Xavier Alcalá entregará á Real Academia documentación orixinal sobre a súa obra

O escritor Xavier Alcalá fará entrega oficialmente á Real Academia Galega de documentación orixinal relativa á súa obra. Será o martes 17 de decembro ás 13:00 horas no segundo andar da sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11).
A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o 16 de setembro de 2005 un Acordo Marco de Colaboración baseado no común interese na normalización cultural e lingüística de Galiza, procurando unha aplicación práctica do coñecemento da lingua e literatura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.
A filosofía que inspirou o acordo concrétase, entre outras accións, na constitución na propia sede da Real Academia dun Centro de Documentación dos Escritores/as da AELG, con documentación proporcionada pola Asociación, quen á súa vez a recada dos seus propios socios e socias, para pesquisa de investigadores, estudosos e especialistas.
Despois da primeira entrega efectuada pola Aelg o pasado setembro, nesta ocasión será o escritor Xavier Alcalá quen cederá á Real Academia Galega un primeiro conxunto de material relativo á confección das seguintes obras, todas elas ben importantes no noso sistema literario:

1) Tertúlia: Manuscrito e primeiro orixinal a máquina.
2) Alén da desventura: Esquemas e primeira versión con correccións a man.
3) Latitude Austral: Primeira versión con correccións a man.
4) La habana flash: Primeira versión con correccións a man.
5) Nos pagos de Huinca Loo: Primeira versión.
6) Código Morse: esquemas, notas, manuscrito, versión penúltima.

Dado que a Real Academia é depositaria dun importantísimo fondo arquivístico documental dos escritores en lingua galega, a AELG considera esta institución como a mellor garantía de conservación dos arquivos entregados e agradece a súa colaboración.
Será o Presidente da Real Academia Galega, Sr. D. Xosé Ramón Barreiro, quen recibirá a documentación da man do propio Xavier Alcalá e coa presenza do presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.

O Consello Directivo da Aelg

La Voz de Galicia, Alvarellos Editora e A Nosa Terra reciben o Premio á Edición Histórica

«Como xa é adoito, o peche destes premios veu da man do recoñecemento á Edición Histórica de Galicia. A Asociación Galega de Editores acordou este ano recoñecer á La Voz de Galicia, no seu 125 aniversario, a Alvarellos Editora cando cumpre 30 anos de traxectoria no mundo editorial e A Nosa Terra no centenario da súa creación.» (AGE)

Anxos Sumai gaña o Premio Xosé María Álvarez Blázquez

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano co que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2007 resultaron finalistas as seguintes candidaturas: Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Pepe Carreiro e Suso de Toro. Trala derradeira votación resultou gañadora Anxos Sumai.» (AGE)

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibe o Premio Francisco Fernández del Riego

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega resultaron finalistas as seguintes candidaturas: o programa de Radio Galega “As quimbambas”, Protexta da revista “Tempos Novos”, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e a Sección de Cultura do xornal “Galicia Hoxe”. Trala derradeira votación resultou gañador o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.» (AGE)

Guía de mamíferos de Galicia (Bahía Edicións), ilustrado por Calros Silvar, Premio Isaac Díaz Pardo

Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2007, co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007. Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas resultaron finalistas as seguintes obras: son “Guía de mamíferos de Galicia”, ilustrado por Carlos Silvar (Baía Edicións), “Minimaladas”, ilustado por David Pintor (Edicións Xerais de Galicia), e “Titiritesa”, ilustrado por Mauricio A. C. Quarello (OQO Editora). Trala derradeira votación resultou gañadora BAÍA EDICIÓNS por “Guía de mamíferos de Galicia”, ilustrado por Calros Silvar.» (AGE)

A Odisea (Editorial Rodeira), traducida por Xavier Senín, Premio Lois Tobío

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2007, co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego e publicado polos membros da AGE entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “A Odisea”, traducido por Xavier Senín (Editorial Rodeira), “Cuspirei sobre as vosas tumbas”, traducido por David Gippini (Faktoría K de Libros), “O señor Ibrahim e as flores do Corán”, traducido por Emma Lázare Rodríguez (Faktoría K de Libros), e “Só o silencio me responde”, traducido por Ekaterina Guerbek e Penélope Pedreira (Rinoceronte Editora). Trala derradeira votación resultou gañadora EDITORIAL RODEIRA por “A Odisea”, traducido por Xavier Senín.» (AGE)

O único que queda é o amor (Edicións Xerais), de Agustín Fernández Paz, Premio Xosé Neira Vilas

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano, co que se pretende recoñecer un libro infantil ou xuvenil editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “Minimaladas”, de Carlos López (Edicións Xerais de Galicia), “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia) e “Xela volveuse vampira!”, de Fina Casalderrey (Baía Edicións). Trala derradeira votación resultou gañadora EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA por “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz.» (AGE)

Made in Galiza (Galaxia), de Séchu Sende, Premio Ánxel Casal ao libro do 2007

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007, resultaron finalistas as seguintes obras: “De provincia a nación. Historia do galeguismo político”, de Justo Beramendi (Edicións Xerais de Galicia), “Made in Galiza”, de Séchu Sende (Editorial Galaxia) e “¿Para que serve a Historia de Galicia?”, de José Carlos Bermejo Barrera (Edicións Lóstrego). Trala derradeira votación resultou gañadora EDITORIAL GALAXIA por “Made in Galiza”, de Séchu Sende.» (AGE)

O sexto sentido, espectáculo poético-musical con Eva Veiga

O sexto sentido, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol, será ofrecido no salón de actos da Biblioteca Pública “Miguel González Garcés” da Coruña o mércores 19 de decembro ás 20:30 horas.
O espectáculo conxuga poesía e música nun diálogo suxestivo que procura a comunicación de sensacións, emocións e sentimentos. O recital, que ten como fío conductor a propia experiencia poética, traslada ao noso idioma versos de autores estranxeiros ,tales como Blake, Michaux, Kavafis, Wallace Stevens, Sylvia Plath, Pizarnik, Cirlot, Gamoneda ou Celan; asemade, estará presente a poesía de poetas galegos como Miguel González Garcés, Manuel María ou Luísa Villalta.
O grupo Ouriol está formado polos músicos Fito Ares -instrumentos de vento- e Bernardo Martínez –percusión e clarinete-; a voz recitadora é a da poeta Eva Veiga.
Este evento pertence ao programa de actividades de animación á lectura que vén desenvolvendo a Biblioteca “Miguel González Garcés”.