Manuel F. Rodríguez: “A realidade vai moito máis alá do que podemos ver”

Entrevista a Manuel F. Rodríguez en Diario Compostela:
“(…) – Diario Compostela (DC): A muller do muro combina elementos da tradición galega co misterio e o inexplicable. Como describiría a esencia desta novela?
– Manuel F. Rodríguez (MFR): Eu creo que, ás veces, a realidade que percibimos queda moi curta; vai máis alá do que vemos. Está chea de misterios e elementos que percibimos como inexplicables, cando non o son. Diso vai esta novela. Son unha persoa cos pés na terra, pero creo que ás veces hai que mirar máis alá. É unha mestura de misterio, fantasía, e procura de respostas.
– DC: O protagonista, Xenebrando Río, é xornalista, como vostede. Canto do seu propio mundo profesional está plasmado no personaxe?
– MFR: Moito, por suposto. Agora non estou na primeira liña de combate, pero sigo sendo xornalista. Durante moitos anos vivín o oficio e quería que o protagonista tamén o fixese porque é algo que coñezo perfectamente. Sei como traballamos, a intensidade do día a día, as maneiras de buscar información… A novela necesita destes aspectos, e como sei ben de que vai a profesión, pensei que era necesario que a personaxe principal fose xornalista. Non podería poñer a un detective ou a un policía, porque habería moitas cousas do seu labor que se me escaparían. (…)”

Manuel F. Rodríguez: “Nesta vida hai que arriscar e indagar, e para min a novela foi un reto”

Entrevista a Manuel F. Rodríguez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como definiría vostede A muller do muro?
– Manuel F. Rodríguez (MFR): É unha novela na que eu indago dende o ámbito da literatura e da ficción no máis alá e no que pode haber despois da morte. Responde moito a inquietudes propias e a lecturas que fago dende o interese na temática.
– EP: De que modo quere alcanzar a idea do máis alá na novela?
– MFR: Quero chegar a iso que entendemos os galegos que é, que ao mellor non sabemos definilo perfectamente. Parto da etnografía galega, da cultura galega da morte. Sobre todo na que había antes, xa que agora nunha sociedade moito máis urbanizada é distinto. Esa convivencia que había daquelas entre o mundo dos vivos e o dos mortos, que está moi estudado polos etnógrafos, combínoo cos avances científicos da actualidade, que son moi espectaculares e abren a porta a facerse moitas preguntas sobre a ciencia e a física teórica. Mesturo esas cousas e de aí nace a novela.
– EP: Vindo de escribir libros máis históricos, considera que A muller do muro é a súa novela máis arriscada en canto a temática?
– MFR: Si, é bastante máis arriscada que A viaxe á fin do mundo, que está baseada en feitos reais con moito vencello ao Camiño de Santiago e ao que significaba a ruta para os peregrinos. Esta novela ten máis riscos xa que se un se propón un tema coma este, como chega a resolvelo dende a ficción coa literatura? Iso supúxome unha certa complexidade que aumentou ao adentrarme en campos pouco tocados, porque son temas que non están tan empregados coma os policiacos ou os históricos. Nesta vida hai que arriscar e indagar, e para min foi un reto que busquei a propósito. (…)”