Novidades de Galicia Encantada

“Para  Galicia encantada celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”

Xabier López Rodríguez vence o III Premio Meiga Moira 2008

«Baía Edicións vén de resolver o III Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 no que resultou elixida como gañadora a obra presentada baixo o lema Os globos de andar (grupo de idade de 8 a 10 anos) e que resultou da autoría do xornalista e escritor Xavier López Rodríguez, afincado en Santiago Compostela, onde desenvolve a súa actividade profesional.

O Tribunal, presidido polo catedrático de Literatura Galega da UDC, Carlos Paulo Martínez Pereiro, e integrado tamén por Antonio Yáñez Casal, gañador do II Premio Meiga Moira coa obra titulada Lóbez, Cristina Sáez Cazallas, escritora coruñesa e autora de diversas obras dirixidas ao público infantil, Dores Fernández López, profesora de lingua galega no IES Paseo das Pontes na cidade da Coruña, e a nosa directora editorial, Belén López Vázquez, resolveu a súa decisión destacando o feito que:

Os globos de andar é unha historia que pon de manifesto as mellores cualidades da infancia dun xeito orixinal. A inocencia, bondade, confianza, solidariedade e esperanza, como algúns dos valores que marcan o deambular dos seus protagonistas, están presentes na obra de forma non forzada, sensible e, fundamentalmente, natural.

A historia é reforzada coa utilización dunha linguaxe sinxela, accesible e fluída, coa que se consegue non só afondar na tenrura do relato, senón tamén propiciar unha lectura fácil e directa para o público ao que vai dirixida.

Ao III Premio Meiga Moira presentáronse máis de 50 orixinais, dos cales serviron de base para a súa decisión definitiva do Tribunal 20 títulos, e nos que, en xeral, se destacou o importante momento que a literatura infantil e xuvenil en lingua galega atravesa na actualidade.» (Bahía Edicións)