«A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en Internet PrazaDasLetras.org, un proxecto creado para ser o referente do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellaría. […]» (Consellaría de Cultura e Deportes)
Preséntase en Sarria De esparto e seda, de Xosé Antón Neira Cruz
A Concellaría de Cultura do Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos presentan o libro co que Xosé Antón Neira Cruz gañou a VII edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, titulado De esparto e seda.
O acto de presentación terá lugar o sábado 15 de marzo de 2007, ás 19:00 horas nos locais da Sociedade “La Unión” de Sarria. Participarán Xermán Arias, Concelleiro de Cultura do Concello de Sarria, María Casar, Presidenta da A.C. Ergueitos, Isidro Novo e Miguel Anxo Fernán-Vello, membros do xurado e o autor do libro galardoado, Xosé Antón Neira Cruz. Ao remate da acto literario actuará a violonchelista Cristina Nogueira. (A.C. Ergueitos – Sarria)
“A Coruña Son”: obradoiro de canción coordinado por Santiago Auserón
Do 24 ao 28 de marzo, en Palexco, a Concellaría de Cultura da Coruña organiza un obradoiro de canción impartido por Santiago Auserón. A inscrición para asistir como ouvinte é gratuíta, e tan só tedes que enviar un correo a cultura@coruna.es cos vosos datos persoais. O programa do evento pode consultarse na web de A Coruña Son.
Barcelona: coloquio internacional As relaciónS entre As literaturAs ibÉriCAs
RELIBE
Coloquio internacional sobre as relacións entre as literaturas ibéricas (Barcelona, 18-20 de xuño 2009)
O Grupo de investigación, tradución, recepción e literatura (Universitat Pompeu Fabra) e o Grupo de investigación consolidado TRELIT~Tradución e recepción das literaturas (Universitat de Barcelona) organizan o Coloquio internacional sobre “As relacións entre as literaturas ibéricas, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xuño de 2009 na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade Pompeu Fabra.
O coloquio pretende analisar estas relacións desde unha perspectiva comparada e arredor dos seguintes eixos ou liñas:
· Tradución entre as literaturas ibéricas
· Autotradución (entre linguas ibéricas)
· Presenzas e interaccións entre as literaturas ibéricas
· Recepción comparada da literatura extranxeira nas literaturas ibéricas
· Recepción comparada de literaturas ibéricas nun ámbito literario extranxeiro
Aparte das liñas e eixos enunciados, o Comité científico poderá tomar en consideración outras propostas.
As persoas interesadas en participar no coloquio poden enviar un correo electrónico antes do 31 de maio de 2008 á direción: relibe@upf.edu.
O Comité organizador do coloquio remitirá aos interesados información complementaria a partir do 1 de xuño de 2008.
Outras datas de interese:
30 de setembro de 2008: data límite para o envío de propostas de comunicación segundo as especificacións que se farán públicas coa debida antelación.
2 de novembro de 2008: notificación aos interesados da aceptación da propuesta.
Comité organizador
Enric Gallén: enric.gallen@upf.edu
Francisco Lafarga: lafarga@ub.edu
Luis Pegenaute: luis.pegenaute@upf.edu
Secretaría: relibe@upf.edu
Presentación na Coruña d’ O xiro postal, de Ousmane Sembène
O mércores 12 de marzo ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, A Coruña) terá lugar a presentación do libro O xiro postal (Rinoceronte Editora), do escritor e director senegalés Ousmane Sembène. O acto contará coa presenza do editor, Moisés Barcia, e do autor do epílogo, Martin Pawley.
“Lectores galegos en Bos Aires”: ciclo de literatura galega no Café Tortoni
«”Lectores en Bos Aires” comprácese en convidala-o á súa primeira tertulia deste segundo ano de traballo, o vindeiro sábado día 15 de marzo no café Tortoni. Comezaremos a percorrer o universo da literatura policial coa presentación do Ciclo “Dez misterios en clave galega”. A xuntanza celebrarase o sábado 15 de marzo ás 15 na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni, na Avenida de Mayo 825 da cidade de Bos Aires.
Confirmar presenza no enderezo lectoresenbosaires@gmail.com
Marzo 2008, Bos Aires, Arxentina»
V Certame literario Concello de Ames
Aquí poden consultarse as bases da V edición do Certame Literario Concello de Ames. Antes do 12 de abril de 2008.
Galicia Encantada cumpriu 3 anos na Rede
«Galicia Encantada cumpríu tres anos o pasado 5 de marzo. Un trienio de traballos moi ben recompensados polo número de visitas recibidas e polo constante incremento de colaboradores.
A todas e a todos o noso agradecemento e o noso desexo de seguir construíndo entre todos esta república virtual onde convivimos os que amamos a mitoloxía e a literatura orais tradicionais.
Nestes meses incrementamos as seccións, participamos en numerosos encontros, divulgamos contidos, mudamos estética, creamos unha revista de investigación, incorporamos á páxina de inicio información sobre os últimos documentos incorporados e cada día, na medida que o permiten os nosos escasos recursos tentamos mellorar as propostas da web.
Recentemente incorporamos a “Mediateca”, nova sección que, polo de agora, presenta audios dunha colaboración sobre contidos da web que se emite os xoves no magazine da tarde da Radio Galega.
Queremos facer público o noso agradecemento a todas e a todos, e perdirvos que sigades axudándonos a mellorar día a día.
Moitas grazas. Saúdos de Manuel Fernández Prado (Lugonet), coordinador técnico, e de Antonio Reigosa, coordinador de contidos.
© 2007 | Galicia Encantada.com»
Acta do xurado do XIII Premio “Vicente Risco” en ciencias sociais
«Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez Risco-Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco), e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por maioría:
1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.
2.-Conceder o XIII PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co título A PESCA FLUVIAL TRADICIONAL EN GALICIA. CANEIROS, PESCOS E PESQUEIRAS. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Lois Ladra Fernández, domiciliado na Coruña.
Con gran rigor metodolóxico, cunha bibliografía actualizada e con excelente manexo das fontes documentais, o autor realiza unha oportuna investigación multidisciplinar sobre as pesqueiras ou caneiros de Herbón (Baixo Ulla), de Portomarín (Alto Miño) e Arbo (Baixo Miño) desde varias perspectivas complementarias: histórica, etnográfica, antropolóxica, arquitectónica, ictiolóxica, toponímica e lingüística.
O xurado espera que a difusión deste traballo contribúa a que a Xunta de Galicia declare Ben de Interese Cultural as devanditas pesqueiras, para así contribuír á revalorización da arquitectura tradicional dos ríos de Galicia.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.
Xosé Lois Ladra Fernández (A Coruña, 1972; tlf: 676 862 924) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense e licenciado en Antropoloxía Social e Cultural
pola UNED. Profesionalmente desenvolve a súa actividade como arqueólogo e como investigador na área do patrimonio etnográfico galaico-portugués.
En Santiago de Compostela, a 8 de marzo de 2008»
Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalizaciónlingüística
Será o venres 28 de marzo e os 4 e 11 de abrilna Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición é até o 17 de marzo. Información completa na páxina da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
