Desde Afundación Vigo:
“Do 6 de abril en adiante podes visitar na Sede Afundación de Vigo a exposición «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo», un diálogo artístico entre obra visual-obxectual e poesía discursiva dos dous artistas, canda a interpretación plástica de poemas dun amplo conxunto de autor@s galeg@s. Remata o 28 de abril.
O diálogo artístico entre Baldo Ramos e Pepe Cáccamo desenvolve, a través do proxecto expositivo A dobre páxina, unha nova modalidade comunicativa no proceso de interacción entre a poesía discursiva e a poesía obxectual. O libro, a plataforma clásica da palabra, é agora o soporte físico das intervencións, tensións e conversas entre ambos artistas, creando libros-obxecto de fondo valor literario e estético.
A dobre páxina pódese entender como o terceiro proxecto despois de Cara inversa no 2014 e Libros conversos no 2016, no que os artistas foron dessenvolvendo esta conversa artística. Na mostra intensifícase a proximidade entre as poéticas discursivas e visuais de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. O libro de vello é a materia sobre a que traballan, intervindo cada un sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, en equilibrio ou contraste de estilos, con natural préstamo recíproco das linguaxes propias de cada autor. O obxectivo procura, alén do fortalecemento dos vínculos expresivos que van tecendo desde hai anos o seu diálogo creativo, a solución dun reto: construír pezas artísticas unitarias nas que se fundan –sen confundirse– e complementen as propostas individuais de cada autor. O mesmo horizonte perseguen as liñas de versos que, na parede da sala actuarán ao xeito de pé de foto.”