a poñer á vosa disposición a Revista ATENEA para que enviedes un traballo en idioma galego (máximo 1 folio) baixo a temática: Para un museo imaxinario: cómo asasinar ás musas (Ideas e aportacións) e, de quedar seleccionado, publicarémolo na Atenea nº 41 de abril – maio – xuño 2011. De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu traballo facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 15 de marzo de 2011. A publicación da revista é trimestral dende 1999 e ten unha tirada de 1.000 exemplares distribuíndose de forma gratuíta a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galiza e resto da península.”
Os enderezos son: e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: 981 357 970, fax: 981-354 098 | Enderezo postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402, Ferrol (A Coruña). Máis información nesta ligazón.

Santiago: presentación de Na cerna da selva, de Pere Tobaruela

O mércores 9 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.), de Santiago de Compostela, presentación do libro Na cerna da selva, de Pere Tobaruela, publicado en Sotelo Blanco Edicións. No acto participan, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e Arantxa Serantes.