A Livraria Torga pecha logo de anos de traballo en Ourense

Desde Sermos Galiza:
“Torga foi moito máis que unha livraría ao uso. O xeito de facer de Xavier Paz, ceibe, independente e aloitador bulebule incansábel, foi quen de dotar de personalidade de seu ao espazo en plena rúa da Paz, que alén de vender libros, sempre foi unha plataforma que asumía a lanzadeira de novos proxectos propios ou alleos, cunha intensa programación cultural e que nos últimos tempos tratou de pular polo mercado xusto e solidario.
“Corren novos tempos, e debemos adaptarnos a traballar con outras metodoloxías para garantir a visibilización da nosa cultura” di Paz, que asegura que vai intensificar todo o camiño que xa ten andado consistente na creación de productos culturais e eventos, así como a edición de libros que non teñen cabida noutros selos editoriais. A decisión do peche da livraria “é tomada logo dunha longa reflexión derivada da análise da situación económica actual e unha política imperante que afoga todo canto é cultura”. (…)”

Ourense: presentación de as desfeitas do día, de Pedro Riobó

O mércores 25 de maio, ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. A presentación incorpora un recital audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos. Participarán como invitados os alumnos da Facultade de Maxisterio de Ourense Andrea Cid e Antonio Cascante.

Ourense: presentación de En defensa do poleiro

O mércores 6 de abril, ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador), Jorge Emilio Bóveda, Álvaro Lago e Teresa Devesa.

Ourense: presentación de Galeguismo e liberdade, de Carlos Vázquez Padín

O mércores 30 de marzo ás 20:00 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, de Carlos Vázquez Padín, publicado en 2.0 Editora.

Ourense: presentación de A pregunta perfecta, de Juan Tallón

O mércores 23 de febreiro, a partir das 20:15 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12, baixo) de Ourense, preséntase A pregunta perfecta, de Juan Tallón, publicado en Sotelo Blanco Edicións. finalista do Premio Lueiro Rey de novela curta do 2010. No acto o autor estará acompañado por Carmen Pereiras e Ánxela Gracián.

Ourense: presentación de O libro dos cans, de Estevo Creus

O xoves 9 de decembro, a partir das 19:30 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12, baixo) de Ourense, preséntase O libro dos cans, de Estevo Creus, publicado en Franouren. No acto o autor estará acompañado por José Manuel Bouzo e a Aula de Danza Contemporánea do Campus de Ourense (dirixida por Cia-Traspediante), que levará a cabo unha acción improvisada ou mecánica de saltos.