Presentación na Coruña de Amor deshabitado, de Ánxeles Penas

O día 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.

Próximos actos literarios do Liceo de Ourense

O Liceo de Ourense programa para a semana próxima unha programación intensa, que ofrecemos a modo de avance:

Martes, 11 de marzo.
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada adicada á memoria de Manuel Curros Enríquez no I Centenario do seu pasamento

12:00 horas. Colexio Curros Enríquez: Ofrenda floral e Recital diante da Estatua do Poeta polos Alumnos do Colexio. Intervención de Marcos Valcárcel.

20:15 horas. Salón Nobre do Liceo de Ourense: mesa redonda “Vida e obra de Curros Enríquez”. Interveñen Xesús Alonso Montero, Antonio Piñeiro e Marcos Valcárcel.

Mércores, 12 de marzo
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada literaria “A Muller e a Poesía”.

20:15 horas. No Salón Nobre da Sociedade, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora: recital póetico-musical a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.

(Liceo de Ourense)

2008: sete feiras internacionais para a industria cultural

«[…] Despois da exitosa participación na Feira Internacional do Libro de La Habana no pasado mes de febreiro, na que Galicia foi o país convidado e na que destacou a numerosa afluencia de público e o grande éxito de vendas, a AGE ten prevista a súa asistencia á Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a Feira do Libro de Londres, a Bienal do Libro de Sao Paulo, a Feira Liber de Barcelona, a Feira Internacional de Frankfurt e a Feira Internacional do Libro de Guadalajara. […]» (AGE)

O Centro de Creación Dramática do CDG acolle un obradoiro de escritura teatral a cargo de Lucas Pires

«O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) retoma a partir de hoxe a súa actividade en Compostela co inicio do terceiro obradoiro do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade II, impartido polo dramaturgo portugués Jacinto Lucas Pires e supervisado por Cándido Pazó, e da segunda parte do laboratorio de investigación e innovación escénica a cargo de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr. […] (Consellaría de Cultura e Deportes)

O oficio de traducir debullado na Coruña

O martes 4 de marzo (18:00 horas) na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga 10, B) Fernando Moreiras falará sobre o oficio de tradutor cos participantes no Obradoiro de escritura para adolescentes desta biblioteca. A súa última obra traducida para o galego foi A aurora boreal de Philip Pullman, novela recentemente levada a cinema.
A experiencia comezou o pasado mes de novembro e nel participan trece rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que xa pouideron coñecer ao vivo a autores como Miguelanxo Prado e Lino Braxe. As aulas maxistrais programadas para abril, maio e xuño serán impartidas por Xesús Fraga, escritor e xornalista, un autor dramático e un guionista de cinema aínda por confirmar. Con estas aulas a organización pretende mostrar todas las posibilidades que ofrece a escritura e romper os tópicos que rodean a profesión de escritor.

Henrique Rabuñal no Club de lectura de Arteixo

O escritor Henrique Rabuñal falará da súa obra Ollos negros cos membros do Club de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo (A Coruña). O acto terá lugar o martes, día 4 de marzo ás 20:00 horas na propia biblioteca situada no Centro Cívico. Tamén fará un repaso á biografía intelectual de Xosé María Álvarez Blázquez.