Vigo: mostra «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo»

Desde Afundación Vigo:
“Do 6 de abril en adiante podes visitar na Sede Afundación de Vigo a exposición «A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo», un diálogo artístico entre obra visual-obxectual e poesía discursiva dos dous artistas, canda a interpretación plástica de poemas dun amplo conxunto de autor@s galeg@s. Remata o 28 de abril.
O diálogo artístico entre Baldo Ramos e Pepe Cáccamo desenvolve, a través do proxecto expositivo A dobre páxina, unha nova modalidade comunicativa no proceso de interacción entre a poesía discursiva e a poesía obxectual. O libro, a plataforma clásica da palabra, é agora o soporte físico das intervencións, tensións e conversas entre ambos artistas, creando libros-obxecto de fondo valor literario e estético.
A dobre páxina pódese entender como o terceiro proxecto despois de Cara inversa no 2014 e Libros conversos no 2016, no que os artistas foron dessenvolvendo esta conversa artística. Na mostra intensifícase a proximidade entre as poéticas discursivas e visuais de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. O libro de vello é a materia sobre a que traballan, intervindo cada un sobre unha das dúas páxinas centrais abertas e enfrontadas, en equilibrio ou contraste de estilos, con natural préstamo recíproco das linguaxes propias de cada autor. O obxectivo procura, alén do fortalecemento dos vínculos expresivos que van tecendo desde hai anos o seu diálogo creativo, a solución dun reto: construír pezas artísticas unitarias nas que se fundan –sen confundirse– e complementen as propostas individuais de cada autor. O mesmo horizonte perseguen as liñas de versos que, na parede da sala actuarán ao xeito de pé de foto.”

Vigo: obradoiro de escritura creativa. As técnicas dos grandes autores, con Dores Tembrás

DesdeDores Tembrás Afundación:
“A proposta deste obradoiro tenta abordar a escritura creativa dende os mestres. Así apoiaremonos na análise dos mecanismos que algúns autores empregan maxistralmente nas súas obras, co obxectivo de penetrar e descubrir as súas ferramentas. O que nos interesa é fixar aquelas técnicas que servirán de guía para a propia escritura.
Organizado en catro bloques o traballo coa palabra irá da man de Julio Cortázar dende a concepción da trama, internándonos no proceso do misterio xunto co manexo da tensión e a distensión. Despois deterémonos con Sandor Marai na construción das personaxes, as posibilidades que se abren no retrato profundo, e esa procura da unicidade, da personaxe xenuina que trascende a propia obra. A seguir traballaremos con Herta Müller e o estilo único que fai recoñecíble a voz da autora. E fecharemos cunha das voces máis potentes do panorama galego, Gonzalo Hermo, que servirá de modelo para mergullarnos na precisión e a arquitectura do poema.

TRAMA: Cortázar. Casa tomada
O misterio necesario
Levar da man ao lector
Entre tensión e distensión
O final. Ecoando. Onde todo comeza
PERSONAXES: Sandor Marai. A herdanza de Eszter
Cuestión de detalle
Verosimilitude. Credibilidade
Accións e relacións
Individuos únicos
ESTILO: Herta Müller. O home é un grande faisán no mundo
A prosa poética
Contar e cantar
Ritmo. As palabras e a música
A construción da imaxe
PRECISIÓN: Gonzalo Hermo. Crac e Celebración.
A procura da palabra
Referentes. Cando o diálogo é imprescindíbel
De constelacións. O poemario que agroma
Fechar. O sen alento final

– Datas: Os venres, 13, 20 e 27 de febreiro ao 6 de marzo de 2015
– Horario: 18:00 a 20:30 h.
– Lugar: ​Sede Afundación Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26, Vigo. C. P. 36202).
– Duración: 10 horas.
– Prezo: 75 €
– Docente: Dores Tembrás.
– Prazas: 15.
– Inscricións en Servinova.
– De non chegar ao número mínimo de inscricións (13 persoas), o obradoiro cancelarase e devolverase o diñeiro da inscrición polo mesmo método por que se realizou o pagamento. En caso de cancelación, avisarase por correo electrónico ou por teléfono con un día de antelación.”