Entrevista de Montse Dopico a Inma Otero Varela en Praza:
“A profesora e escritora Inma Otero observou unha presenza crecente de novelas de protagonista, moitas veces femininas, que están inmersas nun proceso de construción de si mesmas. E tentou explicar os motivos no ensaio A ficcionalización do eu. Autoría e protagonismo das mulleres na literatura, publicado por Euseino? en edición non venal, en pdf, na serie Anotacións sobre literatura e filosofía. Unha protagonista feminina, sostén a autora, ofrece máis posibilidades para unha elaboración nova do eu ou para construír relatos emancipatorios desde a reconstrución da súa identidade, asediada polos relatos que tentan encorsetala.
– Praza (P): Comezas rexeitando sintagmas como “literatura feminina” ou “literatura de muller”. Por que estes tópicos sobreviviron durante tanto tempo?
– Inma Otero Varela (IOV): Porque, por unha banda, o feito de que as mulleres publiquen aínda se vía (ou se ve) como unha anomalía, ou como un exotismo, se se prefire. Por outro lado, persiste o prexuízo de que a literatura escrita por mulleres debe ser lida case en exclusiva por mulleres; a etiqueta resulta útil á hora de marcar o gueto ao que se quere destinar os textos.
– P: En relación con iso, a túa proposta é non atender tanto á autora, á muller de fóra do texto, senón á muller construída dentro do texto, á personaxe. Por que?
– IOV: En realidade interésame, e creo que a toda a crítica en xeral, máis os textos que a vida privada das autoras e autores. Non nego que algunhas circunstancias vitais sexan importantes, como a cultura da que forman parte, por exemplo, ou algunhas experiencias decisivas. Pero creo que a importancia que se lle dá ao sexo da autora, porque se é autor parece que non é relevante, é excesiva. Aínda considerando que realmente as mulleres seguen a ser o xénero marcado, non todas o asomen do mesmo xeito nin o reflicten literariamente de maneira sequera parecida. Ocorre moitas veces que un escritor constrúe unha protagonista moito máis rica e subversiva que o que fai unha escritora. Existen moitas mulleres que recorren a personaxes moi estereotipadas e planas. (…)
– P: En xeral e en resumo, por que as personaxes femininas son vehículo idóneo para reflexionar sobre os procesos de construción do suxeito?
– IOV: Sen desprezar outras opcións, porque un personaxe que vive á marxe do sistema ou que ten unha opción, corpo ou vida sexual que non coincide coa normativa tamén enriquece a reflexión sobre as posibilidades do suxeito, desde o punto de vista do xénero social que aínda se rexe maioritariamente polo binomio home-muller, é a muller a que en maior medida ten que loitar contra unha identidade forzada. Pódense cruzar moitas liñas á hora de perfilar unha personaxe en loita e a de xénero é unha máis. Pero desde este punto de vista, unha protagonista que no procedemento de construírse atenda tamén á cuestión de xénero, ofrece un grao máis de problematización que o que pode achegar un personaxe masculino. Aínda que, por suposto, aparecen personaxes masculinos moi interesantes desde esta perspectiva como os que ofrece, por poñer un caso galego, Samuel Solleiro. Mais nestas análises da masculinidade ecoan os esforzos realizados polo feminismo por cambiar a categoría social do xénero. (…)”
Arquivos da etiqueta: A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura
A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, por Inma Otero Varela
Inma Otero Varela publicou A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, o número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía de Euseino? Edicións.
Trátase dunha análise da elaboración do eu mediante a literatura e, fundamentalmente, da achega realizada polas escritoras. O cuestionamento do suxeito, levado a cabo polo feminismo contemporáneo, coloca este pensamento e a literatura de hogano nunha situación excepcional para poder propoñer unha nova concepción do eu a partir da reformulación do “eu muller”. Pódese descargar de balde nesta ligazón.