Bases da 34 edición dos Premios da Crítica Galicia

BASES

PRIMEIRA. Os Premios da Crítica Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.
SEGUNDA. Os Premios da Crítica Galicia abranguen as seguintes modalidades:
I. CREACIÓN LITERARIA. Considéranse premiables todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010.
II. INVESTIGACIÓN. Considéranse premiables todas aquelas obras resultado dunha investigación contrastada e rigorosa entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. O xurado valorará o recoñecemento que estas obras de persoas ou colectivos recibisen por parte de especialistas no ámbito da súa disciplina, así como contar con algunha manifestación en lingua galega e a súa repercusión obtida dentro e fóra de Galicia durante o ano 2010.
III. MÚSICA. Considéranse premiables todos aqueles traballos de composición, interpretación, compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Tamén se consideran premiables as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período. Outrosí, poderán recoñecerse todas aquelas iniciativas que ao longo do ano contribuísen de xeito relevante á promoción da música na sociedade galega. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles músicos que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
IV. INICIATIVAS CULTURAIS. Considéranse premiables todos aqueles feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, entidades ou todo tipo de institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura galega e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2010.
V. ARTES PLÁSTICAS E VISUAIS. Considéranse premiables todos aqueles traballos de pintura, escultura, fotografía, videocreación artística, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas plásticos, arquitectos e deseñadores que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
VI. ARTES ESCÉNICAS E AUDIOVISUAIS. Considéranse premiables nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia, circo, cine, vídeo e televisión, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2010. Así mesmo, considéranse premiables todos aqueles artistas do eido das artes escénicas e audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro e fóra de Galicia un fito destacado durante o ano 2010.
TERCEIRA. O xurado de cada unha das modalidades terá competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego.
CUARTA. Os membros de cada un dos xurados serán designados pola FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA entre persoas recoñecidamente solventes en cada un dos eidos aos que atinxe cada unha das modalidades. Os membros do xurado non poderán ter relacións de autoría coas candidaturas concorrentes na súa modalidade, comprometéndose a aceptar as presentes bases.
QUINTA. O xurado de cada modalidade compoñerase de sete membros con voz e voto, entre os que se incluirá unha secretaría vinculada á FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA. A secretaría fará circular a información que se fose recabando entre as candidaturas presentadas, convocará as reunións do xurado e levantará acta dos acordos adoptados en cada unha delas.
SEXTA. O premio será único e indivisible en cada unha das modalidades, podendo quedar deserto, se así o considera o xurado. As decisións finais de cada un dos xurados, que serán inapelables e adoptadas por maioría de votos, tomaranse nunha sesión de traballo que se celebrará o mesmo día do ditame.
SÉTIMA. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.
OITAVA. Os ditames de cada unha das modalidades daranse a coñecer no decurso dun acto público que se celebrará na noite do 22 de outubro de 2011 na cidade de Vigo.

FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA

Galicia, setembro 2011

Premios da Crítica 2010: Marga do Val e Víctor F. Freixanes

En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi este ano a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.

Vía Crítica literaria. Tamén se recolle esta nova en Galicia Hoxe, Xornal, Cultura Galega e Galaxia.

Premios da Crítica 2008

A Sección de Crítica da AELG anunciou hoxe as obras propostas para os os premios da Asociación Española de Críticos Literarios. Copiamos a seguir a anotación que publicaron a última hora da mañá no seu blog:

Reunida en Santiago de Compostela o luns 13 de abril de 2009, a Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda, tras o debate e votación correspondentes, propor para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander, as seguintes obras:

-Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, da editorial Xerais.

-Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, Xerais.

De Festina Lente o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.

De Hordas de escritura destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

A COMISIÓN XESTORA DA SECCIÓN

Reunión da sección de crítica da AELG

O próximo 13 de abril, luns de Pascua, ás 11 horas na sala 103 da Facultade de Filoloxía da USC reuniranse os membros da sección de crítica literaria da AELG para celebrar a súa asemblea e facer a votación dos premios da crítica. A última hora da mañá anunciarase o fallo das propostas que se levarán logo ao Premio da Asociación Española de Críticos Literarios, que se dará a coñecer o sábado 18 de abril en Santander.