Bernardo Máiz: “A dirección actual da RAG entendeu que Carvalho Calero é un xigante intelectual e que non podía ser mantido no ostracismo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Bernardo Máiz en Praza:
“(…) – Praza (P): Falas dun “período espiñento”, eses anos nos que [Ricardo Carvalho Calero] volve a Ferrol, sufrindo a represión polas súas ideas e non podendo dar clase. Como foi ese tempo e esa represión?
– Bernardo Máiz (BM): El era un home da esquerda do Partido Galeguista e loita para que o PG se integre na Fronte Popular. A sublevación franquista sorpréndeo en Madrid, facendo o exame de oposición á Cátedra e alí incorpórase como miliciano ao batallón de UGT, despois intégrase nunha unidade de profesionais do ensino e finalmente nas milicias populares mandadas por Enrique Líster. Ao remate da guerra cólleno prisioneiro en Andalucía, pero a pesar do que se escribiu sobre o tema, nunca pediron para el pena de morte, caéndolle ao final 12 anos de cadea.
En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Como non tiña certificado de boa conduta, non podía solicitar praza en ningún centro de ensino, e como non lle permitían colexiarse tampouco podía dar clases de forma privada. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol. Hai un poema, no que di ”como puidemos viver e mais vivemos”, no que retrata a represión franquista do momento. Grazas a que a súa muller daba clases, entre os dous foron capeando o temporal. As cousas melloran para el grazas á súa incorporación ao colexio Fingoi, en Lugo, no que aínda que actuaba como director, aparecía como conselleiro delegado, porque non podía exercer.
– P: A partir dese momento as cousas melloran moito para el, non si?
– BM: Os anos en Lugo son moi bos e a súa vida cambia definitivamente cando marcha de Lugo para Santiago, grazas a que lle cancelaron os seus antecedentes políticos. El nunca quixo pedir a cancelación, a pesar da insistencia de persoas como Filgueira Valverde, que lle dicían que só con que o pedise o réxime llos cancelaría. Porén, el negábase, porque dicía que el non fixera nada mal. Cando por fin llos cancelan, pode por fin presentarse a unha praza de profesor de instituto, á vez que o decano da Facultade de Filosofía e Letras lle ofrece a posibilidade de ser catedrático de Lingua e Literatura galega, unha praza que ían crear.
– P: Neses anos aínda asinaba como ‘Carballo’ e aínda non defendía un achegamento da norma do galego á norma portuguesa. Cando se produce ese cambio?
– BM: Si, Don Ricardo era o único titulado para elaborar unhas normas para o galego. E elabóraas no ano 1971 para a Real Academia Galega, unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que son reeditadas en 1977. Porén, contra 1973 prodúcese un conflito con Manuel Rodrigues Lapa, que publicara un artigo en Portugal defendendo que o galego debía achegarse na súa norma culta ao portugués. Houbo unha resposta moi dura de Ramón Piñeiro en Grial. Piñeiro quería que Carvalho a asinase, pero Carvalho negouse. Este episodio levouno a interesarse máis polo asunto e iniciou un achegamento a esas posicións.
Xa en 1975 Carvalho publica un artigo en La Voz de Galicia defendendo que non hai que innovar sen tradición, que hai que ir ás raíces históricas e que o portugués é fillo do galego. A partir de aí Carvalho comeza a publicar en editoriais que non son Galaxia. En resposta comezan a utilizar o Instituto da Lingua Galega contra el, e pouco a pouco vese sometido a unha marxinación por parte de determinados sectores.
A partir de 1981 comeza a asinar como ‘Carvalho’ e pouco a pouco vaise distanciando máis dos organismos oficiais. De feito, cando lle propoñen entrar no CCG non quere. Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG.
– P: Na túa opinión, cal é a razón de que ata agora a Real Academia Galega non accedera a dedicarlle o Día das Letras Galegas?
– BM: Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que “a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario, mentres que a autodeterminación prantexa o problema dende o propio país galego, unha forma de organización de Galiza que pode chegar desde a separazón total do País con relazón aos circundantes ate a Federazón ou Confederazón”, como dixo en 1989.
Foi expulsado do trato respectuoso que merecía. Con retranca el mesmo afirmou en 1986 que “certas elites entenden que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”. (…)”

Francisco Castro: “Hai tempo que o lector en galego xa non é o ‘lector militante’, e esa é unha moi boa nova”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Francisco Castro en Praza:
“Este luns Galaxia nomeou a Francisco Castro novo director xeral da editora, en substitución de Víctor Freixanes, que ocupou esa responsabilidade nos últimos 14 anos e que continuará na empresa como conselleiro, director da revista Grial (compartida con Henrique Monteagudo) e presidente da Fundación Otero Pedrayo. (…)
O relevo xeracional que supón a entrada de Francisco Castro (Vigo, 1966) busca afondar consolidar a aposta da editorial polos novos formatos e a procura de novos lectores e lectoras para a literatura e o ensaio galegos. O propio Consello de Administración sinalou que o nomeamento “pretende continuar co espírito co que naceu o proxecto en 1950 e, ao mesmo tempo, abrir unha etapa de renovación marcada polos novos tempos e desafíos editoriais”.
– Praza (P): Como recibiches a noticia? Máis alegría e orgullo ou tamén unha pinga de sensación de responsabilidade ante o nomeamento, tendo en conta que Galaxia é unha empresa, pero é tamén unha institución da cultura galega?
– Francisco Castro (FC): Recibín a noticia, primeiro, cunha enorme alegría, porque é unha honra que pensasen en min para que me puxese á fronte deste proxecto. Con orgullo, tamén. Galaxia non é simplemente unha editorial e unha empresa: é tamén unha institución e un dos símbolos importantes do noso país. Para calquera editor profesional, e máis no meu caso como editor formado na casa, isto é unha gran responsabilidade.
– P: O mundo editorial leva tempo en transformación: novos formatos e soportes e tamén unha certa reformulación do seu modelo de negocio. Cales son os retos inmediatos que ten Galaxia?
– FC: O reto é dobre. Por unha banda é certo que o mundo da cultura o está a pasar mal, pois a cultura é un dos grandes damnificados pola crise. Pero ao mesmo tempo eu vivo este momento como unha oportunidade: estamos nun momento de mudanza e estamos nun horizonte dixital que cada vez ofrece máis posibilidades. Por unha banda, hai que afianzar a saúde económica da empresa, pero ao mesmo tempo hai que abordar os novos formatos, novas liñas de colección. Por unha banda hai que coidar ao actual lectorado en galego, para que siga fiel a nós, pero ao tempo hai que insistir moito no traballo que levamos anos facendo co lectorado infantil e xuvenil. Imos ter futuro se hai lectores e lectoras dende pequenos e pequenas. (…)
– P: Como pode chegar Galaxia a novos lectores e lectoras, tanto á mocidade á que xa fixeches referencia coma a aquel público adulto que non é lector ou comprador de libro galego?
– FC: Hai moito tempo que o lector en galego xa non é o lector militante, e esa é unha moi boa nova. Quizais nos anos 80 podíase dicir que unha boa parte de lectores e lectoras en lingua galega lían por militancia, por fortuna hoxe xa non é así. Cada vez máis lese pola calidade obxectiva da literatura galega. Igual que dicimos que haberá futuro para o galego como lingua se os e as que non son galegofalantes de nacemento deciden incorporarse, nós temos que tentar chegar a moitos máis lectores e lectoras que os que xa len na actualidade en galego. Temos que conseguir convencer á sociedade de que a literatura galega é dunha altísima calidade. De que é importante ler boa literatura e que, ademais, resulta que está en galego.”