Pilar García Negro gaña o V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009

O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse onte, mércores 27 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 45 traballos de todas as partes do país e incluso de fóra, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia, ao artigo titulado A nena que berra, de María Pilar García Negro.

Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á imaxe moi plástica e moi visual que retracta e describe a situación actual de conflito lingüístico entre galego e castelán; á introdución de conceptos interesantes, modernos, novidosos e moi valiosos para a descrición sociolingüística, como «lingua inevitábel» ou «xustiza ecolingüística»; á súa calidade e ligazóns lingüística e argumentativa, cun fío discursivo que dirixe todo o artigo cunha tese que se defende durante todo o texto e que o pecha; e por considerar moi valiosos e útiles os argumentos defendidos.

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) reside na Coruña. É doutora en Filoloxía e profesora titular da Universidade da Coruña. Como estudosa é experta en literatura e mais en sociolingüística galega. Neste último campo foi autora da primeira tese sobre lexislación lingüística galega, e publicou numerosos artigos e libros básicos na sociolingüística galega como O galego e as leis. Aproximación sociolingüística (1991), Sempre en galego (1993), O ensino da língua: Por un cámbio de rumo (1995) ou Direitos lingüísticos e control político (2000). No ámbito político foi, entre outras cousas, deputada polo BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003. No ámbito social foi presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña e cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada deste en Galiza entre 1985 e 1990. Na actualidade é directora da Fundación Bautista Álvarez.

O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo GZ Power, do autor lugués Marcos Abalde Covelo. O accésit concédeselle pola capacidade de empatía que o artigo ten co público lector, pola súa fluidez, pola defensa dunha lingua moi viva, útil e válida para todos os contextos sociais, e pola introdución de optimismo discursivo e de toques de humor. Por estas razóns, o xurado recomendarlles aos medios de comunicación colaboradores a publicación destoutro artigo.

O xurado do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, redactora da revista Tempos Novos; Goretti Sanmartín Rei, sociolingüista e directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita. Nas catro edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa ou Xesús Fraga.

Manuel Rivas, Premio Fernández del Riego de xornalismo

Manuel Rivas foi o gañador do VI Premio de xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego polo artigo A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick, publicado o 11 de xullo de 2008 na edición galega do xornal El País. O premio, convocado pola Fundación Caixanova, está dotado con doce mil euros.

A web Salvemos Monteferro gaña o V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro

O V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro, instituído polo Instituto de Estudios Miñoranos para lembrar o xornalista e amigo do mesmo nome, foi concedido á páxina web Salvemos Monteferro.
«Foron múltiples os argumentos que levaron a que a Xunta de Goberno do Instituto de Estudios Miñoranos tomase esta decisión por unanimidade, entre outras, ser a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro.» (Instituto de Estudios Miñoranos)