Preséntase en Maceda o libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30

«O vindeiro venres, 13 de xuño de 2008 terá lugar a presentación do libro de Santiago Prol Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30, presentado conxuntamente polo concello de Maceda e Edicións A Nosa Terra.No acto intervirán Xabier Oviedo (Alcalde de Maceda), Afonso Eiré (Conselleiro Delegado de Promocións Culturais Galegas), Bieito Seara (Director Xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta), Francisco Carballo (historiador) e Santiago Prol (autor do libro).

A cita será ás 20:00 h. na Torre da Homenaxe do Castelo de Maceda. Tamén se inaugurará unha exposición baixo o título “Benigno Álvarez: A mirada de transparencias cordiais” que estará aberta o público dende ó 13 ao 20 de xuño de 2008 no Castelo de Maceda.»

Preséntanse en Compostela O tempo do revés e Boa sorte, de María Solar

O venres 13 de xuño ás 18:00, na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), terá lugar a presentación das obras O tempo do revés e Boa sorte (Baía Edicións), de María Solar, con ilustracións de Xosé Tomás e actividades de Arturo Iglesias e Xosé Tomás. No acto intervirán Jorge Mira, Santiago Pemán e Vítor Fábregas.

Presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut en Santa Comba

O venres 30 de maio, ás 20:30 na Librería LER de Santa Comba, terá lugar a presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut: Ramón Martínez López; Prensa e comarca. Medios de comunicación en Negreira. A Baña e Brión no século XX; Son para a «Unión Barcalesa de La Habana» (1907-2007); Ciudadanos españoles en el mundo. Situación actual y recorrido histórico.
No acto intervirán Xosé Deira Triñanes (alcalde de Boiro), Emilio Grandío Seoane (profesor de Hª Contemporánea na Universidade de Santiago), Xosé Manuel López Tuñas (presidente da Asociación «Alén Mar»), Ramón Villares Paz (presidente do Consello da Cultura Galega), Antonio Puentes Chao (director editorial de tresCtres), e o propio autor.

Preséntase en Boiro a novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary

A editorial Galaxia, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Proxecto Leñaverde, convídano/a á presentación da novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary, así como á saída do nº 35 do suplemento cultural “A voz de Barbantia”.
Acompañarán o autor do libro Xerardo Piñeiro (Concelleiro de Cultura), Carlos Lema (editor de Galaxia) e Antón Riveiro Coello, presidente de
Barbantia, que manterán unha conversa co escritor verinense. O acto terá lugar o vindeiro venres 30 de maio, na Estación Leñaverde (Centro Social) de Boiro, ás 20:30.

Luis Rei Núñez na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña

O mércores 28 de maio Luis Rei Núñez charlará cos participantes do obradoiro de escritura da Biblioteca Municipal de Estudos Locais e dos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña sobre a súa novela Urbano Lugrís e a negra sombra, Premio Nacional da Crítica en 2007.

Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981

O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)

Presentación na Coruña do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

O mércores 21 terá lugar a presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoira e do Vicepresidente da Deputación da Coruña, D. Pablo Villamar, ás 20:30, no local da asociación.