Entrevista
a Elena Gallego en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Na literatura galega de hoxe en día, o xénero fantástico non é precisamente o que máis prolifera. Que é o que a animou a escribir nesta liña (Dragal)?
– Elena Gallego (EG): Houbo un tempo no que a miña casa estivo habitada por dragóns, os que o meu fillo Adrián coleccionaba nos andeis do seu cuarto, de todo tipo e condición.Os seus libros de cabeceira eran de sagas fantásticas como Harry Potter ou Eragon, e non había maneira de que lese outro tipo de literaturas, e menos na nosa lingua. Ocorréuseme que se non había un dragón galego, que satisfacese as inquedanzas lectoras de rapaces como o meu fillo, habería que inventalo. (…)
– FdV: A novelas como as súas, as editoriais adóitanas clasificar no apartado de literatura infantil e xuvenil cando, en realidade, hai moitos adultos que as len. Cando Vde. escribe, séntese condicionada por este feito?
– EG: O segredo de Dragal é que non é necesario contar cunha idade determinada para que che goste, porque ten varios niveis de lectura diferenciados. Forma parte dunha colección de literatura xuvenil, pero conta xa con seareiros de todas as idades. Por unha banda, é unha novela de aventuras para rapaces, na que dous amigos do instituto teñen que investigar un misterio. Hai dragóns de pedra que falan, medallóns de metal en estado vivo,unhas catacumbas que conectan cun lugar máxico como a Poza da Moura… Mais a triloxía de Dragal tamén é unha serie para adultos con inquedanzas culturais, xa que ten os seus alicerces na historia medieval de Galicia, recolle tradicións celtas e bebe das fontes da alquimia. Ese é o segredo, facer realismo fantástico e unir nun mesmo texto aventuras e cultura. (…)”
Vigo: acto de homenaxe a Celso Emilio no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade
Vinte anos de poesía en Espiral
Entrevista
a Miguel Anxo Fernán-Vello en Sermos Galiza:
“Máis de trescentos títulos de poesía e cincocentos en xeral completan o fondo de Espiral Maior que comezou a súa andaina editorial hai agora vinte anos. Nacía cunha sorpresa literaria, a estrea poética da narradora e ensaísta María Xosé Queizán con Metáfora da metáfora. “Non foi un inicio accidental, marcaba o arrinque dunha editorial no que as voces de mulleres terían protagonismo. Nace no contexto de reivindicar voces poéticas” apunta Fernán Vello. O Eu tamén navegar de Xohana Torres viría pouco despois, na publicación do seu libro Tempo de ría. “No momento no que moitas coleccións poéticas desaparecían, Espiral cría unha rede de poetas novos que coinciden con outros consagrados con nomes como Avilés de Taramancos ou Manuel María” sinala. Diante do seu propio catálogo, o poeta e editor considera que a poesía é un “dos tesouros estéticos que Galiza lle pode ofrecer ao mundo, dun valor inmenso”. Xunto ás obras completas de figuras como Avilés de Taramancos ou Manuel María, o selo deu á luz as obras reunidas dun feixe de autores nos que se incluían nomes da xeración dos oitenta como Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Xavier Seoane ou Manuel Rivas. A editora cumpre as súas dúas décadas de existencia nun momento no que, ao seu ver, “o poder político está a desenvolver un programa de demolición da expresión cultural galega que ten base no idioma, sexa creación literaria, audiovisual ou teatral”. Toma o concepto de Clastres para falar de “programa de etnocidio dunha realidade cultural cunha actitude bárbara. Estamos diante de sociópatas. Pódese esmagar a poesía sen sentimento do cadáver que se deixa”. A gravidade dos feitos recomendarían, segundo Fernán Vello, unha denuncia diante da Unesco xa que “é o propio poder que emana do Estatuto o que actúa en contra do idioma e a cultura, unha contradición difícil de explicar”. “Os recortes non baixan do 50% o que supón que unha boa parte das novidades editoriais non van estar ao dispor da lectura pública” o que supón tamén “un mazazo para o sector editorial, fronte ao silencio tamén da Asociación de Editores e a indignación de varias das empresas”. A situación agrávase, para Fernán Vello, na edición de poesía pola baixada de vendas que, segundo ten computado, supón unha caída do 60%.”
Vigo: debate arredor de Valentín Paz Andrade
O
venres 4 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Areal de Vigo, terá lugar un debate arredor da figura de Valentín Paz Andrade. Intervirán: Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario; Alfonso Paz Andrade, avogado e fillo de Valentín Paz Andrade; e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, como moderador.
A Coruña: conferencia de Anxo Gómez
O
xoves 3 de maio, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a conferencia A Cova Céltica e a súa relación cos feitos de 1846 en Carral, impartida polo profesor Anxo Gómez.
Muxía: Xela Arias na Galería de Mulleres no mes de maio
O
Concello de Muxía continúa coa iniciativa da Galería de Mulleres, onde se destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc…., repartíndose cartaces e indicacións para informarse sobre ela ou acceder á súa obra. Con cada muller reséñanse os libros a disposición do/a usuario/a na Biblioteca da Muller, integrado dentro da Biblioteca Municipal do Concello de Muxía, escritos por ela ou que fagan referencia á mesma. Este mes de maio centrarase en Xela Arias.
Begoña Caamaño: “A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres”
Entrevista
a Begoña Caamaño en Praza:
“Morgana irmá, amiga, amante. Muller libre que escolle o afecto como patria. Ser loitador que non está disposto a renderse, nin a renunciar a saber. Así é a protagonista de Morgana en Esmelle, a nova novela de Begoña Caamaño. A escritora e xornalista realiza con esta obra a súa achega á revisión galega da materia de Bretaña. Pero, alén do ronsel de Cunqueiro, opta pola relectura dos mitos en clave feminista como o fixeron Xohana Torres ou María Xosé Queizán. Para propoñer unha reflexión sobre a sociedade que queremos, sobre o poder que devén tiranía se non ten límites, se non se asumen as consecuencias dos actos de cada quen. (…)”
Premio Trasalba 2012 para a pedagoga Antía Cal
“A
Fundación Otero Pedrayo concedeu á pedagoga Antía Cal Vázquez o Premio Trasalba 2012, un galardón que se entrega anualmente o último domingo do mes de xuño a unha persoa vinculada co galeguismo e a difusión da cultura galega. O equipo de goberno da fundación decidiu por unanimidade conceder este premio pedagoga, nacida na Habana en 1923 nunha familia de emigrantes orixinaria de Muras (Lugo). Ademais do seu traballo profesional en favor da lingua e a cultura galegas, a Fundación valorou o seu “feminismo activo”, o seu compromiso social, a contorna galeguista no que desenvolveu a súa actividade, a modernidade das súas estratexias de ensino e “a apertura de miras coa que soubo deseñar o seu proxecto educativo”.” Vía El Progreso.


