Juan Gelman este martes en Compostela

Recordámosvos que mañá martes, 20 de abril, ás 19.30, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar a conferencia “Un árbol sin hojas que da sombra”,  do escritor arxentino JUAN GELMAN.

No marco do acto de entrega do Premio “Escritor Galego Universal 2010”, co que AELG distingue aquelas/es autoras/es que combinan a excelencia literaria co compromiso ético que os converte en referentes para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana; Gelman vén sumarse así á nomina de “Escritores/as Galegos/as Universais”, xa conformada por:

2006: Mahmoud Darwish (Palestina)
2007: Pepetela (Angola)
2008: Nancy Morejón (Cuba)
2009: Elena Poniatowska (México)

Agardamos poder contar coa túa presenza para arroupar así o noso novo Escritor Galego Universal e gozar da súa palabra.

Concurso “Lingua de amor” 2010

Xa está en marcha a cuarta edición do concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet. O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.

“Lingua de amor” ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede. Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor.Os premios serán os seguintes:

Modalidade 1 (Declaracións de amor en galego a través da rede)

Categoría A (de 14 a 19 anos): 1.º Un computador portátil Netbook; 2.º Unha consola Nintendo DSI XL; 3.º Unha cámara de fotos dixital.

Categoría B (de 20 a 35 anos): 1.º Un computador portátil Netbook; 2.º Unha cámara de vídeo dixital; 3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Modalidade 2 (Cancións de amor en lingua galega): 1.º Un computador portátil Netboo; 2.º Un iPod de 3.ª xeració; 3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina do concurso. O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010.

Xosé Neira Vilas, Premio Laxeiro 2010

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela participou onte na reunión do padroado da Fundación Laxeiro en Vigo e logo entregoulle a Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) o Premio Laxeiro 2010. Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que “é un dos grandes nomes da nosa cultura, un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano”, e resaltou as afinidades entre o premiado e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

O PEN Clube concede os VIII Premios Rosalía de Castro

O PEN Clube de Galicia escolleu o pasado venres os gañadores do VIII Premio Rosalía de Castro: o brasileiro Lêdo Ivo, a vasca Itxaro Borda, o catalán Francesc Parcerisas e o leonés Antonio Gamoneda. O xurado do premios estivo formado por Miro Villar, Anxo Angueira, Manuel Outeiriño, Luciano Rodríguez, Román Raña, Luis González Tosar, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos Mella, Gonzalo Navaza e Úrsula Heinze. A organización non fixou aínda a data de entrega dos galardóns.

Catro autores optan ao Premio Max ao mellor autor teatral en galego

Catro autores optan ao Premio Max al Mejor Autor Teatral en Gallego: Ánxeles Cuña Bóveda por Dame veleno, eu tamén soñar; Cándido Pazó por A piragua; Jorge Rey por Fidra; e Roberto Salgueiro por Valentino Rufini e âkil pillabán de viaxe a Milán (a van sen un can). O 22 de febreiro comeza a segunda rolda de votacións da que sairá o gañador nesa categoría. Máis información: sitio web dos Premios Max.

Aberta a primeira fase de votación dos XIV Premios María Casares de Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ven de abrir o proceso que culminará na elección dos gañadores dos Premios de Teatro María Casares, que este ano chegan á súa decimo cuarta edición nunha gala que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo. Unha edición que terá, ademais, un carácter moi especial, xa que coincide coa celebración do 25 aniversario da constitución da AAAG. [Ler noticia completa]

X Concurso de Relato Oral “Tíralle da lingua”

Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. Bases.