Manuel Lourenzo González: “Non teño fe no indignismo”

Entrevista a Manuel Lourenzo González en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): O xurado do Premio Blanco Amor destacou como a súa obra aborda os problemas da identidade e o sentido da vida. ¿Eran eses os temas que quería reflectir?
– Manuel Lourenzo González (MLG): Podería ser ese o contido, entre outros. Pero é unha novela complexa, da que se poden desprender eses contidos entre outros. Ten moitos personaxes e moitas lecturas. Pero eu a describiría como un tempo de prever a deriva á que pode levarnos a sociedade desde o meu punto de vista, desde o meu ángulo, algo pesimista nese sentido. E, ao mesmo tempo, con vontade de narrar unha historia literaria. (…)
– LVG: Vostede cualificou a literatura en galego como “de resistencia”. ¿Segue manténdoo?
– MLG: Subscríboo plenamente. É unha literatura de resistencia e completamente desnivelada con respecto á española. Hai unha competencia desleal coa que seguimos loitando.”

A Pobra do Caramiñal: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

O venres 25 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán (Praza do Cantón da Leña, s/n), da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de Encarna Montemuíño, Manuel Bragado e o propio autor.

Pere Tobaruela: “A razón do meu libro é explicar a presenza dos cataláns en Galicia”

Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia, a través de Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o obxectivo que perseguiu ao escribir esta ficción [Poñente]?
– Pere Tobaruela (PT): O motor do libro é a presenza dos cataláns que chegaron aquí para por en marcha a industrias das salgaduras. Ese é o motor do libro. A partir de aquí comeza a parte na que se mergulla unha situación especial e o coñecemento do mundo dos cataláns.
– LVG: ¿Cal é a razón dese xogo do presente e o pasado?
– PT: A razón do libro é explicar a presenza dos cataláns aquí para por en marcha a industria da salgadura. E a maneira de explicalo é establecendo esa relación do presente co pasado. Son como dúas novelas nunha, pero na que todo está entrelazado. É esa dobre mirada para permitirlle ao lector unha mirada hoxe en día, para explicar ese pasado desde o presente en primeira persoa.
– LVG: ¿Por que lle interesou afondar nesa pegada dos cataláns na Galicia do século XIX?
– PT: O meu interese é á mesma vez o punto de partida da obra. A protagonista principal está nun cemiterio de Pobra do Caramiñal onde ve, como o autor, unhas lápidas con apelidos cataláns. Entón, a pregunta é que pasou logo. (…)”.

Santiago: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez

O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela A poutada do Oso, de Lois Diéguez, publicado en Laiovento. O acto iniciarase coa proxección do DVD De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Francisco Pillado, Felipe-Senén López e Teresa Moure. Entre as 19:00 e as 20:00 horas Lois Diéguez estará á disposición do público na propia libraría para a sinatura de libros, acompañado de Felipe-Senén, quen fará aos asistentes fermosos debuxos.

Santiago: presentación de Contos Estraños Editora, o sábado 26 de novembro

“Publicar volumes colectivos de relatos curtos na liña da literatura pulp americana de comezos do século XX. As historias fantásticas e de terror en galego teñen cabida en Contos Estraños Editora. O proxecto, que se presenta o vindeiro sábado 26 de novembro ás 21 horas no Pub Tatooine de Santiago de Compostela, arrinca con dúas liñas editoriais. Por unha banda, Contos Estraños Pulp, unha serie de libros colectivos de obras curtas da que se presentará o número 0, Amañeceres Estraños. Pola outra, anuncian Contos Estraños para Nenos Friquis que lanzará “contos ilustrados para nenos de temática desenfadada e paródica” da “subcultura denominada comunmente “friqui””. A primeira entrega desta serie sairá nas vindeiras semanas co título Apalpador vs. Papá Noel. Tomás González Ahola, coordinador de Urco Editora e mais Fernando M. Cimadevila, autor de O mundo secreto de Basilius Hoffman: O Ladrón de Soños, son os responsables da aventura editorial que agora comeza. A súa intención é “normalizar o panorama da literatura fantástica en lingua galega” e buscar a “promoción de autores e ilustradores do país”, especialmente na produción de obras de narrativa breve e de traballos colectivos.” Vía Cultura Galega.

Fran Alonso: “Desde a literatura trato de explicar o meu tempo”

Entrevista a Fran Alonso en Disquecool:
“(…) Disquecool (D): Como valoras a acollida de Ninguén?
– Fran Alonso (FA): Sabes que circula un hoax que é verdadeiro? Puxemos en marcha unha campaña, a través do correo electrónico, na que se di que Xerais agasalla con exemplares de Tráiler, a miña primeira novela, asinada por min. E é unha campaña que é real, realmente agasallamos co libro como modo de promoción, pero moita xente desconfía de que sexa real e non pide o libro porque cre que é un hoax. Pero non che contestei a pregunta! Eu creo que a acollida foi moi boa. Claro, ti sempre tes unhas expectativas con cada libro que sacas. Eu tiña boas expectativas para este libro, pero recoñezo que non tantas como agora teño. Tivo moitísimas críticas practicamente nos primeiros quince días, nos medios… supoño que é consecuencia de que o tema resulta moi actual, e interesa.
– D: En xeral, na túa obra, destaca que non só é moi prolífica, senón que o é en xéneros moi diversos: narrativa, poesía, xornalismo, literatura infantil. Iso ás veces pode crear certa desconfianza?
– FA: Si, eu creo que tes razón. Os poetas pensan que es narrador, non poeta. Os narradores que es poeta, non narrador. Os xornalistas que es narrador ou poeta, pero non xornalista, pero non acaban de situarte en ningún sitio, incluso para os críticos pode ser confuso. Pero para min é enriquecedor, porque me permite expresarme a través de distintas manifestacións que no fondo son a mesma: a literatura, e creo que a obra literaria dun autor debe ser valorada globalmente. Ademais os meus libros están todos interconectados, nada é explicable sen o resto dos libros, vou tecendo unha especie de arañeira global, evidentemente, funcionan individualmente, o lector pode ler un só libro, pero a min me permite romper coas barreiras xenéricas e entendo que hoxe iso debe ser algo superado. Vivimos nun mundo fragmentario, confuso e a literatura vai acorde con iso. Pénsoo cando leo os autores do século XIX e atopo un narrador omnisciente. Iso hoxe non funciona porque non é crible. E igual cos xéneros, xa non son ríxidos, todo é cuestionable e todo é posible hoxe, a literatura ten que asumir as formas do mundo tal e como é se quere interpretar o mundo actual. Para min o máis importante para o escritor é ter unha visión do mundo que ofrecer aos lectores. (…)”.

Santiago: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

O martes 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (Praza da Universidade, 1), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de Juan Monterroso, Lourenzo Fernández Prieto, Xoán Carmona, Manuel Bragado e o propio autor.

A Coruña: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande

O martes 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase a novela de Miguel Sande A vida fóra, publicada na Editorial Galaxia. No acto, en que participan, xunto ao autor, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Vilela e Carlos Lema, actuará un grupo de violinos e canto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e outras sorpresas. Crónica posterior en Galaxia.