Preséntase en Betanzos “Trinta e dous dentes”, de Xavier López López

O venres 29 de xuño, ás 21:00 horas na Sala Azul do edificio Liceo en Betanzos terá lugar a presentación de Trinta e dous dentes, de Xavier López López, libro finalista do Premio Torrente Ballester 2006.O acto contará coa participación de Gabriela Rodríguez s(ecretaria da A. C. Eira Vella), Carlos Lema (director de edicións de Editorial Galaxia), Rosa Aneiros (escritora) e o autor.

María Reimóndez pronta para a conversa en Carballo

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños organizan unha conversa con María Reimóndez, autora d’ O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa. Será o mércores 27 de xuño ás 20:30 horas no Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 32) de Carballo. A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños.

Lois Diéguez presenta en Sarria “O canto do muecín”

O escritor Lois Diéguez presenta o día 22 xuño (venres) ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Sarria, O canto do muecín, a súa última novela (A Nosa Terra). Na presentación o autor fará un itinerario por distintos textos da novela a través de imaxes, música e lecturas nunha montaxe do grupo poético Círculos Líticos; contará coa participación da presidenta da A. C.Peleriños Milagros Núñez e os escritores, profesores e profesoras, e técnicos de imaxe: Isidro Novo, Antón Fortes, Mario Núñez, Divina Fernández e Camilo Santos. Desde as 18:30 horas o autor estará na Casa da Cultura para a asinatura de libros.

Presentación n’ A Coruña de “Punver”, de Yolanda Castaño

Mañá sábado día 16, ás 12:30, preséntase Punver, o último libro da escritora Yolanda Castaño. Será na Biblioteca Municipal Infantil Xuvenil (r/ Durán Loriga, 10 – baixo), “nun acto aberto a todo o público interesado, en especial aos máis pequenos, a partir de 3 anos. A actividade está pensada coma un contacontos moi participativo a cargo de Yolanda Castaño, seguido dun obradoiro de pintura no que os nenos e nenas poderán gozar con Punver da man do ilustrador Eduardo Hermida.”

Lois Diéguez presenta “O canto do muecín” n’ A Coruña

O canto do muecín, novela de Lois Diéguez editada na colección “Central Literaria” de Edicións A Nosa Terra, presentarase na Coruña o día 14 de xuño ás 20:30 horas en “Portas Ártabras” (Rúa Sinagoga, 22). Participarán a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e o historiador Felipe-Senén. O acto pecharase cunha representación multimedia a cargo de Lino Braxe, Flor Maceiras, Isidoro Novo e Antón Fortes. Organizan o evento a A. C. Alexandre Bóveda e os Amigos dos Museos de Galicia.