Entrevista de María Obelleiro a Xosé Luís Méndez Ferrín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vaiamos ao momento dos primeiros contactos co nacionalismo en Pontevedra, á chegada a Compostela e ao coñecemento de primeira man do proxecto de Piñeiro. En que se concretaba o seu proxecto político?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Eu recibín un shock, que non me matou nin me confundiu nin nada do estilo. Eu tiven unha formación nacionalista, fundada na lectura do Sempre en Galiza e, sobre todo, nun texto que hoxe non se valora, A doutrina nacionalista de Vilar Ponte. Tiña definido o meu esquema nacionalista cunha dúbida pública: por que toda a xeración de Vilar Ponte non era independentista, arredista, como dicían eles. A miña sorpresa foi que ao chegar a Compostela, onde estudei, vin que a doutrina do grupo galeguista oficial era militantemente anti-nacionalista e formalizada por Ramón Lugrís nuns textos que non chegaron a publicarse máis que fragmentariamente no libro de Franco Grande Os anos escuros. Iso momentaneamente fixo que eu aceptase a disciplina do grupo pero que tivese a miña reserva ideolóxica. Eu era nacionalista, como un grupo de mozos como Xohana Torres, Reimundo Patiño… A Bautista [Álvarez] aínda non o coñecía. Foi un malestar que tiven que sufrir durante dous anos que se compensaban co contacto directo con Otero Pedrayo, que era un consolo.
– SG: Alude a Patiño e a Bautista Álvarez. Existía vontade dentro do grupo Brais Pinto, na súa pluralidade ideolóxica, de articular algo que fose alén da acción cultural? Que hai da axenda oculta das reunións con Soto, Seoane ou Patiño?
– XLMF: E Moreda. Sempre estaba esa idea. En realidade nunca nos consideramos un círculo cultural, eramos un círculo político e desde o primeiro momento en que callou de forma espontánea en 1958 o proxecto era facer un partido. Que partido non sabiamos moi ben aínda, porque o Partido Galeguista tampouco era o noso obxectivo. Aí tivo moita importancia, máis que Seoane –que era moi caótico politicamente–, Luís Soto, que estaba fóra e era independentista. O que nós sentiamos ía tomando forma e ligándonos coa historia. Moreda ligábanos coa legalidade republicana do Consello de Galiza, que o proxecto político de Ramón Piñeiro –e cítoo a el porque era o xefe absoluto, era unha ditadura total– negaba, burlándose do vellos que eran. (…)”