Os editores reclaman unha nova lei da propiedade intelectual

A necesidade a crear un novo texto que regule a propiedade intelectual é a principal conclusión coa que fechou esta mañá o VIII Simposio do Libro e da Lectura con lema A propiedade intelectual na sociedade dixital. O encontro, organizado pola Asociación Galega de Editores co apoio do Consello da Cultura Galega repasou onte e mais hoxe o novo escenario neste campo. Para alén dun novo texto legal, os editores apuntan que cómpre unha implicación do conxunto da sociedade para transmitir “unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital” e sinalan a necesidade dun pacto entre as diferentes industrias culturais.

Conclusións do Simposio A propiedade intelectual na sociedade dixital:

1. En primeiro lugar, valoramos moi positivamente o debate plural e diverso das voces que nos acompañaron durante estes dous días para falar dun tema clave para a industria editorial: a propiedade intelectual na sociedade dixital, facendo nosas as aportacións dos nosos convidados e convidadas.
2. O sector do libro galego é consciente de que nos adentramos aceleradamente nunha sociedade inequivocamente dixital, sociedade que supón cambios de paradigmas para a industria cultural, que transforma os hábitos de acceso ao coñecemento, á información, e crea novas formas de relación co libro e a lectura e, sobre todo, pon en valor novos xeitos de editar e comercializar, distribuír e comunicar o libro.
3. A edición galega debe facer un esforzo por asumir e entender as transformacións que a sociedade dixital propulsa, adaptándose ás súas demandas e respondendo con solvencia aos seus retos, entre os que un novo xeito de entender a propiedade intelectual constitúe unha tarefa primorcial.
4. Tal e como manifestamos no VI Simposio, dedicado ao libro dixital, desde a AGE vemos a necesidade de desenvolver fórmulas que garantan os lexítimos dereitos da propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, e queremos facelo consensuadamente e sen lesionar os dereitos dos usuarios, favorecendo de xeito especial o dereito á nova educación líquida que responde a un novo tempo.
5. Os editores somos os primeiros interesados en atopar o xusto equilibrio entre a divulgación da cultura, que é o que dota de sentido ó noso traballo, e o dereito á retribución que garante a propiedade intelectual. Nese sentido, os editores galegos demandamos aos responsables políticos a urxente elaboración dunha nova Lei de Propiedade Intelectual acorde cos usos e necesidades que dicta a sociedade dixital.
6. Na nova sociedade dixital, cada editor ten dereito a elixir o seu propio modelo de negocio con respecto á xestión da propiedade intelectual, e a coexistencia de modelos diferentes non é excluínte senón enriquecedora.
7. Todo o sector do libro debe traballar conxuntamente para transmitirlle á sociedade unha idea positiva, de progreso e modernidade, arredor dun concepto de propiedade intelectual capaz de abordar os novos ámbitos que abre a cultura dixital, e entendendo que non é posible solucionar os problemas que se plantexan sen un pacto que implique a todas as políticas culturais.
8. A AGE desexa mostrar publicamente o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e a Lectura, así como a todos os convidados nesta VIII edición, aos que parabenizamos pola súa magnífica disposición. O próximo ano estaremos novamente nesta cita xa ineludible para os profesionais do sector do libro en Galicia.

Vía Cultura Galega.

Santiago: VIII Simposio O libro e a lectura, o 10 e 11 de novembro

A propiedade intelectual na sociedade dixital vai ser o eixe do VIII Simposio O libro e a lectura. A propiedade intelectual na sociedade dixital, que organiza a Asociación Galega de Editores en colaboración co Centro Español de Dereitos Reprográficos e mais co Consello da Cultura Galega. As tecnoloxías dixitais e o dereito á educación, o futuro da sociedades de xestión de dereitos ou a relación entre editores, escritores e bibliotecarios son algúns dos temas que se tratarán. O encontro celébrase os vindeiros xoves 10 e venres 11 de novembro no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. Este é o programa:

10 de novembro-xoves
09:30 h. Recollida de documentación.
10:00 h. Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
10:30 h. Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación. Conferenciante: Manuel Area, profesor de tecnoloxía da Universidade de La Laguna. Presenta: Manuel Bragado.
12:00 h. Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
13:00 h. Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual. Con Blas Garzón, de Traficantes de sueños, Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo e Tomás González, de Urco Editora.
17:30 h. Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas. Con Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia, Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España e Marcos Calveiro, escritor e avogado.

11 de novembro-venres
10:00 h. Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais.
11:30 h. Panel de Debate: As sociedades de xestión na era dixital. Con Pedro de Andrés, presidente de CEDRO, Antón Reixa, representante da SGAE en Galicia e David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual.
13:00 h. Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital. Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
14:00 h. Acto de clausura.