Unha obra de Manuel Rivas, libro de lectura nas escolas de Timor Oriental

O libro A lingua das bolboretas de Manuel Rivas foi traducido á lingua tetun, co-oficial de Timor Oriental. A edición bilingue de Borboleta sira-nian nanál será incorporada ao curriculum escolar como libro de lectura para todas as escolas de Timor e tamén para as campañas de alfabetización de adultos. A obra incorpora un prólogo de José Ramos Horta, Presidente da República de Timor e Premio Nobel da Paz.

O libro foi presentado hoxe en Madrid nun acto aberto ao público celebrado no centro de Casa Asia (Palacio de Miraflores, Carrera de San Jerónimo, 15, 1ª planta) ás 11:30. A presentación correu a cargo de Manuel Rivas, escritor do relato A lingua das bolboretas; un representante de AECID; Luis Caparrós, Vicerreitor de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña; María Xesús Pena Castro, Presidenta de ALGA; Teresa Gutiérrez del Alamo, directora de programas do Centro Casa Asia (Madrid), e Luis Gárate Castro, profesor da UDC e codirector do Proxecto Bolboreta.

Ferrol: presentación da novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais

Mañá mércores, 28 de outubro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol realizarase a primeira presentación de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. No acto acompañarán á autora Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado.

Gondomar: encontro con Marcos Calveiro arredor de Festina lente

A libraría Libraida, en colaboración con Edicións Xerais, organiza un encontro co escritor Marcos Calveiro, autor de Festina lente, a novela proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de outubro. O acto, presentado polo profesor Manuel Candelas, celebrarase este venres, 23 de outubro, ás 20.30 horas na libraría Libraida (Rosalía de Castro núm. 13, Gondomar).

José Saramago: “A Bíblia é um manual de maus costumes e um catálogo do pior da natureza humana”

José Saramago, Premio Nobel de Literatura en 1998, presentou no Museu Municipal de Penafiel o seu novo romance, Caim, cuxa escrita constitui para o autor portugués “um exercício de liberdade”. O xornal Público recolle unha interesante crónica do acto e unha breve entrevista en vídeo co escritor.

Un título de Xavier Alcalá gaña o Premio Planeta

«Onte soubemos que o título da novela gañadora do Premio Planeta, de autoría de Ángeles Caso, é Contra el viento, exactamente o mesmo que o da edición en castelán de Cárcere verde, a novela que, levemente retocada, se atopa no interior de Tertúlia como obra que funciona como suposto plaxio. Recomendacións de críticos e insistencia de editores levaron o autor a extraer un texto que nada ten na realidade de plaxio. Tres son as compoñentes principais da narración: a fábula –con probable base histórica– da Cidade dos Césares oculta na selva, a descuberta –publicada pola revista National Geographic– de restos dunha elevada cultura ao Abrigo do Sol amazónico e a experiencia persoal de Xavier Alcalá nos laberintos da xungla. Documentación científica e lecturas da narrativa amazonista completaron as bases dun clásico de aventuras –fulgor de diamantes, cobiza e morte– que forma parte do ciclo americano de Alcalá.”» (Blogue de Xavier Alcalá)

Noia: presentación dun libro de relatos de Agustín Agra

O vindeiro venres, 16 de outubro, ás 20:30 horas presentarase na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia O recendo das mimosas, o primeiro libro de relatos de Agustín Agra. No acto o autor estará acompañado de Xosé Ricardo Losada e Manuel Bragado. O acto esta coorganizado pola Asociación Cultural Barbantia e Xerais.

Santiago: presentación de O trasmundo de Antioquía

O escritor Rafael Laso presentará este este xoves día 15 de outubro a súa novela O Trasmundo de Antioquía na librería Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes). Durante o acto, que dará comezo ás 20:00 h o escritor achegará ao público esta novela ambientada na lagoa de Antela e as terras de Xinzo.

Corcubión: presentación da novela Escapado de Luis Lamela

A novela Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón será presentada en Corcubión. O acto, organizado pola concellaría de Cultura e Deportes do Concello, contará coa participación do alcalde Francisco Javier Lema Fuentes e o autor Luis Lamela, e terá lugar o vernes, día 16 de outubro na Casa de Cultura.