Publicación da web do grupo de investigación Poxeirga

“O grupo de investigación Poxeirga acaba de publicar a súa web. Vencellado a ese grupo está o proxecto Us and Them: Discourses on Foreignness by Irish and Galician Women Writers (1980-2007), cuxa I.P. é a profesora Manuela Palacios, e que conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación (FFI2009-08475/FILO). Como antecedentes podemos citar aqueloutro proxecto así mesmo financiado, Poetas irlandesas e galegas contemporáneas (1980-2004), xa dirixido por Manuela Palacios. O obxectivo deste proxecto, tal como se explica na web, é, partindo dos vencellos socioculturais entre Irlanda e Galicia e da emerxencia sen precedentes de tantas mulleres escritoras nun e noutro lugar desde os 80, explorar o xeito no que a literatura contemporánea de autoría feminina configura a estranxeiría e produce unha crítica social da diferenza cultural. Ademais de Manuela Palacios forman parte do proxecto Laura Lojo, María Dolores Gómez Penas, María Xesús Nogueira, Burghard Baltrusch, Olivia Rodríguez González, Luz Mar González Arias, María Xesús Lama, José Francisco Fernández Sánchez, Helena Miguélez Carballeira e Borbála Faragó.” Vía Poesía Galega.

Viveiro: presentación de Un niño no xardín, de Xoán Neira

O venres 15 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos de Novacaixagalicia de Viveiro, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e Edicións Xerais presentan o libro Un niño no xardín, de Xoán Neira. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Bragado e Marica Campo.

A Coruña: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A quinta feira 14 de xuño, ás 19:00 horas, no local da Asociación de Veciñas e Veciños Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá o autor.

Parlamento das letras: Xosé Neira Vilas

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Neira Vilas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Nada lle sobra. En toda literatura hai diversas gradacións; na nosa tamén. En todo caso, postos a medir, talvez lle sobre a pobreza léxica, ou sintáctica, pero todo se irá corrixindo. En xeral, ultimamente estase escribindo bastante ben, falando gramaticalmente. En canto á creación, sería desexable que houbese máis obras teatrais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XNV: En liñas xerais está ao nivel da mellor literatura europea.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– XNV: É de desexar que a crise actual afecte o menos posible ás edicións de libros galegos. E, por suposto, que os nosos creadores sigan traballando contra vento e marea. Que non se instale o desánimo nas nosas letras.”

Xavier Queipo faise co Premio San Clemente

Extramunde, de Xavier Queipo, foi a novela gañadora en galego dos prestixiosos Premios San Clemente, que organiza o Instituto Rosalía de Castro en Compostela en colaboración con outros centros de Galicia e que concede o seu galardón a obras publicadas no ano anterior en galego, castelán e no ámbito internacional. Marina Mayoral fíxose co premio na categoría de castelán con Deseos e o suízo Peter Stamm, na de internacional, pola súa obra Sete anos. Os tres escritores acudirán a Santiago a recoller o premio. Vía Cultura Galega.

Discurso de Marilar Aleixandre na entrega dos Premios Xerais 2012

“A escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2012, alertou no seu discurso, O círculo de luz: escrita, conflito e lume, ao papel da lectura e dos libros que iluminan,  aqueles que «foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas», aqueles que «traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete». Aleixandre defendeu a lectura de «libros que sexan literatura, que teñan lume dentro», sendo xeralmente aquelas obras que «teñen no seu cerne un conflito dentro». A autora de Teoría do caos e de A cabeza de Medusa salientou que «o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís». «Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar as cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria», engadiu. «As escritoras, os escritores temos por ferramenta a palabra, a palabra xusta, usada como puga de toxo, como ferrete, como machada, como facho que alumea ou incendia. Temos tamén por ferramenta a imaxinación, que nos permite soñar que as causas perdidas serán un día gañadas». Citando a Rosalía de Castro e Castelao, rematou dicindo porque estes autores «imaxinaron ser posible escribirmos en galego, podemos celebrar hoxe estes novos libros. Convócovos a ler libros que arden, a escribir libros que prendan lume».
O texto completo do discurso pode baixarse en pdf aquí.” Vía Xerais.