Santiago: Jorge Amado, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 12 de maio, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Jorge Amado. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Basilio Losada.
13:00 h. Jorge Amado no cinema. O iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha realizou en 1979 este documental onde plasma a súa particular mirada sobre a vida cotiá de Jorge Amado e a súa dona, Zélia Gattai.

Presenta: José Manuel Sande, responsable de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Lugo: A Asociación da Prensa conmemora o Día Internacional de Liberdade de Prensa 2012

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, a Asociación da Prensa de Lugo conmemora o Día Internacional de Liberdade de Prensa, lerase un manifesto de carácter reivindicativo nun momento tan delicado para a nosa profesión, foi redactado na última asemblea nacional da Fape, celebrada en Valladolid o pasado día 14, e lerase ese mesmo día en diferentes actos públicos organizados polas asociacións da prensa de todo o país. O acto será presentado por Antón Grande e a lectura do manifesto correrá a cargo de Mº Amparo Roca Pena; directora de Radio Nacional en Lugo. Así mesmo os actos completaranse coa actuación musical de Paula Qiao; violinista da escola de música Aulos e dun grupo de performance.

Fran Alonso: “O poder político intenta privatizar a palabra”

Entrevista a Fran Alonso en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): O libro [Ninguén] O libro recolle unha contradición: na sociedade conectada vivimos na incomunicación, na soidade e no ruído, metáfora do malestar social que padecemos. Volvémonos asociais?
– Fran Alonso (FA): Non sei exactamente se asociais ou un tipo de relación social diferente. É certo que hai unha perspectiva que conduce á socialidade. En Xapón, xa hai xente que se relacionou sempre a través das redes sociais, péchase na súa casa e non é capaz de manter contacto físico coas persoas. É unha forma de asocialidade que conleva unha incapacidade comunicativa natural terrible. Eu espero que as redes sociais non conduzan exclusivamente a iso. As redes sociais lévannos a un tipo de relacións diferentes, mediatizadas. Ás veces, o que non vemos é que esa relación está mediatizada porque rompemos coa estructura espacial que é o tradicional das relacións sociais. Ao romper co espazo hai unha serie de elementos que mediatizan a relación como a parede dunha vivenda ou a pantalla dun ordenador. E ademais as circunstancias dun mesmo son diferentes ás da persoa que está recibindo a mensaxe, estamos en realidades diferentes. Iso é o que non percibimos e inflúe á hora de relacionarnos recolle unha contradición: na sociedade conectada vivimos na incomunicación, na soidade e no ruído, metáfora do malestar social que padecemos. (…)
– D: En Comunidade literaria refíreste á difícil convivencia das figuras de escritor e crítico e a súa influencia no lector. Sorprende o enfoque do relato porque desvelas que moitas veces median nesa relación intereses espúreos, vencellados máis á relación persoal que á calidade literaria. Esa relación escritor e crítico está viciada ou problemática até o punto de que un crítico poida valorar unha obra literaria por criterios diferentes aos literarios?
– FA: Non é unha queixa persoal. De feito, teño unha excelente relación cos críticos e non teño especial queixa. Galicia é un país pequeno, por tanto, o sistema literario é pequeno e metaforicamente pode simbolizarse a través da convivencia nunha comunidade. Pero tamén quería simbolizar todos aqueles factores que están presentes na relación dun escritor cun crítico e ao que permanece alleo o lector e está por riba desas pequenas diatribas. Cada vez estou máis convencido de que os escritores temos que escribir á marxe das opinións. Pero paréceme fundamental a labor dos críticos. O relato é equilibrado porque non bota terra nin sobre escritores e críticos senón que pon de manifesto que hai aspectos humanos que teñen que ver coas relacións que se sobrepoñen ás veces sobre a propia percepción da obra. Unha vez que a calidade literaria existe, a partir de aí entra en xogo a subxectividade que é o que pon en valor unha cousa sobre outra. (…)”

Parlamento das Letras: Eva Veiga

Entrevista de Armando Requeixo a Eva Veiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Eva Veiga (EV): Se cadra, sóbralle aínda, ao igual que ao País en xeral, un certo complexo de inferioridade e nalgún sentido unha mentalidade minifundista. Así mesmo, tamén é xeneralizada a nosa escasa profesionalidade en materias de mercadotecnia e distribución. Podes xerar produtos marabillosos que, se non se poñen en valor e se non se fan visibles e desexables, só algúns con sorte chegan lonxe. Apenas existen axentes literarios, quizais tamén porque falla a infraestrutura necesaria. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EV: O noso presente literario goza, ao meu entender, de boa saúde e dunha gran riqueza. Hai xente moi nova, que vén achegando perspectivas diferentes, moi interesantes e cunha escrita de gran calidade. Tamén hai moita obra menor, pero iso sempre é así, o tempo vai decantando. É por iso que semella máis urxente unha boa promoción das obras, de modo que os lectores se sintan atraídos e se habitúen así á súa propia literatura. Por certo, coido fundamental que as e os profesores coñezan e amen a literatura. Sen este labor pedagóxico o ermo irá cada vez a máis. (…)”

A Coruña: presentación de Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, preséntase a novela Pallarega, de Marcelino Fernández Mallo, publicada por Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participan Mercedes Queixas e Pablo González Mariñas.

