“A Consellaría de Cultura destinará este ano 95.700 euros e outros 104.300 o ano que vén para contribuír á tradución de obras literarias galegas a outras linguas e viceversa. […] “As axudas están dirixidas ás editoriais e valoraranse, entre outros criterios, a calidade da obra e o seu interese.” (Consellaría de Cultura e Deporte)
Xosé Luís Martínez Pereiro gaña o VIIº Premio Antonio Prados Ledesma de Viveiro
Xosé Luís Martínez Pereiro gaña a sétima edición do Premio Antonio Prados Ledesma do Concello de Viveiro. (Concello de Viveiro)
Carlos López, XXIIº Premio Merlín de literatura infantil
An Alfaya, IIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil
Rexina Vega, XXIVº Premio Xerais de novela
Lois Diéguez presenta “O canto do muecín” n’ A Coruña
O canto do muecín, novela de Lois Diéguez editada na colección “Central Literaria” de Edicións A Nosa Terra, presentarase na Coruña o día 14 de xuño ás 20:30 horas en “Portas Ártabras” (Rúa Sinagoga, 22). Participarán a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e o historiador Felipe-Senén. O acto pecharase cunha representación multimedia a cargo de Lino Braxe, Flor Maceiras, Isidoro Novo e Antón Fortes. Organizan o evento a A. C. Alexandre Bóveda e os Amigos dos Museos de Galicia.
Presentación en Compostela de “Gravados rupestres nos montes de Carnota”, de José Cernadas Sande
O venres 15 de xuño, ás 20:00 horas na libraría Follas Novas (Santiago), presentarase o libro Gravados rupestres nos montes de Carnota, de José Cernadas Sande. No acto intervirán José Manuel Vázquez Varela (catedrático de Prehistoria na Universidade de Santiago), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3) e o propio autor.
.
Tertulia en Madrid sobre a real facturación do sector editorial
O 13 de xuño de 16:00 a 19:00 horas na Representación en España da Comisión Europea (Paseo de la Castellana, 46, Madrid), terá lugar unha tertulia sobre Folios, caracteres, palabras: verdades y mentiras en los sistemas de facturación del sector editorial. Estará a cargo de Carlos Milla (traductor) e Marta Pino (traductora).
Presentación en Vimianzo dun traballo etnográfico de X. Mª Lema e R. Mouzo sobre a Terra de Soneira
O 17 de xuño, ás 13:30 horas na Área recreativa de Mosquetín (Salto-Vimianzo), presentarase a obra O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín, na Terra de Soneira. Outros batáns, folóns ou pisóns de España e Portugal (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte), de X. Mª Lema Suárez e R. Mouzo Lavandeira.
Presentación en Ourense de “Írimo”, de Stella Estrada
O martes 12 de xuño ás 20:15 horas, na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense, terá lugar o a presentación da novela de Stella Estrada titulada Írimo. Intervirán Manuel Zabal, profesor de literatura, Marisol Iglesias, editora e a propia autora.