Faleceu Anisia Miranda

A escritora galego-cubana Anisia Miranda faleceu hoxe aos 76 anos de idade. Compañeira desde hai máis de cincuenta anos do escritor Xosé Neira Vilas, con quen casou en 1957, Anisia Miranda é autora dunha importante obra en galego dirixida ao público infantil, con títulos coma Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia.

Morreu Daniel Cortezón

O pasado domingo faleceu no Hospital Xeral de Lugo o dramaturgo e prosista galego Daniel Cortezón Álvarez, nacido en Ribadeo (Lugo) o 6 de febrero de 1927. Entre as súas obras debemos destacar os títulos Xelmírez ou a gloria de Compostela, As covas do rei Cintolo, Pedro Madruga e Prisciliano ou a novela A vila sulagada, gañadora do primeiro premio Blanco Amor.

Faleceu Avelino Abuín de Tembra

O fundador do padroado Pedrón de Ouro Avelino Abuín de Tembra faleceu a pasada madrugada en Santiago de Compostela. Nacido en Imo, Dodro, en 1931, o escritor e profesor Avelino Abuín de Tembra deixa unha amplísima obra xornalística con máis de oito mil artigos aparecidos en publicacións do país, españolas e latinoamericanas. Foi tamén o promotor do premio de poesía “Eusebio Lorenzo Baleirón” e dende a Comisión de Cultura da Fundación Rosalía de Castro impulsou a creación da “Ruta Rosaliana”.

Finou John Updike

O escritor estadounidense John Updike, dúas veces gañador do Premio Pulitzer e eterno candidato ao Nobel, morreu hoxe aos 76 anos vítima dun cancro de pulmón. Entre as súas obras máis célebres, a serie de novelas protagonizadas polo personaxe Harry “Coello” Angstrom (Rabbit, Run, Rabbit Redux, Rabbit Is Rich, Rabbit At Rest e Rabbit Remembered), as Memorias da Administración Ford ou As bruxas de Eastwick. A súa última novela, Terrorist, foi editada en galego en 2008 por Xerais. Máis información: a nova no xornal portugués Público e o obituario no New York Times.