XXXIIIª Feira do libro de Vigo

Do 29 de xuño ao 7 de xullo de 2007, nos xardíns da Praza de Compostela, desenvolveranse diversas actividades creativas no contexto da XXXIIIª Feira do libro de Vigo. Os que acudan poderán “participar nos obradoiros de creatividade (ilustración, escrita, artesanía do libro). Palabras, imaxes, libros con vida propia, todo un imaxinario para descubrir.”
.

Presentación n’ A Coruña de “Punver”, de Yolanda Castaño

Mañá sábado día 16, ás 12:30, preséntase Punver, o último libro da escritora Yolanda Castaño. Será na Biblioteca Municipal Infantil Xuvenil (r/ Durán Loriga, 10 – baixo), “nun acto aberto a todo o público interesado, en especial aos máis pequenos, a partir de 3 anos. A actividade está pensada coma un contacontos moi participativo a cargo de Yolanda Castaño, seguido dun obradoiro de pintura no que os nenos e nenas poderán gozar con Punver da man do ilustrador Eduardo Hermida.”

Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)

Obradoiro de creación literaria na Fundación Granell

Nos meses de abril e maio a Fundación Eugenio Granell realizará un obradoiro de animación á lectura e á creación literaria. Será impartido por Antía Otero, quen tentará levar “a reflexión artística a un ámbito máis pedagóxico para achegalo a un público máis novo”. Para máis información: didactica@fundacion-granell.org. (Fundación Eugenio Granell)