I Xornadas Virtuais de Literatura

Hoxe, día 7, ás 17:00 horas comezarán as I Xornadas Virtuais de Literatura organizadas pola AELG. Durante os últimos catro mércores do mes de novembro as persoas inscritas poderán seguir desde os seus computadores persoais as conferencias que ao vivo emitirá a Asociación desde a súa nova plataforma educativa. Deste modo, participantes de todo o mundo poderán ter acceso aos contidos que algúns dos máximos especialistas galegos na obra de Xosé María Álvarez Blázquez (próximo homenaxeado no Día das Letras) e Agustín Fernández Paz disponibilizarán por videoconferencia e através de documentación permanente. Entre as actividades figuran videoconferencias ao vivo e residentes, chats cos especialistas, foros de educadores e diversos materiais complementarios para o desenvolvemento teórico-práctico nas aulas dos temas tratados.
Esta iniciativa pioneira na divulgación universal de contidos culturais contará cos traballos de Xavier P. Docampo, Ramón Nicolás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz (que desvelará algunhas das principais chaves creativas da súa obra), Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva.

Nova colección de poesía EDOY LELIADOURA

«Sotelo Blanco Edicións publica, na súa nova colección de poesía Edoy Leliadoura seis títulos: Sextinario, trinta e seis + tres, de Marica Campo; Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado; Memoria de Ahab, de Rafa Villar; Derrotas con raíces, de Modesto Fraga; Onde o ollar comeza a doer, de X. Antón L.Dobao; e Bingo de Marica Campo.
A nova colección de poesía Edoy Leliadoura que presenta Sotelo Blanco Edicións, con deseño de Andrés Meixide, quere ser, como o seu nome indica, herdeira e continuación do labor realizado pola histórica e dalgunha maneira xa mítica colección Leliadoura, na que se publicaron algúns dos libros máis importantes da poesía galega dos anos 1980, e que foi, tamén, testemuño e actor do renacer poético da Galiza daqueles anos.» (Sotelo Blanco Edicións)

Presentación en Pontevedra d’ As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón

O venres 16 de novembro presentarase o libro As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón. Será ás 20:00 horas no Centro Social de Caixanova en Pontevedra (Rúa Augusto González Besada). Este acto está organizado por “A Nosa Terra” como editores desta publicación e no mesmo participará, entre outras persoas, Francisco Rodríguez Sánchez.

Presentación n’ A Coruña de Xela volveuse vampira!!, de Fina Casalderrey

Fnac e Baía Edicións organizan o acto de presentación do libro Xela volveuse vampira!!,
de Fina Casalderrey, que terá lugar n’ A Coruña o mércores día 7 de novembro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Fnac (Praza de Lugo, s/n). Intervirán, ademais da autora, Ana Luísa Bouza Santiago (Dra. Xeral do Servizo Galego de Igualdade) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Galeusca 2007: o actual Estado “non é garantía para desenvolver as identidades”

«Na útima xornada de Galeusca, o encontro das literaturas de Galicia, Euscadi e Cataluña que se pechou onte en Lugo, denunciouse que “a actual estrutura estatal non é garantía do desenvolvemento das nosas identidades lingüísticas e culturais”. Por iso, consideraron que a nova presidencia europea poderá ofrecer un “novo marco que teña en conta o recoñecemento das nacións e nacións e linguas do Estado”. […]
A un ano do seu 25 aniversario, os escritores reunidos no encontro decidiron “traballar cara á construción dunha entidade xurídica común” para actuar en conxunto. Reafirmaron ademais a necesidade de creación dun “campo de comunicación entre as nosas linguas e literaturas” para as traducións directas que contarán cun espazo en común.
Ademais, denunciaron que logo de vinte anos de existencia dunha Lei de Propiedade Intelectual, “non teñen producido os avances mínimos desexables no referente á protección dos Dereito de Autor, polo que instamos aos diversos niveis administrativos o seu apoio para estas reivindicacións permanentes do sector”.» (Galicia-Hoxe)

Amigos de Uxío Novoneyra propóñeno para o Día das Letras

“Varios amigos do poeta Uxío Novoneyra decidimos facer honra ao seu legado literario e humanista reivindicando ante a Real Academia da Lingua Galega o Día das Letras Galegas de 2010. Con este fin, apelamos á cidadanía galega, e non só, que recoñece a súa obra e o seu pensamento como algo fundamental para abrir un debate ao redor deste inmenso escritor galego que foi Uxío Novoneyra. Pedimos a túa adhesión para que o 17 de maio de 2010 sexa homenaxeado dedicándolle o grande Día das Letras Galegas. Grazas.” Ver a páxina de apoios.

Marica Campo será nomeada Chairega de Honra

O día 10 de novembro, no IES “Poeta Díaz Castro” de Guitiriz terá lugar o nomeamento de Marica Campo como Chairega de Honra. Organizado pola Fundación Manuel María da Terra Cha e Xérmolos, o acto completarase cos seguintes eventos:
-Ás 12:00: unha mesa redonda sobre Marica na que interveñen X. M. Carballo, Pilar García Negro, Manuel López Foxo e Bernardo Penabade;
-Ás 14:00: xantar;
-Ás 17:00: representación dunha obra de teatro da autoría de Marica;
-Ás 18:00: concerto de poesía musicada de Marica Campo na voz de Tino Baz e A Quenlla.
Contacto no 646 413 890 e no 982 372 040.

Yolanda Castaño na Universidade de Vigo

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución, pavillón A, Aula 4), no Campus Universitario Lagoas-Marcosende, contarase coa presenza de Yolanda Castaño o 8 novembro (11:00 horas).

Xavier P. Docampo na Universidade da Coruña

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 14 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Xabier P. Docampo.