Convocada a IV Edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira

“Convoca a Área de Cultura do Concello de Riveira e Edicións Xerais de Galicia para potenciar, apoiar e difundir a literatura en lingua galega e conmemorar a concesión do título de Cidade, outorgado pola S.M. o Rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906.

BASES

1.- Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito.
2.- A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados ou encadernados, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a e cun lema ou pseudónimo, empregando o sistema de plica e debendo ademais incorporar un CD co arquivo dixital do texto.
3.- A plica deberá conter no seu interior os datos do autor/a e fotocopia de identificación (DNI/Pasaporte), así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.
4.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o 23 de marzo de 2013, aniversario da concesión do Título de Cidade a Riveira pola S. M. o Rei Alfonso XIII en 1906.
5.- Os traballos, citando IV Concurso Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, remitiranse a: Concello de Ribeira, Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Ribeira, A Coruña, España.
6.- Establécese un Primeiro e Único premio de 3.000,00 €, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edición Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
7.- O/A autor/a terá que recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame, a non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia a este.
8.- O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que non quedará deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura a educación e as letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto no mes de maio de 2013, coincidindo coa programación do Maio Cultural e Letras Galegas que organiza este concello.
9.- O acto de entrega do premio terá lugar no mes de maio de 2013, do cal se dará conta anticipadamente aos medios de comunicación e ás persoas interesadas. A publicación e presentación da obra gañadora será entre os meses de marzo e maio de 2014, acto no que tamén se convocará a V Edición do certame.
10.- Os traballos non premiados serán destruídos vinte días despois do veredicto, polo que a súa reclamación farase persoalmente e con identificación no Auditorio Municipal de Ribeira durante ese prazo.
11.- O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das devanditas bases.”

Vigo: presentación do número 193 da revista Grial

O xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o número 193 da revista Grial, que xira sobre Valentín Paz-Andrade, Isaac Díaz Pardo, emprendedores. Participan Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Uxío Labarta, Fernando Salgado e Alfonso Paz-Andrade.

Santiago: actividades destacadas do xoves 3 e venres 4 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do xoves 3 e venres 4 de maio son as seguintes:

* Xoves 3:
19:00 h. Presentación dos libros Ruído de fondo, de Daniel Salgado e Os fillos do mar, de Pedro Feijóo, publicados por Xerais. Acompañará aos autores Manuel Bragado. Ao remate do acto, os escritores asinarán exemplares dos seus libros.

* Venres 4:
19:00 h. Presentación do libro Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, publicado por 2.0 Editora. Xunto cos autores, participa no acto Antón Lado.
20:00 h. Presentación do libro Un pozo moi fondo, do doutor José Luís Iglesias Díaz, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Nieves Herrero e Francisco Castro.

Xosé Alfredo Naz Fernández gaña o XI Certame Avilés de Taramancos

“O escritor Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo, 1972, profesor de Matemáticas que xa gañou o certame Ánxel Fole, o XXXVI de narracións curtas Modesto Figueiredo e o Ciencia que conta de 2009) gañou o XI Certame de relatos de aventuras Antón Avilés de Taramancos co relato O sorriso de Hitler. Leva por iso 3.000 euros e a publicación da obra. Nesta edición do concurso de relatos de aventuras participaron 18 obras. O xurado, no cal estaba, entre outros, o gañador do ano pasado, o ribeirense Antonio Piñeiro, destacou a calidade das obras presentadas.” Vía Certo.

A Coruña: inauguración da exposición A Galicia do Galicia, sobre Valentín Paz Andrade

A Fundación Barrié inaugura o 2 de maio, na súa sede da Coruña, unha exposición comisionada polo secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, arredor da vertente xornalística de Valentín Paz Andrade. Debuxos, carteis, fotografías, correspondencia, exemplares orixinais do xornal ou obxectos persoais son algúns dos materiais que conforman a mostra. Trátase de documentos inéditos na súa maioría e procedentes, entre outras entidades, da Real Academia Galega, que renden homenaxe ao xornal Galicia, unha das cabeceiras máis relevantes da nosa historia xornalística. A Fundación Barrié súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), poñendo en valor e á disposición do público xeral o labor xornalístico levado a cabo polo homenaxeado no Día das Letras deste 2012. En palabras do secretario da Academia e comisario da mostra, Xosé Luís Axeitos: “A biografía intelectual de Paz Andrade non se pode explicar sen a súa faceta xornalística e sen Galicia”. No entanto, a exposición constitúe tamén un documento testemuñal en si mesma, pois “Galicia é a sinatura dos degoiros galeguistas dos anos vinte”, conclúe o secretario. A inauguración terá lugar o mércores 2 de maio ás 12:30 horas na sede da Fundación na Coruña e nela participarán José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Alfonso Paz Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade; e Xosé Luís Axeitos Agrelo, comisario da exposición e secretario da Academia. A mostra poderá visitarse ata o 1 de xullo.” Vía Real Academia Galega.