A Coruña: presentación do novo libro de Manuel Rivero Pérez

A Agrupaçom Cultural O Facho presenta mañá venres 20 na Coruña o libro De Roncevales a Compostela, escrito polo sociólogo e antropólogo Manuel Rivero Pérez. A obra é ao mesmo tempo unha reflexión sobre o ser humano e unha crónica de viaxes onde o autor fala da historia e da arte dos lugares polos que pasa. O acto terá lugar ás 19:30 na Fundación Ronsel (r/ Hospital, 21, baixo) da Coruña.

Convocadas as subvencións para a escritura de guións cinematográficos

No DOG do martes 17 de febreiro saíu publicada a convocatoria de AGADIC de bolsas de creación para impulsar o talento audiovisual galego. As axudas van dirixidas a creadores individuais para a escrita de guión e tamén para a produción de curtas e longametraxes dixitais. O prazo de entrega das solicitudes remata o luns 16 de marzo. A convocatoria simplifica os trámites administrativos, pois o proceso de xustificación limítase á entrega do guión e/ou da produción subvencionada e non esixe a xustificación de gastos. Existen catro modalidades de axudas: para a escrita de guión (máximo 12.000 euros), para curtametraxes en soporte digital (máximo 6.000 euros), para curtametraxes experimentais (máximo 10.000 euros) e para longametraxes en soporte dixital (máximo 30.000 euros). Máis información, na web da Axencia Audiovisual Galega.

Manuel Rivas, Premio Fernández del Riego de xornalismo

Manuel Rivas foi o gañador do VI Premio de xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego polo artigo A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick, publicado o 11 de xullo de 2008 na edición galega do xornal El País. O premio, convocado pola Fundación Caixanova, está dotado con doce mil euros.

A Coruña: conferencia de Felipe Senén sobre o entroido

O xoves 19 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, 1) pronunciará unha conferencia Felipe Senén sobre o tema O entroido en Galicia: máscaras, ritos e símbolos, na que explorará as diferentes maneiras de celebrar o entroido que teñen as diferentes vilas galegas e o xeito en que nelas se mesturan contidos populares e cultos. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre.

A Coruña: conferencia de Bernardo Penabade

Mañá mércores 18 de febreiro o coordenador do Arquivo Documental do Concello de Burela e profesor de Ensino Secundario Bernardo Penabade Rei intervirá dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom cunha charla titulada Unha nova política linguística municipal. Será a partir das oito do serán, no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom Cultural O Facho.

Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), de Marcos Valcárcel, será agasallo do xornal Galicia Hoxe este domingo


O próximo domingo, día 15 de febreiro, o xornal Galicia Hoxe agasallará os lectores e lectoras cun exemplar de Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), unha escolma do primeiro ano da sección de Marcos Valcárcel nese xornal (outubro 2003-outubro 2004), antes de que abrise o seu blogue. Son un total de 180 artigos de moi variada temática, enriquecidos cun fermoso e xeneroso limiar do amigo Afonso Vázquez-Monxardín. O exemplar pode ser reservado no quiosco.

VIII Certame Literario de Relato de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”

O Concello de Noia convocou o VIII Certame Literario de Relato de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”, organizado pola Casa da Gramática (IES Virxe do Mar) coa colaboración da Xunta de Galicia. Estas son as bases:

Bases do VIII Certame Literario de Relato de Aventuras “Antón Avilés de Taramancos”

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoa maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.

2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentara por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.

3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 17 de abril de 2009

4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia
Rosalía de Castro, 2
15200 – Noia

5. Establécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.

6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio e para interpretar as bases. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto o día 22 de maio de 2009.

7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.

8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.

Xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Máis de 80 orixinais chegaron para concursar na novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que está organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sarria e cuxo prazo de presentación rematou o pasado 31 de xaneiro. Acaba de coñecerse a composición do xurado, que estará formado polo Concelleiro de Cultura, Xermán Arias, a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar, e polos poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés. O ditame do xurado será dado a coñecer antes do remate do 1º trimestre do ano 2009, como figura nas bases do premio, nun acto público que será anunciado con antelación.

Daniel Lavesedo publica unha obra en galego para libro electrónico

Daniel Lavesedo (Vigo, 1975) vén de publicar a primeira obra en lingua galega difundida no formato de libro electrónico para os novos eReaders. Trátase da colección de relatos curtos Olladas atlánticas, distribuído por Luarna Ediciones, unha compañía especializada na edición de contidos dixitais adaptados aos dispositivos de tinta electrónica. Máis información, na web da editorial.