“Gadis repartirá entre os seus clientes oito mil exemplares da novela xuvenil O xabaril branco, unha historia escrita por Tucho Calvo e ilustrada por Miguelanxo Prado. Nos establecementos que a cadea de alimentación ten en León distribuirase a tradución ao castelán do libro. Gadis quere así fomentar a lectura entre os máis novos, e regalará o libro a todos aqueles que fagan unha compra superior aos 30 euros ata que se acaben as existencias da novela.” (La Voz de Galicia)
Lucía Aldao, María Lado e Suso Pensado recitarán n’ A Coruña
O xoves 28, ás 19:30 horas no Centro On de Caixa Galicia (Cantón Pequeno, 7-11), terá lugar un recital poético no que participarán Lucía Aldao, María Lado e Suso Pensado. Remata así o ciclo “Xoves poéticos”, no que estiveron presentes Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Emma Pedreira e Lía Santiso.
Miguel Anxo Fernán-Vello na Galería Sargadelos d’ A Coruña
O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Miguel Anxo Fernán-Vello nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.
John Rutherford recibe o Premio Trasalba 2007
(Vieiros)
Presentación en Compostela de “O alento da musa”, de Alberte Momán
O xoves 28 de xuño de 2007, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, presentarase ao público o libro de narrativa de Alberte Momán O alento da musa, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas. O acto contará coa presenza do autor e do editor Xavier Paz.
Conferencia en Compostela de Leonardo de Jandra
O mércores 27 de xuño, ás 20:00 horas no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6B, Santiago) terá lugar a conferencia do escritor mexicano Leonardo de Jandra titulada “México: autonomía e identidade no Mundo globalizado”. Será presentado por Ramón Caride.
Nº 10 d’ “O pazo das musas”
O xoves 28 de xuño presentarase o número 10 d’ O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral editada polo Museo Provincial de Lugo. Será ás 20:00 horas no Refectorio do Museo Provincial de Lugo.
María Lado gaña o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato
O xurado do Liceo de Ourense terá a honra esta 22 de xuño de conceder o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato a María Lado Lariño, polo seu relato Alugueres antigos, presentado baixo o lema Anabel Lee. Asimesmo o xurado decidiu conceder dous accésits polos relatos Sangue de Fátima González Comesaña e O limoeiro de María Lorenzo Miguéns. O acto será ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo.
Entrega do VIº Premio Carlos Casares de microrrelato do Liceo de Ourense
O venres 22 de xuño, ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo, celebrarase o acto de entrega do “VIº Premio Carlos Casares de microrrelato”, ao que se presentaron case setecentos traballos. O acto, no que se lembrará a figura do falecido escritor que dá nome aos premios, D. Carlos Casares Mouriño, socio de honra da institución cultural, rematará coa actuación da Coral do Liceo.
Conferencias de Ignacio Ramonet e Ramón Chao en Redondela e Lugo
O xoves 21 e venres 22 de xuño o director de Le Monde Diplomatique Ignacio Ramonet e o xornalista e escritor Ramón Chao conferenciarán en Redondela e Lugo.