O xurado decidiu por unanimidade premiar a obra Migracións, de Rafa Villar, que concorría na XXIV edición do premio. «Os membros do xurado, entre eles os portugueses António Manuel Pires Cabral, do Concello de Vila Real, e Joaquim Ribeiro Aires, do Grémio Literário Vila-Realense, amais do gañador da anterior edición, Francisco Fernández Naval (con Miño), salientaron “o carácter intenso e comprometido, así como a música e o ritmo interior que se inicia no primeiro poema e que se mantén constante até o final do libro”. Destacaron, tamén, a “alta calidade” de todos os traballos presentados. […]» (A Nosa Terra ; vexa tamén o Diário Digital)
Acto de homenaxe a Curros na Coruña
A Concellaría de Cultura do Concello de Coruña e a Real Academia Galega promoven un acto cívico en homenaxe a Curros Enríquez. Será o sábado 5 de abril de 2008 ás 17:30 horas, e consistirá nun cortexo de honra a Curros Enríquez que comezará no cemiterio de San Amaro e finalizará nos Xardíns de Méndez Núñez. Tamén terá lugar a actuación das corais Follas Novas, Cántigas da Terra, El Eco e Toxos e Frores.
Rubén Ruibal recibiu en Ferrol o “Premio nacional de literatura dramática”
«Os Premios Nacionais de Literatura do Ministerio de Cultura correspondentes a 2007 distinguiron a Vicente Molina Foix, en Narrativa; Olvido García Valdés, en Poesía; José María González García, en Ensaio; e en Literatura Dramática en Rubén Ruibal. Na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil, a distinción recaeu en Jordi Sierra i Fabra; e en Historia de España en Luís Gil Fernández. […]» (Galiciae)
Margarita Ledo entra na Real Academia Galega
«”Para min é un compromiso máis. Durante moito tempo foi moi difícil darlle corpo ao compromiso, agora temos a posibilidade de facelo a través de espazos coma este”. Margarita Ledo Andión comentaba onte deste xeito as primeiras impresións que lle produciu a noticia do seu nomeamento como membro numerario da Real Academia Galega en substitución de Miguel Anxo Araúxo. […]» (Galicia-Hoxe)
Xesús Fraga falará na Coruña sobre os seus autores fundamentais
O próximo martes 1 de abril, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, Baixo), Xesús Fraga falará sobre Michael Bond, Tolkien, Roald Dahl, Gerald Durrell, Auster, Cunqueiro, Ignacio Aldecoa, Martínez de Pisón e outros autores fundamentais para a formación literaria en xeral e, en concreto, para os participantes no “Taller de escritura para adolescentes” de dita biblioteca.
Presentación en Boloña da revista Bloc
O martes 1 de abril de 2008, ás 10:00 horas no Translators Centre (Hall 30, Stand A41) terá lugar a presentación do número 1 de Bloc, revista internacional de arte e literatura infantil, na Feira do Libro Infantil de Bolonia. Participarán: Xabier P. DoCampo (director), Gerardo Domínguez (diseñador) e Teresa Duran (especialista en literatura infantil).
O sorriso de Daniela, publicado por Kalandraka, obtén a distinción ‘The White Ravens 2008’
O libro de Kalandraka titulado O sorriso de Daniela, escrito por Carmen Gil, con ilustracións de Rebeca Luciani, vén de ser incluido na lista ‘The White Ravens 2008’ (Os Corvos Brancos). Esta distinción recoñece O sorriso de Daniela como un dos mellores álbumes infantís publicados en toda España durante o pasado ano.
Ditame do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
En o 29 de marzo de 2008 reuníronse na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que acordaron por unanimidade conceder o premio ao libro presentado baixo o lema “Xardín de terra”. Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser a súa autora Olalla Cociña Lozano. Os xurados foron Yolanda Castaño, Xosé María Álvarez Cáccamo e Martín Veiga; o presidente, Xermán Arias e a secretaria, María Casar. (A.C. Ergueitos / Concello de Sarria)
Ditame do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
O próximo sábado 29 de marzo o xurado da VIII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Yolanda Castaño, Martín Veiga e Xosé María Álvarez Cáccamo, acompañados por Xermán Arias (Concelleiro de Cultura do Concello de Sárria) e María Casar (Presidenta da A. C. Ergueitos), ámbolos dous con voz e sen voto, reunirase para realizar a derradeira deliberación desta edición.
Ás 13:30 horas procederase a abrir a plica do poemario gañador e coñeceremos o nome da gañadora ou gañador do VIII Fiz Vergara Vilariño. O acto de apertura da plica do poemario gañador será público e realizarase no salón de plenos do Concello de Sárria. (A.C. Ergueitos. Tlf: 678601550)
Presentación en Vigo de Hai Cu, do Leo
O venres 28 de marzo, ás 21:00 horas no Centro Social A Revolta (Rúa Real, 32, Zona Vella, Vigo), terá lugar a presentación de Hai Cu, libro de haikus en galego do Leo. Haberá cántigas, poemas, monólogo e petiscos ao remate.