Coñécense as obras gañadoras do II Certame de microrrelatos convocado por Punto.gal e a Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega:
“”A fiestra” é historia gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos do II Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa autora, Jessica Rodríguez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, só precisou 85 palabras para crear o impactante relato que abre a publicación dixital que xunta os nove textos gañadores da convocatoria, á que concorreron preto de medio milleiro de propostas. Os galardóns foron entregados na tarde de onte no salón de actos da RAG, onde a logopedista e as demais persoas galardoadas foron convidadas a ler cadansúa narración, dispoñibles nesta ligazón. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González, agradeceron a súa participación e a de todas as persoas que concursaron nun certame que ten como obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital.
Alén da publicación na Rede dos microrrelatos, o concurso inclúe diferentes premios de perfil tecnolóxico, desde un MacBook Air a libros electrónicos e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano. Os premios contan ademais coa colaboración da revista Luzes, onde tamén se publicarán os nove relatos galardoados.
Víctor F. Freixanes salientou que a irmandade entre a Academia e PuntoGal na convocatoria desde concurso é un exemplo de que o compromiso da RAG se estende alén do coidado e a actualización permanente do idioma. “Hai que traballar tamén para que lingua sexa un vehículo de modernidade, para vivir na contemporaneidade e nas novas tecnoloxías da información e a comunicación”, expresou. “Se algunha razón ten de ser .gal, é a de reforzar a nosa identidade no mundo. Querémoslles dicir a todas as persoas cando abren un dominio .gal, sexa nos Estados Unidos, no Brasil, na Arxentina, no Xapón, na India, que existe unha lingua galega, unha cultura galega”, engadiu Manuel González.
Xunto aos responsables de ambas as institucións, na entrega dos premios tamén participaron a académica correspondente Mercedes Queixas e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, todos eles membros do xurado. Darío Janeiro animou os gañadores a seguir creando en lingua galega e a facelo desde os seus propios dominios .gal e a escritora agradeceulles a todos os concursantes “o inmenso pracer da lectura”. Mercedes Queixas quixo recoñecer ademais o “labor mediador” das persoas que convidaron a escribir e a mostrar, especialmente nas categorías de infantil e xuvenil.
O primeiro premio na modalidade xuvenil foi para o relato “Cacería nocturna”, do coruñés Óscar Fernández Freire, alumno de bacharelato do Colexio Eirís. A súa é unha historia de 116 palabras que non é o que parece e que consegue arrincar un sorriso final. Claudia Martínez Asenjo, alumna de sexto de primaria do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, mereceu pola súa parte o primeiro premio da modalidade de infantil por “O valor dos nomes”, 192 palabras sobre a importancia de lles dar na infancia nome propio a aquelas cousas que máis se aprecian.
Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para “A primeira palabra”, un texto que mira o futuro da lingua con optimismo asinado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado, por “Black Friday”, unha historia que denuncia as traxedias vitais que se repiten arredor da chamada inmigración irregular.
Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio na modalidade de xuvenil por “Un día máis”, apenas 83 palabras que colocan o lector desde a primeira persoa na pel dunha vítima de abusos sexuais; e Cristina Fojo Rubio, alumna do bacharelato do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con “O amigo mar”, un drama con final feliz.
O xurado tamén distinguiu co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos “A fada Every”, de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e “O can enxesado”, de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.”