Xosé Monteagudo: “Cara a unha renovación da materia literaria”

Artigo de Xosé Monteagudo en Euseino?:
“No século XX, na historia da literatura, e singularmente no xénero narrativo, o primeiro cuarto anunciou boa parte do paradigma estético que marcaría os tres cuartos restantes. Así ocorreu coa publicación as obras do modernismo literario, tales coma o Ulises, O proceso, Der Zauberberg (A montaña máxica) ou A señora Dalloway, que adiantaban correntes que adquirirían o seu predominio nas décadas seguintes. Mais, que está a acontecer no século XXI? Ocorre o mesmo nesta nova centuria? Tendo en conta que está preto de cumprirse xa ese primeiro cuarto do século, cabe preguntarse se un similar movemento estético non se estará a producir tamén na narrativa do século XXI.
Comezando polo máis difundido das letras occidentais (de cuxo canon participa a literatura galega) dos últimos vinte e dous anos, convén analizar o contexto non literario no que se producen esas obras, para ver en que medida hai circunstancias susceptibles de influír na narrativa actual. O contexto, no que ten de singularidade respecto do precedente, está marcado en gran medida pola revolución tecnolóxica e, en particular, pola eclosión das manifestacións públicas do individual, que comezaron polos blogues e continuaron moito máis masivamente coas redes sociais, no que aqueles e estas supoñen de predominio da subxectividade e de amplitude e inmediatez da Realidade (ou das realidades, por mellor dicir). O que a Internet representa para o coñecemento de feitos, persoas e acontecementos históricos e actuais outórgalle á narrativa unha amplitude de campo descoñecida en épocas anteriores. Dito doutro xeito: todo o particular contén a semente para converterse en universal mediante as posibilidades de difusión que conteñen as novas tecnoloxías.
A narrativa, e seguramente o resto dos xéneros literarios e incluso das artes, non son eidos alleos a este feito. Do mesmo xeito que a fotografía empurrou a arte pictórica cara ao abstracto e a aparición do cine reduciu as descricións da realidade física no xénero da narrativa, as posibilidades de difusión que implican as novas tecnoloxías están cambiando o paradigma literario da ficción en dous sentidos que, desde o meu punto de vista, teñen directa relación co que acabo de expoñer: o predominio da subxectividade e o relato da realidade. Ningunha desas correntes xurdiu nestas primeiras dúas décadas do século XXI, xaora, pero ambas atopan neste tempo un predominio descoñecido en etapas anteriores. (…)”

Álex Alonso: “Achegueime ao crime con pudor, non quixen recrearme na violencia”

Entrevista a Álex Alonso no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Para vir do relato curto e ser o seu debut na novela, saíulle un texto extenso.
– Álex Alonso (AA): Iso non é algo que planees. Polo menos, eu. Non comecei a escribir pensando, va, vou facer unha novela longa. Supoño que axudou a que medrara o meu interese por documentar o traballo nas noticias que ía atopando nos xornais, neste caso no Faro de Vigo. Ía seleccionando as informacións a través das que despois facía avanzar a novela. Enseguida me decatei de que a historia medraba rápido e moito. De feito, houbo un momento no que comecei a desbotar novas porque vía que me ía aos mil folios. E é certo que cando chegas a ese punto éntrache o medo de pasarte, de cargar de información a historia, de aburrir o lector. Penso que non hai ese perigo en Granito, que pode parecer longa, pero que quedou axustada. En todo caso, a extensión non foi algo premeditado.
– DP: Mencionaba antes A sangue frío, de Capote, unha referencia clara. Pero de non ficción. Tivo claro dende o principio que o seu ía ser unha recreación ficticia? Non tivo a tentación de facer outra cousa?
– AA: Non, non, que va. Eu non son Manolo Rivas. Non son xornalista nin investigador. Non me vía preguntando por aí, tratando de contactar cos superviventes de todo aquilo, coas testemuñas… Non era o caso e nin sequera sei se me contestarían. Dubídoo moito. Iso que fixo Capote de intimar cos autores do crime é que nin se me pasou pola cabeza. Non se trataba diso para nada. Eu o que atopei foi inspiración para unha novela de ficción. Nada máis.
– DP: Granito emparenta co seu libro anterior, a colección de relatos Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, no interese polo retrato da violencia na sociedade actual.
– AA: É curioso porque do meu libro anterior hai quen non se queda coa violencia senón co humor. (…)”