Ánxeles Penas na Galería Sargadelos d’ A Coruña

O martes 12 de xuño ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos d’ A Coruña (Rúa Real, 56), terá lugar unha nova edición do ciclo “Martes Literarios”. Nesta ocasión contarán con Ánxeles Penas, quen nos presentará o seu último poemario Perfís e poéticas (Bahía), ademais de ofrecerse para o coloquio cos asistentes ao acto.

A AGE divulga trimestralmente na rede as novidades editoriais

A Asociación Galega de Editores pon a disposición “a versión dixital da revista Novas de libros, que recolle as novidades editadas desde xaneiro. Esta revista, que terá periodicidade trimestral, pretende ser un escaparate de toda a produción en galego que contribúa á súa divulgación e posta en valor, tanto nos círculos onde o libro xa é un produto habitual como en novos espazos.” (AGE)

Presentación n’A Coruña de “Ramón Martínez López”, de X. Amancio Liñares Giraut

A obra biográfica Ramón Martínez López, de X. Amancio Liñares Giraut, será presentada na Libraría Couceiro d’A Coruña (Praza do libro) o mércores 13 de xuño ás 20:30 horas. No acto intervirán Arsenio Ferraces (profesor de Filoloxía Latina na Universidade da Coruña), Carlos Velasco (profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña) e o propio autor.

Presentación n’A Coruña de “Atmosferas”, de Olga Patiño Nogueira

Atmosferas, de Olga Patiño Nogueira, presentarase no auditorio da Fundación Caixa Galicia d’A Coruña (Cantón Grande, 21-23) o próximo martes 12 de xuño ás 20:30 horas. A presentación do libro de poemas, que inclúe gravados do brigantino José Valentín, contará coa presenza de Celestino Poza, Carlos Pereira e Miguel Anxo Fernán-Vello, para alén da intervención musical do grupo Poesía de Cámara.