GZ CREA 08: Certame galego de creadores novos

«A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convídavos a participar neste certame galego de creadores novos, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, videoclips, composición para banda de música e deseño de xoias.

Acreditamos na creatividade da mocidade galega, apostamos por crear estímulos e canles de comunicación para a súa divulgación como modelos reais de presente e de futuro. O que pretendemos e implicarnos de xeito activo coa mocidade galega na procura de ferramentas e espazos que permitan estimular e vehicular as múltiples inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega. […]» (Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galiza)

As bases poden consultarse na web de GZ CREA 2008.

Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).

Festival poético en Arteixo

O xoves 17 de abril terá lugar o festival poético que terá lugar en Arteixo no pub da alfombra vermella da flor das viñas, o Entrance Bar (R/ Ría de Noia, Praza das Viñas, a carón do Balneario). Apartir das 22:00 poderase desfrutar dun festival en lingua galega onde participarán autores coma o recoñecido poeta Paco de Souto, Miguel Mato Fondo e Paco de Tano, entre outros.

Presentación en Marín da novela Unha falsa luz, de Xavier Alcalá

O venres 18 ás 20:00 no Museo Manuel Torres de Marín terá lugar a presentación da novela Unha falsa luz, de Xavier Alcalá, terceira parte da triloxía “Evanxélica memoria”. No acto acompañarán ao autor Esther Crespo Iglesias (Concelleira de Cultura de Marín), Xulio Torres (pastor evanxélico) e Marta Piñeiro (colaboradora do programa “Nacer de novo” da TVG).

“O eco da memoria”: VIII Campaña de Animación á Lectura

Ata o 19 de maio pódense contemplar na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16) ás ilustracións orixinais que compoñen a exposición “O eco da memoria”, título da ‘VIII Campaña de Animación á Lectura’ que organizan a Concellería de Educación e Kalandraka. Unha exposición de artistas internacionais formada pola obra da ilustradora galega Alicia Suárez, o extremeño Miguel Tanco e o suizo -afincado en Galicia- Marc Taeger. A mostra complétase cunha sala de instrumentos tradicionais e obxectos recuperados da vida cotiá na Galicia do século pasado.

Presentación en Compostela do número 31 da revista Dorna

O día 16 de abril, ás 19:30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do número 31 da revista Dorna (2006/2007). A presentación consistirá nun recital poético-musical coa participación de Anxo Angueira, María do Cebreiro, Xiana Arias, Alberto Lema, Andrea Núñez, Lía Santiso e Manu Clavijo.
Con este número recupérase a traxectoria dunha das revistas máis importantes do panorama literario galego, que leva dende 1981 ofrecendo un lugar para a expresión de voces emerxentes xunto con outras longamente consagradas.
O presente número conta, entre outras, coas colaboracións de Anxo Angueira, Chus Pato, Darío Xohán Cabana, Elvira Riveiro, Fran Alonso, María do Cebreiro, María Lado, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta ou Miro Villar, xunto con poetas que veñen de debutar hai pouco como Alberto Lema, Andrea Núñez, Rosa Enríquez ou Xiana Arias.
O número inclúe tamén unha antoloxía bilingüe do poeta vasco Kirmen Uribe e está ilustrado con obra fotográfica da artista Carmen Chacón.

II Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros da UDC

O Centro de Linguas da Universidade da Coruña, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da UDC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza estes cursos de verán de Lingua e Cultura Galegas diríixidos a aquelas persoas que procedan de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e que estean interesadas en se introduciren no estudo da lingua galega, así como en ampliaren os seus coñecementos sobre a cultura galega.
O curso impartirase entre o 1 e o 24 de xullo de 2008. Máis información en breve na web do Centro de Linguas da UDC.

Francisco Rozados gaña o X Certame de narración curta Ánxel Fole

«Do relato gañador, O vestiario máxico do abade, do pontevedrés Francisco Rozados, destacaron “o discurso Cunqueirano, a súa riqueza de vocabulario e a súa calidade literaria”. Do segundo clasificado, As sete tristes notas do meu vals, da ceense Rocío Leira, destacaron o feito de que como un relato tan breve poida enganchar ao lector pola súa poesía, a súa lírica e a súa densidade. O premio Ánxel Fole, que organiza a Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, contou este ano con 38 candidatos na categoría de galego.» (Vieiros)