O escritor e xornalista Manuel Rivas vai ser o titor da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. O 16 de marzo pecha o prazo de recepción de proxectos de novela para este premio reservado aos menores de 25 anos, e será en xuño cando se coñeza o gañador/a que coa colaboración de Rivas terá a oportunidade de mellorar o seu orixinal. O autor, ademais, disporá de todo o mes de outubro para, se o desexa, permanecer aloxado con todos os gastos pagados na Casa Grande do Bachao de Pazos de Galicia e rematar o texto nun ambiente de tranquilidade. [Ler nova completa]
Novo número da revista Foeminas
Xa está dispoñible online o número de febreiro de 2009 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero). Foeminas está editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais do Concello de Lugo. O número de Foeminas correspondente a febreiro pon o seu acento na linguaxe e na comunicación, e leva á portada a segunda parte do artigo de Cristina Corral Soilán chamado Limitacións na linguaxe non verbal: a imaxe da muller na publicidade. A sección Enlazad@s toma tamén como eixe central a linguaxe, o discurso e a comunicación cun artigo denominado O que non se nomea non existe. A sección Contemporáne@ recorda o ingreso de Margarita Ledo Andión na Academia das Letras Galegas. Historia de Mulleres recolle a conmovedora historia da “nai dos dereitos civís” en EE.UU., Rosa Parks. A Galería de Arte ofrece o traballo da destacada e tamén esquecida pintora mexicana María Izquierdo, mentres que Mullerciclopedia ocúpase do primeiro libro de poemas de Lupe Gómez chamado Pornografía.
Marcos Valcárcel, Socio de Honor do Liceo de Ourense
O Liceo de Ourense celebrou o pasado venres 20 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios, durante a cal foi aprobado o nomeamento coma Socio de Honor do historiador Marcos Valcárcel, en virtude dos seus méritos persoais e dos servizos prestados á Sociedade como Director da Sección de Literatura. A Xunta Directiva salientou a condición de “persoa íntegra y entrañable” de Marcos Valcárcel, “una fuente de conocimiento de la historia contemporánea de Ourense” que mantén unha viva comunicación co resto de intelectuais de Galicia. “Es un orgullo para la Sociedad que forme parte decisiva de nuestras actividades literarias, con las que el Liceo ha alcanzado el mayor nivel de prestigio cultural”, di o comunicado da Xunta do Liceo.
Celanova: presentación do libro-homenaxe a Lois Antón
Mañá sábado a partir das 19:00 preséntase na Aula de Cultura Caixa Galicia de Celanova o libro Voz da terra, arela de pobo. Letras para o Lois Antón: recoñecemento a un nacionalista galego de base. O acto, organizado polo BNG de Ramirás e de Celanova, estará moderado por Leopoldo Rodríguez Puga, e inclúe o visionado de Unha vida en imaxes de Xosé Manuel Méndez Gayo, sobre o Lois Antón; as intervencións de Marcos Meléndez Alonso, presidente da Asociación Cultural e Xuvenil de Ramirás, Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do libro e Xosé Carlos Sierra Rodríguez, secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte; e un recital poético a cargo de Delfín Caseiro Nogueiras, Xurxo Sierra Veloso e Lois Antón Pérez Pérez.
Santiago: presentación d’O Globo de Shakespeare de Jaureguizar
Santiago Jaureguizar avisa da presentación mañá en Santiago da súa novela O Globo de Shakespeare. Reproducimos o correo que nos enviou:
Dispoño de 37 das famosas galletas do Globo de Shakespeare, que repartirei mañá ás 20.00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago dende dez minutos antes do comezo ata que remate con elas. Se vos toca unha, ben poderías facerme o favor de quedar á conversa que José Miguel Giráldez e máis eu manteremos arredor da miña última novela. Prometo espectáculo e moito neón verbal.
Ferrol: presentación do novo libro de Xaquín Marín
A Galería Sargadelos de Ferrol será mañá o escenario da presentación do libro O lecer de Isolino de Xaquín Marín, que foi lanzado pola editorial Embora. Na presentación intervirá o autor acompañado por Xesús Ferro Ruibal. O acto comezará a partir das oito do serán e a entrada é libre.
Vigo: presentación da última novela de Rafael Laso Lorenzo
Mañá venres 20 de febreiro preséntase en Vigo a nova novela de Rafael Laso Lorenzo, A vida que non é. A presentación terá lugar ás 19:30 no salón de actos do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo. Ademais do autor, participarán no acto o editor Ignacio Chao Castro (Edicións Tambre) e o profesor da Universidade de Vigo e escritor Manoel Dacosta Pardo.
Cultura pon en marcha un programa de apoio ás presentacións de novidades editoriais nas librarías galegas
A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte quere incentivar as presentacións nas librarías de Galiza das novidades editoriais galegas. Con ese obxectivo puxo en marcha unha nova iniciativa para apoiar ás editoras do país na realización de actos nos establecementos libreiros (…) O obxectivo desta iniciativa é promover as presentacións de libros como puntos de encontro entre os autores e autoras e o público e como unha medida para mellorar a difusión das novidades das editoriais galegas. A proposta enmárcase dentro do programa Letras Vivas. Ao longo do primeiro semestre de 2009, as editoriais poderán solicitar o apoio da Consellaría de Cultura para realizar presentacións de libros, sempre ligadas a algunha das datas fixadas no Calendario das Letras [ver nova completa]
A Coruña: presentación do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia
Hoxe xoves 19 de febreiro preséntase en El Corte Inglés de A Coruña a novela Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila, gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. A autora, Berta Dávila, estará acompañada polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, e mais polo editor Tucho Calvo, de Biblos Clube de Lectores. Na preparación desta novela, Berta Dávila estivo tutelada polo escritor Agustín Fernández Paz, quen tamén actuou como secretario do xurado. As tres edicións anteriores do Premio Biblos-Pazos de Galicia foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.
Vigo: presentación do nº 24 de “Festa da palabra silenciada”
O grupo Feministas Independentes Galegas (FIGA) e a Concellería de Igualdade do Concello de Vigo organizan hoxe xoves 19 de febreiro a presentación do nº 24 de Festa da palabra silenciada, que leva por título O verbo patriarcal. Será no Salón de Actos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, na rúa García Barbón, 5. No acto participarán as colaboradoras Olga Castro e Victoria Lojo e a directora da revista María Xosé Queizán, así como Laura López, Concelleira de Educación e Iolanda Veloso, Concelleira de Igualdade.