Arquivo da categoría: Presentacións de libros
A Coruña: presentación de A represión franquista en Oleiros
O vindeiro mércores día 17 de xuño, ás 20,30 horas en O Tabuleiro (Rúa do Anxo 9, A Coruña, entre a Igrexa de S. Nicolás e a rúa da Franxa) vai ser presentado o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950), do que é autor o Prof. Carlos F. Velasco Souto. Publicado pola Editorial Trifolium, dentro da súa colección Cadernos de Estudos Oleirenses, o libro parte da idea de que a recuperación da nosa memoria é un acto de xustiza social e histórica cos que quixeron construír un país en liberdade. Ao mesmo tempo, a súa publicación sirve para traer ao presente os nomes dos represaliados da comarca oleirense, de lembrar as súas biografías, de condear a brutal represión, de agradecer, en definitiva, a dignidade de tantos homes e mulleres que viron truncadas as súas vidas pola morte, a persecución, o cárcere ou o exilio. O acto de prensetación do libro contará coa presenza de Carlos F. Velasco Souto, autor do libro; Xácome Santos Ganoso, representante do Colectivo Urbano Lugrís, e Xan Arias, editor.
A Coruña: Bieito Romero presenta o libro Xeometrías máxicas

Mañá martes 16 de xuño na Aula Sociocultural de Caixa Galicia (r/ Médico Rodríguez, 2-4) , a partir das 20:30. Participarán no acto Xabier Cordal, Miro Casabella, Xosé María Bello, o editor Bieito Ledo (Ir Indo) e o autor, Bieito Romero.
Centenario de Aquilino Iglesia Alvariño
Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, no de Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século XX.
Con motivo do centenario do seu nacemento, Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez, aproximación á súa obra poética estruturada en dúas sesións: Os días, que dá conta da súa peripecia biográfica, e As palabras, que propón unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.
Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín hoxe venres, 12 de xuño a partir das 19:00 horas, cunha recepción diante do concello. A seguir os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha placa conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia. De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (Director Xeral de Cultura).
Agustín Fernández Paz fala de Lúa de Senegal (vídeo)
A Coruña: presentación do libro de Darío Villanueva

Mañá xoves 11 de xuño ás oito da tarde no Centro Social Caixanova (Avenida da Mariña, A Coruña). O acto contará coa participación do autor, Darío Villanueva, e de José María Barja, Xavier Seoane e Miguel Anxo Fernán-Vello.
Vigo: Rafael Laso presenta libro

Mondoñedo: presentación de libro de Ramón Loureiro e homenaxe a Iglesia Alvariño
Mañá mércores 10 de xuño en Mondoñedo ás 19 horas preséntase no Concello de Mondoñedo o libro de Ramón Loureiro Principes de Bretaña, Estrelas de Compostela, ilustrado por Gonzalo Pernas. Un hora despois no Seminario de Mondoñedo, moi próximo ao Concello, terá lugar un acto en lembranza de Aquilino Iglesia Alvariño polo seu centenario. Os interesados en asistir deben confirmar a súa asistencia escribindo a este correo electrónico.
A Coruña: presentación de Metal central, de Alfredo Ferreiro

Hoxe venres 5 de xuño na galería Sargadelos da Coruña (Real, 56), ás 20:00, terá lugar a presentación do poemario Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. O autor contará coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo (autor do prólogo) e Miguel Anxo Fernán Vello (editor).
A Coruña: presentación da novela O país das bestas de Eva Moreda
Mañá xoves 4 de xuño preséntase a novela O país das bestas de Eva Moreda, no salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña, ás 20 horas. A escritora estará acompañada pola profesora da UDC Olivia Rodríguez González. O libro presentarase dous días despois en Ribadeo, na Casa das Letras, o sábado 6 de xuño ás 20:30, coa participación de Eva Moreda e Tucho Calvo, director literario de Biblos.