Rubén Ceide Martínez gaña o XXXIII Premio nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo

Ditame do XXXIII Premio nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo, da Fundación do Pedrón de Ouro (en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Ourense):
Primeiro premio:
A caixa da costureira, de Rubén Ceide Martínez, de Lugo.
Segundos premios para:
Esperado regreso, de Alberto E. Aneiros, de Compostela.
Desartellados, de Manuel Quintáns López, de Compostela.
O xurado recomendou a publicación de:
Breve historia do pensamento contaxioso, de Xosé Luís Martínez Pereiro.
O ascensor, de Chelo Suárez Muíños.
Bonaval, de Adolfo Caamaño Vázquez.

O Acto de entrega será o 29 de decembro no Concello de Ourense.

Nova editorial empregará software e licenzas libres

«O xoves 20 preséntase en Compostela, na sede da Fundación Caixa Galicia, Urco Editora, un proxecto editorial pioneiro en Galiza, que aposta pola cultura libre e o software de código aberto. Segundo anuncia na súa web a empresa, todo o proceso de edición faise exclusivamente baixo o sistema operativo GNU/Linux e con programas de código aberto. […]» (Vieiros)

Cea “García Barros”

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. […]» (Editorial Galaxia)

Euskadi, Cataluña e Galiza coordinaranse para o apoio á cultura

«Os titulares de Cultura de Cataluña, Euskadi e Galiza asinaron por primeira vez unha declaración institucional –a Declaración de Compostela- entre os tres gobernos das nacionalidades históricas do Estado español, na que se comprometen a colaborar en materia de patrimonio cultural, artes, industrias culturais e cultura popular.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Presentación en Boiro do Anuario e entrega dos Premios da Cultura da Asociación Cultural Barbantia

A Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Boiro e mais a Deputación Provincial da Coruña presentan o terceiro Anuario de Estudos do Barbanza 2007. Terá lugar na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro, o venres 14 de decembro ás 21:00 horas.
No mesmo acto entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2007, que recaeron nesta primeira edición en Isaac Díaz Pardo, Xesús Santos Suárez e a Asociación Artesá e Etnográfica O Faiado-2.

Presentación en Vigo do proxecto CAMI III e o nº 11 de Maremagnum

Os socios do Proxecto CAMI III de Cooperación Transfonteiriza Galicia – Norte de Portugal: Camiño do Miño / Caminho do Minho presentarán os proxectos CAMI II e III ao longo do período 2003-2007. No mesmo acto terá lugar a presentación do nº 11 da revista Maremagnum, dedicado a “Formación e Discapacidade”. Será o dia 20 de decembro 2007 as 20:00 horas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova en Vigo.