A Coruña: comezan as celebracións do “Ano Darwin”

Os Museos Científicos Coruñeses comezan a celebración do Ano Darwin coa presentación aos medios da programación prevista para conmemorar a efeméride mañá xoves 12 de febreiro de 2009, xusto o día no que se cumpren douscentos anos do nacemento do científico británico. Será a partir das 19:15 na Domus, e no acto terá lugar unha breve representación especialmente elaborada para a ocasión por parte de Casa Hamlet, recoñecida entidade teatral coruñesa.

A continuación, ás 20 horas, haberá un coloquio sobre a teoría da evolución realizado en colaboración coa Unidade de Divulgación e Cultura Científica e Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña, presentado e moderado polo director dos Museos Científicos, Xosé Antón Fraga, e no que intervirán os profesores desta institución académica Roberto Bao, Marta Vila e Pedro Galán e mais o divulgador Ernesto Carmena. A entrada é libre até completar o aforo.

Vigo: conferencia de Francisco Castro

Mañá xoves 12 de febreiro o escritor Francisco Castro impartirá unha conferencia titulada A mirada literaria. Como ven os escritores no Centro Social Caixanova de Vigo, ás oito do serán, dentro do ciclo O traballo literario a través dos escritores. O acto será presentado polo crítico Ramón Nicolás. A entrada é libre.

Santiago: presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google

Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.

Café literario con Xesús Alonso Montero

Hoxe remata o ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven, organizado pola Secretaría Xeral de Comunicación. A partir das 19 horas no Casino de Santiago o escritor Xesús Alonso Montero falará da presenza de Galicia na obra de Azorín. Presenta e clausura este primeiro ciclo Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación.

Santiago: presentación do novo libro de Goretti Sanmartín

Mañá xoves 12 de febreiro preséntase na Libraría Pedreira (Rúa Home Santo, 55, Santiago de Compostela) o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín, editado por Xerais. No acto participarán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure, Manuel Bragado e a autora do libro. Será a partir das 20:30, con entrada libre.

Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente”.

A Coruña: presentación de libros de Lino Braxe e Alberte Momán

Mañá mércores 11 de febreiro ás 20:30 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) presentaranse os libros gañadores do II Premio Illas Sisargas de poesía erótica convocado conxuntamente polo Concello de Malpica e a Asociación Caldeirón desta localidade. Os libros premiados foron Baile Átha Cliath de Alberte Momán, con ilustracións de Paco Souto; e Baixo o Sol de Mesina de Lino Braxe, con ilustracións de Sol Rivas. O acto contará coa participación de Paco de Tano, Sol Rivas e os dous autores, Lino Braxe e Alberte Momán. A entrada é libre.

A Coruña: recital poético de Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello

Hoxe martes 10 de febreiro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (r/ Olmos, 16-18 – 1º, A Coruña) terá lugar unha nova sesión do ciclo de recitais poéticos A palabra na voz de quen a crea, coa participación de Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello. Será a partir das 20:30 e a entrada é de balde até completar aforo.

Café literario con Carlos G. Reigosa

Hoxe martes 10 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago (Santiago de Compostela) o escritor Carlos G. Reigosa mergullarase na obra de Gabriel García Márquez e a súa relación literaria con Galicia nunha nova entrega do ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven. Presentará o acto Arturo Larena, delegado da Axencia Efe en Galicia. A entrada é libre.